Game Boy Advance

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Game Boy Advance.

A Game Boy Advance (en xaponés: ゲームボーイアドバンス, Gēmu Bōi Adobansu), frecuentemente abreviada como GBA, é unha popular consola de videoxogos portátil da compañía Nintendo que foi fabricada desde marzo de 2001 até 2010. É a sucesora da popular Game Boy Color, sendo compatíbel con esta e as súas predecesoras.

Historia[editar | editar a fonte]

A diferenza das anteriores Game Boy que tiñan a forma vertical da Game Boy orixinal (deseñada por Gunpei Yokoi), a Game Boy Advance foi deseñada polo francés Gwénaël Nicolas e o seu estudio Curiosity, en forma horizontal cos botóns aos lados do dispositivo e non debaixo da pantalla.[1][2]

A finais de agosto de 1999, empezaron a xurdir noticias dunha sucesora da Game Boy Color na feira da Nintendo Space World, onde se desvelou que dúas novas consolas portátiles estaban en desenvolvemento. Unha versión mellorada da cámara de Game Boy con nome en clave 'Advance Game Boy' que incluía conexión inalámbrica e un novo sistema de 32 bits que non se lanzaría até o ano seguinte.[3] O 1 de setembro de 1999, Nintendo anunciou oficialmente a Game Boy Advance, incluíndo as especificacións do sistema como a súa conexión a través dun teléfono móbil e un modelo mellorado da cámara de Game Boy. Ademais desvelaron as datas planeadas do lanzamento, no Xapón en agosto de 2000 e posteriormente en América do Norte e Europa a finais de ano.[4]

Simultaneamente, Nintendo anunciou a colaboración con Konami para crear Mobile 21, un estudio de desenvolvemento que se centraría na creación de tecnoloxía para a Game Boy Advance que serviría para interactuar coa GameCube, a consola de sobremesa que por aquel entón estaba en desenvolvemento baixo o nome de "Dolphin".

O 21 de agosto de 2000, IGN mostrou imaxes do kit de desenvolvemento para a GBA correndo unha demostración da adaptación (port) de Yoshi's Story, e o 22 de agosto foron reveladas imaxes da preprodución da GBA nun número da revista xaponesa Famits. O 24 de agosto, Nintendo amosou publicamente a consola nunha presentación, desvelando tamén a data de lanzamento no Xapón e América do Norte e os 10 xogos que estarían dispoñíbeis no lanzamento da consola. Posteriormente amosouse no Nintendo Space World 2000 xunto con algúns periféricos para a consola, incluíndo a terceira xeración do Cable Link da GBA, o Cable Link para ligar a GBA coa GameCube, un pack de baterías recargábeis para a consola e o adaptador infravermello para o intercambio de datos entre consolas. En marzo de 2001, Nintendo revelou detalles sobre a versión que se lanzaría en América do Norte, xunto cun prezo suxerido de $99.99 e os 15 xogos de lanzamento. Nintendo estimou que para finais de 2001 estarían dispoñíbeis ao redor de 60 xogos para o sistema.[5][6]

Características[editar | editar a fonte]

A Game Boy Advance é capaz de executar case todo o software escrito para a Game Boy orixinal e a Game Boy Color, así como novos programas desenvolvidos tendo en conta as maiores capacidades do sistema. Ó igual que practicamente calquera consola 2D, ten soporte por hardware para debuxar a pantalla, aínda que as capacidades da Game Boy Advance resultaron sorprendentes na súa presentación: ata 128 sprites simultáneos e ata catro planos de scroll, que poden ser escalados, rotados e mesturados sen consumir tempo da CPU principal.

Conta cun procesador ARM propio de 32 bits a 16,7 MHz, baseado na arquitectura RISC, cunha potencia suficiente para permitir o desenvolvemento de xogos utilizando a Linguaxe de programación C. O microprocesador ARM é capaz de executar tanto un xogo de instrucións cun tamaño de instrución de 32 bits, como un xogo de instrucións chamado "Thumb" dun tamaño de 16 bits (pero igualmente, de 32 bits). O sistema, ademais, leva un procesador Z80 a 2 MHz para dar soporte ó software de Game Boy clásica e Game Boy Color, pero os seus dous procesadores non poden estar funcionando á vez debido a diferenzas de voltaxe e a utilización do bus de datos.

