Adenohipófise
A adenohipófise ou pituitaria anterior é o lóbulo anterior da glándula hipófise da base do encéfalo, que exerce unha importante función endócrina. As hormonas segregadas pola adenohipófise regulan varios importantes procesos fisiolóxicos, como a reprodución, crecemento ou estrés.
As hormonas adenohipofisarias son hormonas peptídicas que actúan sobre diversos órganos, como as glándulas adrenais, fígado, ósos, glándula tiroide e gónadas. A propia adenohipófise está regulada polo hipotálamo e por retroalimentación negativa desde os seus órganos diana.
Os trastornos da adenohipófise ou pituitaria anterior clasifícanse xeralmente pola sobreprodución ou subprodución de hormonas adenohipofisarias. Por exemplo, o prolactinoma é un adenoma da hipófise que causa unha sobreprodución de prolactina. Na síndrome de Sheehan do hipopituitarismo posparto, a adenohipófise funciona mal e subproduce todas as súas hormonas. O funcionamento da adenohipófise pode estimarse medindo os niveis sanguíneos de hormonas.
Embrioloxía
[editar | editar a fonte]A adenohipófise orixínase por unha invaxinación do ectoderma oral a partir da bolsa de Rathke [1], polo que ten unha orixe diferente da neurohipófise, que se orixina a partir do neuroectoderma.
Anatomía
[editar | editar a fonte]A hipófise ten o tamaño dun chícharo e está situada sobre a cadeira turca (sella turcica) do esfenoide. Componse de tres lóbulos: anterior, intermedio e posterior. O anterior é a adenohipófise. En moitos animais os tres lóbulos están ben diferenciados, pero nos humanos o lóbulo intermedio é pequeno, de só unhas poucas capas de células e pouco diferenciado; como resultado, ás veces considérase parte da adenohipófise [2].
A adenohipófise ou pituitaria anterior está composta por varias partes:
- Parte distal (pars distalis)
- comprende a maior parte da adenohipófise e é onde ten lugar a maior parte da produción de hormonas hipofisarias.
- Parte tuberal (pars tuberalis)
- forma unha vaíña que se estende desde a pars distalis e se envolve arredor do talo hipofisario. A súa función non está ben caracterizada.
- Parte intermedia (pars intermedia)
- sitúase entre a pars distalis e a neurohipófise ou pituitaria posterior e é moi pequena nos humanos.
Células da adenohipófise
[editar | editar a fonte]A adenohipófise segrega moitas hormonas das cales seis son as máis importantes, e son segregadas por cinco tipos de células diferentes. Estas células son de orixe epitelial e como moitas glándulas endócrinas, están organizadas en lagoas rodeadas de capilares sinusoides fenestrados aos cales se verte a súa secreción hormonal. Os tipos de células clasificábanse antes de acordo coa súa tinguidura, e eran acidófilas (células alfa), basófilas (células beta) e cromófobas (células de reserva); estas últimas non se tinguen. Pero na actualidade contamos con técnicas de inmunohistoquímica, que permitiron distinguir 5 tipos celulares secretores: somatotropas, mamotropas, corticotropas, gonadotropas e tirotropas. hai tamén células non secretoras. As características dos principais tipos son:
Somatotropas ou somatróficas
[editar | editar a fonte]As células somatotropas teñen uns grandes gránulos acidófilos, tinguíndose de cor laranxa intenso con eosina, e encóntrase gran cantidade delas na parte distal da adenohipófise. Secretan somatotropina ou hormona do crecemento. Teñen núcleo central, mitocondrias con forma de bastón, e abundante retículo endoplasmático rugoso.
Mamotropas ou luteotropas
[editar | editar a fonte]Estas células están illadas e non se agrupan ao contrario ca as outras acidófilas, as somatotropas, que se agrupan en acios. Son pequenas, poligonais, con gránulos de prolactina pequenos que se tornan grandes durante a lactación. Despois do parto aumenta o seu número, que se normaliza ao rematar a lactación. A liberación dos seus gránulos está determinada polo seu factor estimulador, o factor liberador de prolactina, e o seu inhibidor, o factor inhibidor de prolactina.
Corticotropas
[editar | editar a fonte]Estas son cromófobas, de redondas a ovoides, cun núcleo excéntrico e poucos orgánulos. Secretan ACTH (hormona adrenocorticotropa), e lipotropina. Os seus gránulos son excretados polo estímulo da hormona liberadora de corticotropina CRH.
Gonadotropas
[editar | editar a fonte]Células basófilas, redondas, con abundante retículo endoplasmático rugoso e mitocondrias. Segregan as gonadotropinas LH, e FSH. Aínda non está aclarado se existen dúas poboacións de células gonadotropas, unhas que producen a LH e outras a FSH, ou se unha mesma célula produce ambas as hormonas en diferentes fases dun mesmo ciclo secretor.
