Han kitab

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Han kitab (chinés tradicional: 漢克塔布; chinés simplificado: 汉克塔布; pinyin: Hàn kètǎbù; Wade-Giles: Han4 k'o4-t'a3-pu4; árabe: هان کتاب) é o nome que reciben un conxunto de textos islámicos en chinés, escritos por autores musulmáns, que explican o islam empregando terminoloxía confuciana. O termo reflicte a natureza destas obras: han 汉 significa "chinés", e kitab کتاب é "libro" en árabe.[1][2] Foron redactados principalmente a comezos do século XVIII, durante a dinastía Qing (1644-1912). Eruditos posteriores, como Ma Qixi (1857-1914), Ma Fuxiang (1876-1932) ou Hu Songshan (1880-1955) foron influenciados polos han kitab.[3][4][5]

Historia[editar | editar a fonte]

As orixes da literatura han kitab remóntanse aos traballos do erudito Hu Dengzhou no século XVI. Tras estudar durante varios anos no mundo islámico, Hu regresou á China para fundar un sistema educativo que incorporaba a análise dos textos islámicos co ensino de idiomas estranxeiros e do chinés.[6] Ao principio, tratábase de traducións de textos sufís en lingua persa. Porén, a mediados do século XVII, os intelectuais musulmáns chineses comezaron a redactar obras orixinais nas que mesturaban elementos islámicos co pensamento chinés clásico.[7]

Entre os autores do han kitab, atópanse Liu Zhi (1660-c. 1739), quen viviu en Nanjing a comezos do século XVIII, e Wang Daiyu (c. 1570-c. 1660).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dillon (1999): 131.
  2. Lipman (1997): 73.
  3. Lipman (1997): 176, 189–190, 221.
  4. Wroldsen (2023).
  5. Lai (2020).
  6. Petersen, K. (2021-07-27). "The Rich History of China’s Islam". New Lines Magazine (en inglés). Consultado o 2024-04-03. 
  7. Benite (2010).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]