Jim Jones

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Jim Jones
Rev. Jim Jones, 1977.jpg
Nacemento13 de maio de 1931
 Condado de Randolph
Falecemento18 de novembro de 1978
 Jonestown
Causaferida por arma de fogo
NacionalidadeEstados Unidos de América
Alma máterButler University
Ocupaciónassassino e ativista pela paz
Premiospremio Martin Luther King, Jr.
editar datos en Wikidata ]

James Warren "Jim" Jones, nado en Crete, Indiana o 13 de maio de 1931, e finado en Jonestown, Güiana o 18 de novembro de 1978, foi un relixioso estadounidense, fundador e líder da seita Templo do Pobo, famosa polo suicidio colectivo realizado o 18 de novembro de 1978 por parte de 912 dos seus membros en Jonestown (Güiana), e o asasinato de cinco individuos nunha pista de aterraxe próxima, entre elas o congresista estadounidense Leo Ryan.[1] Arredor de 300 nenos foron asasinados en Jonestown, case todos por envelenamento de cianuro.[2] Jones morreu por unha ferida de bala na cabeza presuntamente auto inflixida.

Actividades nos Estados Unidos[editar | editar a fonte]

Jones naceu en Crete, no estado de Indiana,[3][4] fillo de campesiños de orixe galesa e irlandés;[5] na súa idade adulta, Jones declaraba ante os seus seguidores ter devanceiros da tribo india cherokee, pero foi desmentido polo seu curmán segundo.[5][6] Na súa mocidade vivía atraído pola relixión e polo labor de pastores e predicadores, o cal non lle impediu unirse en 1951 ó Partido Comunista dos Estados Unidos. Tras casar coa enfermeira Madeleine Baldwin en 1949, e rematar os seus estudos universitarios, Jones uniuse como auxiliar dunha igrexa metodista en 1952 e estudar para converterse en pastor, fundou en Indianapolis unha congregación relixiosa, chamada o Templo do Pobo.

No ano 1955 e Jones manifestou dende o comezo o seu rexeitamento ó racismo facendo aberto proselitismo entre a comunidade negra da súa cidade, e dando ós seus seguidores negros un tratamento semellante ó dos seus fregueses brancos. Ó mesmo tempo, amosaba a súa adhesión ó comunismo e a súa admiración polo autoritarismo, esixindo a obediencia cega dos seus seguidores. Malia manter as súas ideas políticas, Jones empezou a afastarse do Partido Comunista dos Estados Unidos cando varios líderes deste empezaron a criticar as políticas de Stalin.

Durante os anos sesenta, á vez que dirixía obras de beneficencia a prol de drogadictos e persoas sen fogar e apoiaba o movemento de dereitos civís a prol da poboación negra, Jones entrou en pugna con outras denominacións relixiosas protestantes debido á súa aberta filiación comunista, até o punto de rexeitar a Biblia e proclamar que el mesmo era unha divindade ó mesmo nivel que Xesucristo. En 1965 Jones ordenou á súa comunidade, formada por unhas 140 persoas, dirixirse a California para centrar alí o seu afán proselitista e crear unha comunidade agraria autárquica pechada ó resto da sociedade, estabelecéndose na localidade de Ukiah.

O reverendo Jim Jones nunha manifestación en San Francisco (California).

En vista de que a nova localización dificultaba a Jones a captación de novos adeptos, ordenou ós seus seguidores dirixirse ós Ánxeles e San Francisco en 1972, estabelecendo nesta última cidade a súa sede principal. Dende esa data Jones empezou a gañar gran fama en San Francisco, realizando «curacións pola fe» e asombrando ó público coa súa disciplinada congregación relixiosa baseada na doutrina comunista. Nesa época Jim Jones e a súa esposa Madeleine, tiñan un fillo biolóxico e adoptaran a seis nenos máis, de diversas razas, para fundar así a súa «familia do arco da vella» como maneira de predicar contra o racismo. A mediados dos anos setenta pouco máis da metade de seguidores de Jones (unhas 3000 persoas) eran de raza negra.

Presionado por denuncias de prensa sobre explotación laboral contra os seus seguidores, malleiras feroces e ameazas para as familias ou individuos que tentasen abandonar a comunidade, Jones afrontou opinións adversas da prensa de San Francisco. Porén, importantes líderes locais como o alcalde George Moscone e o concelleiro Harvey Milk manifestaron o seu apoio a Jim Jones alegando a firme loita de Jones contra o racismo e a discriminación. Inclusive, grazas ás obras de beneficencia emprendidas por Jones, o alcalde Moscone encargoulle a administración das vivendas construídas con fondos municipais, a San Francisco Housing Authority en 1975.

Ó facerse máis crítica a opinión pública contra Jones, este partiu apresuradamente a Güiana en xuño de 1977, sendo seguido poucas semanas despois por case 900 fregueses.