Tirotropas
[editar | editar a fonte]Son basófilas. Sitúanse preto dos cordóns, a certa distancia dos sinusoides. Distínguense polos seus gránulos pequenos de TSH ou tirotropina.
Cromófobas
[editar | editar a fonte]Non se tinguen, teñen pouco citoplasma. Estas células atópanse en medio dos cordóns que formarán as células cromófilas. Presentan pouco retículo endoplasmático rugoso e liso e aparato de Golgi pero teñen gran cantidades de polirribosomas (este feito singular levou a crer que posiblemente sexan células de sostén, aínda que tamén existe a posibilidade de que sexan células de renovación das células glandulares anteriormente citadas). Hai outra porción de células cromófobas que se chaman foliculoestreladas:
Foliculoestreladas, estreladas ou foliculares
[editar | editar a fonte]Constitúen unha poboación grande na parte distal da glándula, teñen prolongacións longas coas que forman unións herméticas entre elas pero que se encontran en medio das células de secreción. Caracterízanse por non presentar gránulos.
Secreción hormonal e regulación
[editar | editar a fonte]A secreción dos diversos tipos de células secretoras de hormonas adenohipofisarias [3] está controlada por factores inhibidores e liberadores segregados polas hormonas do hipotálamo. As neuronas neuroendócrinas do hipotálamo proxectan os seus axóns ata a eminencia media na porción máis baixa do hipotálamo [4]. Alí estes factores hipotalámicos son liberados nun plexo de capilares primarios e viaxan polas veas portais do sistema hipotalámico-hipofisario ata un plexo capilar secundario da adenohipófise, onde estimulan o tecido glandular da adenohipófise para que libere as súas propias hormonas.
Principais hormonas secretadas
[editar | editar a fonte]Hormona | Outros nomes | Símbolo(s) | Estrutura | Células secretoras | Tinguidura | Diana | Efecto |
---|---|---|---|---|---|---|---|
Hormona adrenocorticotropa | Corticotropina | ACTH | Polipéptido | Corticotropas | basófila | Glándula adrenal | Secreción de glicocorticoides |
Beta-endorfina | Polipéptido | Corticotropas | basófila | Receptor opioide | Inhibe a percepción de dor | ||
Hormona estimulante da tiroide | Tirotropina | TSH | Glicoproteína | Tirotropas | basófila | Glándula tiroide | Secreción de hormonas tiroides |
Hormona estimulante dos folículos | - | FSH | Glicoproteína | Gonadotropas | basófila | Gónadas | Crecemento do aparato reprodutor |
Hormona luteinizante | Lutropina | LH, ICSH | Glicoproteína | Gonadotropas | basófila | Gónadas | Produción de hormonas sexuais |
Hormona do crecemento | Somatotropina | GH, STH | Polipéptido | Somatotropas | acidófila | Fígado, tecido adiposo | Promove o crecemento; metabolismo de lípidos e carbohidratos |
Prolactina | Hormona lactoxénica | PRL | Polipéptido | Lactotropas e Mamotropas | acidófila | Ovarios, glándulas mamarias | Secreción de estróxenos/proxesterona; produción de leite |
As células acidófilas (de GH e PRL) teñen un gran retículo endoplasmático rugoso e producen polipéptidos dunha soa cadea sen glicosilación nin fosforilación. A tinguidura basófila resulta da acción lisosómica modificando as hormonas (ou prohormonas no caso das corticotropas) por glicosilación.
Efectos da perda da adenohipófise
[editar | editar a fonte]A perda da adenohipófise provocará:
- Detención do crecemento.
- Atrofia das glándulas suprarrenais.
- Atrofia dos testículos e ovarios.
- Atrofia da tiroide.
- Trastorno no metabolismo de lípidos, glícidos e proteínas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ G. J. Romanes. Cunninham. Tratado de Anatomía.Interamericana - Mc Grow Hill. 12ª edición (1987) ISBN 84-7605-359-2.
- ↑ Marieb, E. 2004. Human Anatomy and Physiology. Benjamin Cummings: New York.
- ↑ Wheater, P., Burkitt, H., Daniels, V. 1987. Functional Histology. Churchill Livingstone: New York.
- ↑ A. C. Guyton. Tratado de Fisiología Médica. 6ª edición (1985). Interamericana. Páxinas 1086-1089. ISBN 84-7605-029-1
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- BUHistology - 14002loa [1]
- Embryology at unc.edu Arquivado 21 de febreiro de 2010 en Wayback Machine.