Giulio Caccini
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de outubro de 1551 Roma, Italia |
Morte | 10 de decembro de 1618 (67 anos) Florencia, Italia |
Actividade | |
Ocupación | compositor, teórico da música, profesor de música, cantante, musicólogo, cantante de ópera |
Período de actividade | 1589 - |
Xénero artístico | Renacemento e Música barroca |
Movemento | Música renacentista e Música barroca |
Profesores | Scipione della Palla (en) |
Alumnos | Francesca Caccini |
Tesitura | Tenor |
Instrumento | Viola da gamba (pt) e voz |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Lucia (Gagnolanti) Caccini |
Fillos | Pompeo Caccini, Francesca Caccini, Settimia Caccini |
Irmáns | Giovanni Battista Caccini |
Descrito pola fonte | Dicionario Musical Riemann (1901–1904) Encyclopædia Britannica Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Giulio Caccini (tamén coñecido como Giulio Romano), nado o 8 de outubro de 1551 en Tívoli e finado o 10 de decembro de 1618 en Florencia, foi un compositor, arpista e cantante italiano. Foi un dos fundadores da ópera e un dos compositores que máis influenciaron o estilo Barroco. Viviu gran parte da súa vida en Florencia, onde estivo 37 anos ao servizo da familia Medici.
Onde verdadeiramente destacou foi na súa faceta como cantante, mesmo ensinou canto á súa segunda muller, Lucía e ás súas dúas fillas, unha das cales, Francesca, chegou a ser unha famosa compositora e cantante.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Pouco se sabe dos seus primeiros anos de vida, sendo certo que naceu en Tívoli (preto de Roma), fillo do carpinteiro Michelangelo Caccini, que era o irmán máis vello do escultor florentino Giovanni Caccini. En Roma estudou laúde, viola e arpa, e comezou a adquirir reputación como cantor. Na década de 1560, Cosimo I de Medici quedou tan impresionado co seu talento que levou ao xove Caccini a Florencia para poder ampliar os seus estudos. Foi discípulo de Scipione della Palla en canto e laúde, e arredor de 1564 entrou na corte do Gran Duque de Toscana como músico, cantante e instrumentista.
En 1579, Caccini era xa cantor na Corte dos Médici. Era tenor e acompañábase coa viola; cantaba para entreter á corte e tamén en vodas. Compuxo suntuosos intermezzos, elaborou espectáculos musicais dramáticos e visuais, ou sexa, aquilo que máis tarde se denominaría ópera. Tamén formou parte de movementos humanistas, de escritores, de músicos e de escolas do mundo occidental, sendo cofundador da Camerata Florentina (un grupo que se reunia en casa do Conde Giovanni Bardi, e que se adicaba a descubrir a gloria, supostamente perdida, da música dramática grega). Cun conxunto de intelectuais e talentos, a Cámara desenvolveu o concepto de monodia (unha liña vocal acompañada de acordes relatívamente simples dun ou máis instrumentos), que era un comezo revolucionario para a práctica polifónica no Renacemento.
Nas dúas últimas décadas do século XVI, Caccini continuou as súas actividadees como cantor, profesor e compositor. Como profesor era subestimado, xa que empregaba un novo método. Foi el quen ensinou ao castrato Giovanni Gualberto Magli, que interpretaría o papel de Orfeo na ópera homónima de Claudio Monteverdi.
Como persoa, Caccini non parece ter sido moi honorable, xa que era frecuentemente movido pola envexa e os celos. En 1575 denunciou ao Gran Duque Francesco por un escándalo na familia dos Medici: Eleonora, dona de Pietro de Medici estaba a ter relacións ilícitas con Bernardino Antinori, e o feito de que Caccini informara do caso conduciu a que Eleonora morrera a mans de Pietro. Probablemente entón dirixiuse cara Ferrara. Catro anos despois regresou a Florencia para participar na composición da música de Maschere d’amazzoni de Ottavio Rinuccini, ofrecido con ocasión do matrimonio entre Francisco I de Medici e Bianca Cappello. En 1589 colaborou nos intermedios que festexaban a voda de Ferdinando con Cristina de Lorena. A súa fama fixo que fora invitado á Corte de Francia entre 1604 e 1605.