A pantalla LCD é capaz de mostrar unha retícula de 240x160 píxeles en cor de 15 bits (32768 cores). Esta pantalla inclúe máis píxeles cá orixinal Game Boy (160x144). Cando se executan xogos anteriores, o usuario pode premer os botóns L ou o R para conmutar a pantalla entre mostrar 160x144 cun bordo negro ou ben escalar a 240x144. Os primeiros xogos exhiben paletas de cor moi escuras porque a pantalla no kit de desenvolvemento era moito máis luminosa cá das unidades comercializadas. Os títulos máis recentes usan unha corrección gamma nas súas paletas.

O xerador de imaxes da GBA ten seis modos de visualización (tres baseados en bloques e tres baseados en mapas de bit) e 96 KB de RAM dedicada. Nos modos de visualización baseados en bloques, o sistema pode xestionar catro capas pixel-a-pixel, dúas capas pixel-a-pixel e unha capa afín, ou ben dúas capas afíns, e usa 64 KB de RAM para os datos de celas e mapas e 32 KB para os datos dos 'sprites'. Nos modos de mapa de bit, pode mostrar un mapa de bit grande de 16 bits, dous mapas de bits de 8 bit (en modo paxinado) ou ben un mapa de bit de 16 bit pequeno (con paxinación), usando 80 KB de RAM para os datos de mapa e 16 KB para os datos de 'sprite'. En todos os modos, pode mostrar ata 128 'sprites' (pequenos obxectos móbiles individuais) de 8x8 ata 64x64 pixels en cor indexada de 4 ou 8 bits. Cada 'sprite' pode ser debuxado mediante mapeado directo a píxel ou ben por mapeado afín.

A interface da GBA co cartucho ROM inclúe unicamente un bus de dirección de 24 bits multiplexado cun bus de datos de 16 bits. (A consola Intellivision de Mattel xa usara anteriormente un bus multiplexado). Esta configuración limita a memoria direccionable directamente a 16 megapalabras binarias (é dicir, 256 megabits ou 32 megabytes). Porén, se o cartucho dispón de hardware de conmutación de bancos pode expandir esta cantidade mediante o control por software das liñas superiores de direccionamento, conmutando outras partes da ROM no espazo de direccionamento da GBA.

A GBA tamén ten un porto serie para conectarse con outras unidades GBA nunha configuración similar á rede token ring sobre unha topoloxía física de bus. A GBA tamén pode recibir 256 KB en código de arranque a través do porto, incluso cando non ten un cartucho conectado (o que se coñece como multiboot ou netboot). Isto utilízase nas conexións multixogador, onde varias GBA poden funcionar cun único cartucho: a GBA[7] que ten o cartucho envía o código inicial ás que non o ten. O porto serie pode (co cable adecuado) conectarse a un porto serie RS-232 para axudar na depuración e, hipoteticamente, xogar a través de Internet, se ben aínda non se implantou unha pila TCP/IP na GBA.

Características técnicas[editar | editar a fonte]

  • Microprocesador: ARM7TDMI de 32 bits a 16,7 MHz, licenciado a ARM e producido por Nintendo para integrar practicamente toda a consola nun único chip, reducindo así o consumo da batería.
  • Memoria: 32 KB de memoria interna (IWRAM, Internal Work RAM) e 96 KB de VRAM (Video RAM) (32kb para sprites e 64kb para mapas), integrado no procesador e cun bus de 32 bits, 256 KB de WRAM (Work Random Access Memory) externa, cun bus de 16 bits. 1k de memoria para paletas e 1k para a configuración dos sprites (OAM). Direccionamento de ata 256 megabits (32 megabytes) de ROM (memoria de só lectura).
  • Tamaños
    • Pantalla cor TFT matriz activa de 7,4 cm (2,9 polgadas)
    • Resolución de pantalla de 240 x 160 pixeles.
    • Medidas da pantalla : 40,8 mm X 61,2 mm
    • 16 paletas de 16 cores para sprites (cuxa cor 0 úsase como transparente) e 16 paletas de 16 cores para mapeado. Posibilidade de usalas como unha única paleta de 256 cores co 0 como transparente. Ata 32.768 cores nos modos de framebuffer.
  • Dimensións:
    • Lonxitude: 144,5 mm
    • Ancho: 82 mm
    • Grosor: 24,5 mm
    • Peso: 140 g
  • Alimentación: 2 pilas AA LR 06 para unha autonomía de 15 horas.

Versións[editar | editar a fonte]

Game Boy Advance SP[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Game Boy Advance SP.
Game Boy Advance SP de cor rosa.

