Jesús de Polanco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Jesús de Polanco
(Polanco) Rodríguez Zapatero asiste a la entrega de los premios Ortega y Gasset de Periodismo (cropped).jpeg
Nacemento7 de novembro de 1929
 Madrid
Falecemento21 de xullo de 2007
 Madrid
Causacancro
SoterradoCemiterio de La Almudena
NacionalidadeEspaña
Educado enUniversidade de Madrid
Ocupacióneditor e empresario
FillosIgnacio Polanco
PremiosGran Cruz da Orde de Isabel a Católica, Juan Lladó Prize e Medalla de Ouro ó Merito no Traballo
editar datos en Wikidata ]

Jesús Polanco Gutiérrez, coñecido habitualmente como Jesús de Polanco, nado en Madrid o 7 de novembro de 1929 e falecido o 21 de xullo de 2007 na mesma cidade, foi un empresario español do sector da comunicación.

Carreira profesional[editar | editar a fonte]

Orfo desde neno, pagou os estudos vendendo libros a domicilio. Licenciado en Dereito pola Universidade Complutense en 1953, comezou a súa traxectoria profesional en tarefas editoriais e de comercialización de libros. En 1958 fundou a Editorial Santillana.

Coa reforma educativa do ministro José Luis Villar Palasí, concretada na Lei Xeral de Educación de 1970, a editorial conseguiu un grande éxito, ao publicar libros de texto adaptados ao novo contexto con máis rapidez cás outras empresas. Crea en 1972 o grupo Timón e un ano despois incorpórase ao grupo fundador do xornal El País onde chegará a exercer de conselleiro delegado e presidente. En 1976 empézase a publicar ese xornal, que se converte rapidamente nunha referencia socialdemócrata durante a transición española. En 1984 crea a sociedade (ou holding) Promotora de Informacións Sociedade Anónima (PRISA). En 1985 constitúe a Sociedade Española de Radiodifusión (SER), dentro do grupo Unión Radio, que preside desde 1993. Tras iso, continuou expandindo os seus negocios editoriais e multimedia a Hispanoamérica ou Europa. A súa ideoloxía socialdemócrata achegouno ao PSOE e aos seus líderes, e os medios de comunicación do grupo compartían todos eles unha orientación semellante.

Posuía o 64% das accións do grupo PRISA, e un dos grupos de medios de comunicación máis importantes de Europa con negocios en xornais (xeneralistas e deportivos), radio, televisión (dixital e analóxica), ademais do sector editorial, con editoriais de distinto perfil. En 2005 foi incluído por primeira vez na lista dos máis ricos do mundo da revista Forbes dos Estados Unidos ocupando a posición 210. O 16 de novembro de 2006, o consello de administración de PRISA decidira nomear como sucesor á fronte do grupo mediático ao seu fillo, Ignacio Polanco Moreno, de 52 anos de idade.

Premios, títulos e cargos[editar | editar a fonte]

Era membro da Academia Europea das Artes e das Ciencias e do Padroado da Fundación de Axuda contra a Drogadicción. Foi nomeado (1997) fillo adoptivo de Cantabria. Doutor honoris causa en Humanidades pola Universidade Brown de Providence (1997) e membro de honra do Instituto Caro y Cuervo de Bogotá, polo seu labor de difusión da lingua española.

Ademais recibiu o Premio Juan Lladó (1994), o Premio Montblanc ao mecenado das artes (2003), a medalla de ouro do Spanish Institute de Nova York (2002) e era membro da Lexión de Honra de Francia dende 2004.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Estivo casado en dúas ocasións. Isabel Moreno Puncel foi a súa primeira muller, coa que tivo catro fillos, e da que separou en 1989 logo de 32 anos de matrimonio. O 31 de marzo de 1992 casa coa empresaria galega Mariluz Barreiros, da que se separa en 2003 logo de 19 anos de convivencia.

Faleceu aos 77 anos de idade, o 21 de xullo de 2007 vítima dun mieloma múltiple, enfermidade hematolóxica que afecta, principalmente, á medula ósea.