Irish National Liberation Army

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Irish National Liberation Army (INLA)
Organización armada de Irlanda
LíderesSeamus Costello
Creación8 de decembro de 1974
Área de operaciónsIrlanda
IdeoloxíaRepublicanismo irlandés
Socialismo
Vencellado aMovemento Socialista Republicano Irlandés
Partido Socialista Republicano Irlandés
StatusOrganización proscrita en Irlanda e o Reino Unido
En alto o fogo dende 1998
Dende entón, certas accións contra o narcotráfico

O Irish National Liberation Army, INLA (en irlandés: Arm Saoirse Náisiúnta na hÉireann, en galego: Exército de Liberación Nacional Irlandés) é unha organización paramilitar de esquerdas republicana irlandesa formada o 8 de decembro de 1974.

Compartindo unha ideoloxía marxista co Movemento Socialista Republicano Irlandés, tivo unha grande influencia nos anos setenta e comezos dos oitenta e é hoxe un dos pequenos grupos armados republicanos irlandeses. Nos seus primeiros tempos, o INLA era coñecido como o People's Liberation Army (PLA). Durante este período, o principal obxectivo do grupo era protexer aos membros do Partido Socialista Republicano Irlandés de ataques do Official Irish Republican Army (IRA Oficial).

O INLA é unha organización ilegal na República de Irlanda onde está clasificada como tal baixo as Actas de Ofensas contra o Estado 1939-1998. O goberno irlandés emitiu unha orde de supresión en 1983.[1] O Reino Unido ilegalizouno coa lexislación anti-terrorista.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Fundación[editar | editar a fonte]

Os fundadores do INLA foron Seamus Costello e outros activistas que deixaran ou foran expulsados do IRA Oficial durante o alto o fogo do OIRA de 1972 e a postura cada vez máis reformista que estaba a tomar o Official Sinn Féin. Costello adoptou unha postura que mesturaba o republicanismo tradicional con posturas marxistas. Pouco despois de ser creado, o INLA foi atacado polos seus antigos compañeiros do OIRA, que tentaban destruír o grupo antes de que puidese medrar.

O 20 de febreiro de 1975, Hugh Ferguson, membro do INLA e cargo do IRSP, foi o primeiro membro en ser asasinado. Unha das primeiras operacións militares do INLA foi o atentado contra o xefe do OIRA Seán Garland en Dublín o 1 de maio. Aínda que recibiu seis disparos, sobreviviu. Logo de varios atentados acordouse unha tregua, pero ao pouco comezaron de novo as loitas. A vítima máis importante da reanudada loita foi Billy McMillen, comandante do OIRA en Belfast, asasinado polo membro do INLA Gerard Steenson. O seu asasinato non fora autorizado pola dirección e foi condenado por Seamus Costello[3]. Isto foi seguido por varios asasinatos máis por parte dos dous bandos, nos que foi morto Seamus Costello, asasinado en Dublín o 6 de outubro de 1977.

Vítimas[editar | editar a fonte]

Segundo a base de datos Sutton da Universidade do Ulster, o INLA foi responsábel de 113 mortes durante o período coñecido como The Troubles, entre 1969 e 2001. Segundo o Roll of Honour do INLA, 33 dos seus membros morreron durante o conflito[4]

Vítimas Mortes Porcentaxe
Forzas de seguridade británicas 46 41%
Forzas de seguridade irlandesas 2 2%
Civís 39 34%
Políticos 3 3%
Paramilitares republicanos 16 14%
Paramilitares unionistas 7 6%

Notas[editar | editar a fonte]

  1. THE OFFENCES AGAINST THE STATE ACTS, 1939 - 1998, (en inglés).
  2. Home Office - Proscribed Terror Groups Arquivado 18 de marzo de 2009 en Wayback Machine. — Páxina web do Home Office, accedido o 5 de agosto de 2008, (en inglés).
  3. The Lost Revolution: The Story of the Official IRA and the Workers' Party, Brian Hanley and Scott Millar, Penguin Books, ISBN 1844881202 pp. 296–297
  4. Irish Republican Socialist Roll of Honour Arquivado 08 de xuño de 2011 en Wayback Machine., accedido o 19 de xaneiro de 2011, (en inglés).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Organizacións armadas republicanas irlandesas
Actuais: Cumann na mBan | CIRA | INLA | ÓnaÉ | RIRA | SnaÉ
Antigas: IPLO | IRA | Irish Volunteers | OIRA | PIRA | Saor Éire | Saor Uladh