Pablo Vioque

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaPablo Vioque
Biografía
Nacemento1953 Editar o valor em Wikidata
Cáceres, España Editar o valor em Wikidata
Morte14 de decembro de 2008 Editar o valor em Wikidata (54/55 anos)
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte natural Editar o valor em Wikidata (Cancro Editar o valor em Wikidata)
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónavogado Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Pablo Vioque Izquierdo, nado en Cáceres en 1953 e finado en Madrid o 14 de decembro de 2008, foi un avogado español, coñecido pola súa implicación no narcotráfico galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De familia acomodada de Cáceres,[1] licenciouse en Dereito na Universidade de Murcia. Por relacións familiares, en 1974 ocupou o posto de avogado da Cámara de Comercio de Vilagarcía de Arousa e asesor do Banco Urquijo. En 1980 pasou a ocupar a secretaría da Cámara de Comercio e entrou en contacto como avogado con distintos contrabandistas de tabaco nas costas da ría de Arousa.

Participou na fundación de Alianza Popular e desenvolveu unha amizade persoal con Manuel Fraga. Vioque militou no Partido Popular ata que en 1989 pasou a Coalición Galega[2]. Despois viuse implicado en operacións inmobiliarias de recualificación de terreos e foi destituído por orde de Manuel Fraga[3], xa no poder, como secretario da Cámara.

Dedicado fundamentalmente á defensa de narcotraficantes, entre os seus clientes contáronse Sito Miñanco, Laureano Oubiña, ou Luís Falcón, Falconetti. Foi Falcón precisamente quen o acusou en 1989 de dirixir unha operación de narcotráfico de haxix, pola que se enfrontou ao seu primeiro xuízo. Nesa época os traficantes de tabaco estaban a dar o salto á droga, sobre todo cocaína.

En 1991 tentou desembarcar dúas toneladas de cocaína colombiana na costa de Cedeira, pero o mal tempo estragou case toda a carga. Díxolle aos exportadores colombianos que se perderan as dúas toneladas, pero queda con 100 kg. Como consecuencia da vinganza que tomaron os propietarios da mercadoría foi asasinado o tesoureiro da Cámara de Comercio local, Luis Vilas Martínez, enviado de Vioque[2].

En 1997 foi detido pola participación neste caso. Despois de varias detencións instruídas polo xuíz Baltasar Garzón e de varias postas en liberdade ordenadas polo xuíz Javier Gómez de Liaño —que co pasar dos anos acabou sendo o seu representante—, foi condenado a dezaoito anos de prisión, que empezou a cumprir en 2001. Uns meses antes, en maio de 2001, fora detido en relación cunha nova operación de narcotráfico por tentar introducir 1.800 kg de cocaína en España, pero no xuízo posterior foi absolto por falta de probas. Á condena inicial sumáronselle, iso si, sete anos máis por ordenar en 2003 o asasinato do daquela fiscal antidroga da Audiencia Nacional de España.

Porén en 2007 concedéuselle a liberdade provisional por motivos de saúde, e instalouse en Pontevedra[4]. En 2008 faleceu de cancro de colon.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "El último viaje de Pablo Vioque". El Periódico Extremadura (en castelán). Consultado o 2020-04-07. 
  2. 2,0 2,1 "Pablo Vioque, el narco que quiso asasinar a la Justicia", La Vanguardia do 2 de marzo de 2003, citado na web do Plan Nacional sobre Drogas Arquivado 24 de setembro de 2008 en Wayback Machine. (en castelán).
  3. "Fallece de cáncer el narco Pablo Vioque", Elisa Lois en El País, 15 de decembro de 2008 (en castelán).
  4. "O avogado e narcotraficante Pablo Vioque falece ano e medio logo de deixar o cárcere" Arquivado 23 de febreiro de 2015 en Wayback Machine., Fernando Salgado en Diario de Pontevedra, 16 de decembro de 2008.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Leiro Conde, B.: Un lugar tranquilo. Ed. Nigra, 1993.

Outros artigos[editar | editar a fonte]