Caccini fixo unha última viaxe a Roma en 1592 como secretario do Conde Bardi onde, segundo os seus propios escritos, a súa música e o seu canto obtiveron unha resposta entusiasta. Porén, en Roma, a Casa de Palestrina e a Escola Romana eran musicalmente conservadores e a música de Caccini era relatívamente rara ata finais de 1600.
A súa rivalidade con Emilio de Cavalieri e Jacopo Peri parece ter sido moi intensa: posiblemente retirou a Cavalieri do seu posto de director das festividades para o casamento de Henrique IV de Francia e María de Médici en 1600, feito que fixo que Cavalieri saíse de Florencia encolerizado. Tamén apresurou a impresión da súa ópera Euridice para que fose rematada antes que a ópera de Peri que trataba do mesmo asunto, ao mesmo tempo que ordenaba ao seu grupo de cantantes que non traballaran nas producións de Peri.
Despois de 1605 influenciou pouco á música; non obstante, continuou a compoñer e a facer actuacións de música sacra. Morreu en Florencia e está sepultado na Igrexa de Santa Annunziata.
Música e influencias
[editar | editar a fonte]Florencia e Venecia eran dous dos máis progresistas centros musicais de Europa ata finais do século XVI, e a combinación das innovacións musicais de cada lugar, deu lugar ao desenvolvemento do que sería coñecido como o estilo Barroco. As composicións de Caccini eran para crear un tipo de expresión directa da música, sendo máis doado percibir aquilo que o cantante dicía, converténdose deste xeito nun estilo de ópera recitativa, que influíu en moitos outros estilos textuais da Música Barroca.
Le nuove musiche
[editar | editar a fonte]A música de Caccini que máis influíu a compositores posteriores foi a colección de monodias e cancións para voz a solo e baixo continuo, publicada en 1602, titulada Le nuove musiche. A introdución a este volume é prováblemente a máis clara descrición de motivo e máis correcta presentación de monodia do seu tempo.
Inclúe exemplos de ornamentos – por exemplo, como unha pasaxe específica pode ser ornamentada de formas diferentes, tendo en conta a emoción que o cantante queira transmitir. Caccini expresouse descontento coa ornamentación empregada polos cantantes e compositores do seu tempo.
Óperas
[editar | editar a fonte]Caccini compuxo tres óperas – Euridice (1600), Il rapimento di Cefalo (1600) e Euridice (1602), non obstante, a primeira contiña música que non era da súa autoría (era principalmente de Peri). Tamén engadiu a música para un intermedio (Io che dal ciel cader farei la luna) en 1589; e dúas coleccións de cancións de madrigais, tamén tituladas Le nuove musiche, en 1602 e 1614.
Non se conservou música para varias voces, pero escritos da época fan referencia a que Caccini estivo involucrado na música policoral contra o ano 1610. Caccini foi predominantemente un compositor de cancións para voz a solo, coas que adquiriu unha gran fama. O máis famoso dos seus madrigais é “Amarilli, mia bella”.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Giulio Caccini |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Article "Giulio Caccini", in The New Grove Dictionary of Music and Musicians, ed. Stanley Sadie. 20 vol. Londres, Macmillan Publishers Ltd., 2001. ISBN 1-56159-174-2
- Gustave Reese, Music in the Renaissance. Nova York, W.W. Norton & Co., 1954. ISBN 0-393-09530-4
- Manfred Bukofzer, Music in the Baroque Era. Nova York, W.W. Norton & Co., 1947. ISBN 0-393-09745-5
- Giulio Caccini, Le nuove musiche, tr. John Playford and Oliver Strunk, in Source Readings in Music History. New York, W.W. Norton & Co., 1950.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Partituras de Giulio Caccini en Choral Public Domain Library (ChoralWiki)