Glenn Gould
Glenn Herbert Gould, nado en Toronto o 25 de setembro de 1932 e finado o 4 de outubro de 1982, foi un pianista canadense, especialmente recoñecido[1] como intérprete das sonatas e das Variacións Goldberg de Johann Sebastian Bach, así como das obras pianísticas de Arnold Schönberg.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nacido no seo dunha familia de músicos (o pai era afeccionado; a nai profesional), Gould aprendeu a tocar o piano con esta última, que tocaba ademais o órgano. O seu avó era curmán de Edvard Grieg. Foi á escola Royal Conservatory of Music cando tiña dez anos de idade, converténdose no discípulo máis famoso do pianista chileno Alberto Guerrero.
O seu primeiro concerto (tocou o órgano) tivo lugar en 1945, e fixo a súa primeira aparición con orquestra o ano seguinte cando executaba o Concerto para piano nº 4 de Beethoven coa Orquestra Sinfónica de Toronto. Realizou a súa primeira execución pública como pianista só en 1947.
Dez anos máis tarde, Gould fixo unha viaxe á Unión Soviética e foi o primeiro pianista canadense en visitar ese país despois da segunda guerra mundial.
O 10 de abril de 1964 tocou en público por última vez nos Ánxeles e anunciou que se retiraba dos escenarios cando era unha auténtica figura internacional. A razón é que empezou a sentir hastío pola interpretación en directo e creu que servía mellor á música nun estudo de gravación que na sala de concertos. Pensaba ademais que a música se preservaba mellor na intimidade.
Ademais das gravacións de piano, ás que se dedicou con afán durante o resto da súa vida, dedicouse tamén á escritura e á radio, que lle apaixonaba. Morreu en Toronto o 4 de outubro de 1982 despois de sufrir un infarto cerebral.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Jean-Pierre Thiollet, 88 notes pour piano solo, "Solo nec plus ultra", Neva Editions, 2015. p.50. ISBN 978 2 3505 5192 0.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Glenn Gould |