Mortes masivas en Güiana[editar | editar a fonte]

Os membros do grupo seguiron a Jim Jones dende os Estados Unidos até a selva de Güiana, onde, segundo a doutrina de salvación do seu líder, se edificaría en realidade un paraíso na Terra, lonxe dos Estados Unidos e da sociedade capitalista. Alí Jones comprou ó goberno de Güiana unha ampla propiedade rural onde edificou unha comunidade chamada Jonestown, recibindo alí a case 900 seguidores seus chegados dende os Estados Unidos. Considérase que Jones elixiu Güiana debido a ser un país de fala inglesa (facilitando as comunicacións), cunha poboación maioritariamente de raza negra (o cal excluía toda discriminación cara ós seus seguidores negros), e cun goberno afín a outros gobernos socialistas (que por tanto non impediría operar ó comunista Templo do Pobo).

Jones, quen había tempo que creara unha atmosfera de medo e permanente ameaza externa, empezou a fomentar entre os seus adeptos unha sensación do «fin de mundo» sostendo que a Apocalipse era un evento próximo e que o Anticristo estaba encarnado no capitalismo que ansiaba destruír a congregación.

Foi un dos supostos maiores casos de suicidio colectivo ritual na historia da humanidade, eliminándose a máis de 900 persoas. En novembro de 1978 viaxou a Güiana o congresista estadounidense Leo J. Ryan, acompañado de xornalistas e algúns disidentes da seita, co fin de acudir a Jonestown para consultar se algúns fregueses de Jones desexaban abandonar a seita. Ryan quería investigar tamén se eran certas as novas sobre abusos sexuais de mulleres da seita por parte de Jones, malleiras ós descontentos, explotación laboral, escravitude e torturas a nenos.

Jones tentou impedir a visita, pero ó fracasar viuse na obrigación de organizar unha gran festa onde inicialmente o ambiente parecía de harmonía. O 17 de novembro de 1978, os membros da seita recibírono con aplausos frenéticos. «Aquí hai xente que cre que isto é o mellor que xamais lle pasou na vida», afirmou Ryan. Porén, á mañá seguinte (18 de novembro de 1978), antes de que Ryan regresase, o ambiente cambiou. Algúns poucos seguidores pediron abandonar a comunidade xunto con Ryan. O reverendo Jones considerouno unha traizón imperdoable. «Non poden irse, vostedes son o meu pobo!», berroulles Jones con desesperación ós que querían irse. Ó notar que os descontentos se retiraban cara á pista de aterraxe para seguir a Ryan, un membro da seita atacou a Ryan cun coitelo, e os homes de confianza de Jones abriron fogo contra o político e os seus acompañantes cando se dispuñan a abordar un pequeno avión. Cinco persoas foron asasinados a balazos, algúns deles a pelacorpo. Os seguidores descontentos foron forzados a volver a Jonestown.

Esa mesma mañá do 18 de novembro, Jones reuniu ós líderes da congregación e advertiu que tralo asasinato do congresista Ryan as forzas do fascismo destruirían inevitablemente o Templo do Pobo, polo cal ordenou ese mesmo día o suicidio masivo de todos os integrantes da seita que se atopaban en Jonestown. Jones dicía que «a morte só era o tránsito a outro nivel» e «isto non é un suicidio, senón un acto revolucionario». A maioría dos seus seguidores envelenáronse con cianuro, polo cal se considera oficialmente que, no medio da «histeria suicida», Jones ―no canto de suicidarse― pediulle a un dos seus seguidores que o asasinase. Jim Jones foi atopado morto dunha ferida de escopeta na cabeza, entre os 912 cadáveres achados en Jonestown.

Tim Carter, un exmembro da seita, no filme Jonestown: The Life and Death of Peoples Temple, de Stanley Nelson, dicía que polo menos non hai dúbida de que os aproximadamente 250 bebés, nenos e mozos foron asasinados.

A Jim Jones sobrevivíronlle tres dos seus fillos adoptivos, Stephan, Jim Jr. e Tim, que se atopaban en Georgetown, a capital de Güiana, como parte do equipo de baloncesto do Templo do Pobo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Alternative Considerations of Jonestown and Peoples Temple. Jonestown Project: San Diego State University.. 13 de febreiro de 2011 http://www.webcitation.org/5wTIy0buY.  Falta o |title= (Axuda)
  2. "Jones, Jim (1931 - 1978) American Cult Leader". World of Criminal Justice, Gale. Consultado o 10 de outubro de 2012. 
  3. Rolls 2014, p. 100
  4. Hall 1987, p. 3
  5. 5,0 5,1 Kilduff, Marshall and Javers, Ron. The Suicide Cult. Bantam Books, 1978. p. 10.
  6. Lindsay, Robert. "How Rev. Jim Jones and Black Spencer Gained His Power Over Followers". The New York Times. November 26, 1978). Lynetta's cousin Barbara Shaffer said "there wasn't an ounce of Indian in our family". (Lindsay, Robert. "How Rev. Jim Jones Gained His Power Over Followers". The New York Times. November 26, 1978). Shaffer said that Lynetta was Welsh. ("Jones—The Dark Private Side Emerges". Los Angeles Times. November 24, 1978). The birth records for Lynetta have since been lost. (Kilduff, Marshall and Ron Javers. "Jim Jones Always Led – Or Wouldn't Play". San Francisco Chronicle. December 4, 1978).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]