A primeiros de 2003 a consola actualizouse pasándose a chamar Game Boy Advance SP (GBA SP), nome cuxa orixe nunca foi confirmada e que xera varias discusións entre os afeccionados. Nintendo implementou unha pantalla con retroiluminación e unha batería de ion litio (similar ás dos teléfonos móbiles), así como un tamaño de aproximadamente a metade da GBA e cun deseño máis portátil, ó reducir o seu tamaño ó pregarse. Substituíuse o conector de auriculares mini-jack que existira en todos os modelos previos de GB, engadindo un conector especial.

Nintendo sempre negou a posibilidade de implementar pantalla retroiluminada e batería recargable por motivos de custo. Pero debido ós avances técnicos desde que o modelo orixinal viu a luz, era posible adaptar a nova versión para ter pantalla retroiluminada e batería recargable polo mesmo prezo do orixinal en 2001 ($99,99).

A mediados de 2003 fíxose posible xogar ós xogos da GBA nun televisor. Nintendo tamén lanzou o Game Boy Player para a Game Cube, permitindo a esta executar xogos de Game Boy Advance, enchufando a unidade por debaixo da GameCube.

Inicialmente lanzouse en dúas cores, negro e prata, pero foron lanzadas distintas versións como a Classic NES (que imita a veterana consola NES), a Tribal Edition (con motivos tribais), distintas edicións relacionadas coa saga Pokémon e a GBA SP Pink (en cor rosa), cuxo propósito era atraer o mercado feminino.

A piratería[editar | editar a fonte]

A principios do 2002 estivo dispoñible o hardware para levar código escrito polo usuario á GBA. Por exemplo, en decembro do 2001 podíase comprar un cartucho de memoria flash, así como o dispositivo gravador por menos de USD$200, e un dispositivo de USD$50 simula ser o cartucho mestre nun 'netboot'. En xuño do 2002 apareceu o primeiro cable libre para facer 'netboot' sobre a GBA (máis coñecido como cable multiboot). En abril do 2003, os prezos estaban por debaixo de USD$100 para o cartucho e a gravadora, e USD$30 para o arranque. Debido a iso, apareceu unha comunidade entusiasta de desenvolvemento de software. Nintendo, porén, ten unha longa tradición de contemplar estes dispositivos como "piratería", argumentan o seu posible uso en copiar cartuchos con programas baixo copyright. En febreiro do 2002, Nintendo comezou a enviar cartas ameazadoras a algúns vendedores estadounidenses destes periféricos. Os contenciosos anteriores levaran á prohibición de importar dispositivos similares para as Game Boy de 8 bits.

Accesorios[editar | editar a fonte]

O accesorio e-Reader lanzouse a finais do ano 2002 e funciona soamente con modelos Game Boy Advance e a súa evolución SP, pero non coa Game Boy Micro e é compatible coa Nintendo DS Lite. Este dispositivo é similar a un lector de códigos de barras. Xogos sinxelos, a miúdo vellos títulos de NES, son impresos en trading cards, escaneados polo dispositivo para cargar cada xogo na GBA. Para videoxogos propios da consola, as cartas permiten desbloquear diversas funcións. Este dispositivo non saíu en Europa oficialmente.

Catálogo de xogos[editar | editar a fonte]

A Game Boy Advance conta cun numeroso e prolífico catálogo de xogos que abrangue moitos xéneros, sendo quizais a mellor consola portátil nese aspecto ata a data, onde as grandes compañías como Konami, Capcom, Square, Namco e a propia Nintendo lanzaron para o sistema xogos, desde marzo do 2001 ata o 2007, sendo totalmente substituída pola Nintendo DS.

Entre os xogos lanzados atópanse os seguintes:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gameboy Advance | WORKS - CURIOSITY - キュリオシティ -.
  2. Van Tilburg, Caroline (2002). Curiosity: 30 Designs for Products and Interiors. Birkhauser Verlag AG. ISBN 978-3764367435. 
  3. "Game Boy's Next Incarnation?". IGN. 27 de agosto de 1999. Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2000. 
  4. "It's Official: The Next Generation Game Boy". IGN. 1 de septembro de 1999. Arquivado dende o orixinal o 27 de novembro de 1999. 
  5. Ahmed, Shahed (7 de marzo de 2001). "Nintendo announces North American GBA launch details". GameSpot (en inglés). 
  6. "The US Price and Launch Titles for GBA - IGN" (en inglés). 7 de marzo de 2001. 
  7. "GBA BIOS". bios. 27 de novembro de 2021. Consultado o 31 de xaneiro de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]