Isaac Fraga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Isaac Fraga, retrato en Vida Gallega, 1917.

Isaac Fraga Penedo, nado en Seoane de Arcos (O Carballiño) en 1888 e finado en Vigo en 1982, foi un produtor e empresario cinematográfico galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Cursou estudios como seminarista antes de emigrar a Buenos Aires e foi alí onde coñeceu o cinematógrafo. Regresou a Galicia e converteuse nun dos primeiros exhibidores cinematográficos ambulantes que percorreron a xeografía galega. En 1909 estreouse como exhibidor cinematográfico en Santiago de Compostela cun pavillón situado no Paseo da Ferradura que foi o máis visitado da Exposición Rexional.[1] Simultaneou este pavillón con outro instalado na Alameda, que funcionou baixo o nome de Gran Cine Fraga. En Compostela arrendou tamén os locais do Recreo Artístico e o Salón Apolo nese mesmo ano, ademais do Teatro Principal.[2] Unha vez consolidada a súa posición en Compostela e en áreas estivais da cidade como Vilagarcía de Arousa en 1913 comezou a súa expansión,[2] que o consolidou como o máis importante empresario do sector en Galicia.

Entre 1914 e 1919 fíxose coa xestión dos principais locais de Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Pontevedra e Monforte de Lemos. Ademais nas sociedades recreativas e hoteis distribuíase a Revista Fraga. En 1920 instalou en Compostela o Taller de Arte e Propaganda da Empresa Fraga, dirixido por Camilo Díaz Baliño.[2] Na década dos vinte instalouse en Madrid, e contaba con locais en Xixón, Castro Urdiales, Santander, Barakaldo, Bilbao, Salamanca, Burgos ou Valladolid. Tamén levou a representación comercial de aparatos cinematográficos e maquinaria das marcas máis prestixiosas do momento, como Pathé, Gaumont, AEG ou Ertel-Werke-Munich.

Teatro Cine Fraga, na rúa Uruguai de Vigo. Obra de 1942, orixinal de Luis Gutiérrez Soto por encargo de Isaac Fraga. Restaurado por César Portela.

En 1921 debutou como produtor e presentou a serie documental España en África, tres entregas filmadas polo operador Enrique Franco sobre guións de Alejandro Pérez Lugín. Nesta faceta como produtor, mostrou interese polo cine bélico, realizando os documentais Operaciones en Ras-Medua, Regimientos heroicos, Los novios de la muerte ou Las baterías gallegas. Así coñeceu a Millán-Astray e Francisco Franco e tivo contacto con importantes membros dos círculos africanistas, o que explica o seu posterior posicionamento cando aconteceu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. Neste período creou Films Patria e impulsou a realización da serie Arriba España! La Reconquista de la Patria (1936-1938).

Froito da súa posición dominante, a Empresa Fraga era a mellor preparada para abordar a chegada do cine sonoro. O 14 de marzo de 1930 presentou no cine Tamberlick vigués The Singing Fool (O tolo cantor, 1928), o primeiro filme sonoro de ficción proxectado en Galicia. Posteriormente a Empresa Fraga saíu moi potenciada, e desde os anos 40, o cine coñeceu unha época moi boa como negocio. En 1940 decidiu construír un local que fose o emblema da empresa e o 27 de marzo de 1948, inaugurouse oficialmente o Teatro Cine Fraga en Vigo. Despois duns anos de recesión chegou a época dourada dos anos 70. A partir de entón, a Empresa Fraga iniciou un declive progresivo que culminou coa morte do empresario e fundador.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cabo Villaverde, José Luis; et al., eds. (2001). Diccionario do cine en Galicia (1896-2000). Xunta de Galicia. p. 169. ISBN 84-453-3152-3. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Cabo Villaverde, José Luis; et al., eds. (2001). Diccionario do cine en Galicia (1896-2000). Xunta de Galicia. p. 170. ISBN 84-453-3152-3. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Madrid Álvarez, Juan Carlos de la (1997). Primeros tiempos del cinematógrafo en España. Trea. ISBN 978-84-89427-81-5. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]