Game Boy Micro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Logo da Game Boy Micro.
Game Boy Micro prateada.
Exposición de consolas Game Boy Micro en varias cores.

A Game Boy Micro é unha pequena videoconsola pórtatil da empresa xaponesa Nintendo. