Javier Gómez de Liaño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Javier Gómez de Liaño
Nacemento2 de agosto de 1948
 Ourense
NacionalidadeEspaña
Educado enUniversidade de Salamanca
Ocupaciónxurista e xuíz
editar datos en Wikidata ]

Francisco Javier Gómez de Liaño y Botella, nado en Ourense o 2 de agosto de 1948, é un xurista galego. Actualmente exerce como avogado, se ben é coñecido pola súa anterior carreira como xuíz.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

É fillo do fiscal e maxistrado Mariano Gómez de Liaño y Cobaleda, e licenciouse en Dereito pola Universidade de Salamanca. Foi secretario xudicial e xuíz de vixilancia penitenciaria antes de pasar á Audiencia Nacional. Neste tribunal asumiu casos relacionados cos GAL, como o caso Lasa e Zabala. Entre 1990 e 1995 foi vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial de España.

En 1997 asumiu unha denuncia contra o grupo PRISA. Gómez de Liaño procesou a Jesús de Polanco, Juan Luis Cebrián e a todo o Consello de Administración de Sogecable por un presunto delito de apropiación indebida. Ditou sete resolucións, que foron revogadas en instancias superiores. En 1998 foi denunciado por Jesús de Polanco por prevaricación na instrución do caso, e foi condenado por ese delito e apartado da carreira xudicial. Recorreu en diversas instancias (incluídos o Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional), que rexeitaron os recursos. En 2000 recibiu un indulto do goberno presidido por José María Aznar para volver á carreira xudicial, coa condición de non se incorporar á Audiencia Nacional durante 25 anos.

En xullo de 2008 o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, malia estimar o seu recurso ao considerar que os xuíces que o xulgaran non ofreceran a suficiente «aparencia de imparcialidade», confirmou as sentenzas do Tribunal Supremo e do Constitucional, ao carecer de competencias para absolvelo. O Tribunal Europeo impuxo ao Estado español unha multa de 5.000 euros[1] en concepto de "danos morais".

Na súa nova etapa como avogado asumiu a defensa de Isabel García Marcos, imputada no caso Malaya de corrupción urbanística, pero renunciou a defendela alegando "incompatibilidade total na liña de defensa", dadas as constantes declaracións da acusada ante os medios[Cómpre referencia]. Tamén foi representante legal de Pablo Vioque. Actualmente (xullo de 2013) é o avogado de Luis Bárcenas.

Amais de exercer a avogacía, Gómez de Liaño colabora esporadicamente no diario El Mundo e publicou dous libros sobre a xustiza española: Desde el banquillo (2000) e Pasos Perdidos. Tamén escribiu unha novela de ficción, baseada nun erro xudicial: La Casa de los Momos.

Actualmente vive en Pozuelo de Alarcón.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Prevaricó; claro que sí", artigo en El País, 24 de xullo de 2008 (en castelán).