Shériff
| Shériff | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||
| |||||||
| Wikidata | |||||||

Shériff[1] é o nome dado a unha autoridade policial, política ou de xustiza pública en vigor en varios países anglosaxóns (Gran Bretaña, Estados Unidos de América, Canadá) e á persoa que ten esta función. As súas funcións varían segundo os países; os shériff norteamericanos son ben coñecidos internacionalmente grazas en boa medida aos filmes de Hollywood do xénero western.
Existe un cargo análogo, desenvolvido de xeito independente, en Islandia e as illas Faroe, o sýslumaður.
Descrición
[editar | editar a fonte]No inglés británico, o cargo político ou legal do shériff, o seu mandato e mais a súa xurisdición reciben o nome de shrievalty,[2] nas rexións de Inglaterra e Gales, ou sheriffdom,[3] en Escocia.
Na actualidade, o conxunto concreto de deberes legais, políticos e cerimoniais dun shériff varían moito dependendo do país:
- En Inglaterra, Irlanda do Norte e Gales, o shériff (ou high sheriff) é un cargo cerimonial dun condado ou cidade.
- En Escocia, os shériffs son xuíces.[4]
- Na República de Irlanda, nalgúns condados e nas cidades de Dublín e Cork, os shériffs son oficiais de xustiza semellantes ós bailiff.
- Nos Estados Unidos, un shériff é un axente da lei que pode asumir diversas funcións segundo o estado ou o condado no que exerza. Adoitan ser cargos electivos dun condado, e entre as súas obrigas poden estar a vixilancia de áreas non incorporadas, o mantemento das prisións condais, a seguridade dos xulgados ou a entrega de resolucións xudiciais. Ademais destas tarefas, o shériff acostuma a ser o responsable de facer cumprir a lexislación civil no seu territorio.
- No Canadá, os shériffs poden asumir varias formas, e os seus deberes e capacidades poden mudar segundo a provincia. En xeral, os shériffs canadenses encárganse do transporte de prisioneiros aos xulgados e de entregar resolucións xudiciais. Nalgunhas provincias, os shériffs traballan tamén na seguridade dos xulgados, na protección de cargos públicos e no apoio ás investigacións da policía local. En Alberta, os shériffs exercen traballos complementarios aos das forzas de seguridade, como o control do tráfico ou a resposta ás chamadas aos servizos de emerxencias no rural.
- En Australia e Suráfrica, trátase dun posto similar ó do bailiff. Nestes países, non hai necesariamente unha vinculación entre os shériffs e os condados.
- Na India, o shériff é maiormente un cargo cerimonial nunhas poucas cidades importantes.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para shériff.
- ↑ "Definition of SHRIEVALTY". Dicionario Merriam-Webster (en inglés). Consultado o 2026-05-09.
- ↑ "Sheriff Courts and Sheriffdoms in Scotland - Scots Law". www.scottishlaw.org.uk. Consultado o 2026-05-09.
- ↑ "Sheriffs - Judicial Office Holders - About the Judiciary - Judiciary of Scotland". www.scotland-judiciary.org.uk. Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2018. Consultado o 2026-05-09.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte] Este artigo é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre. |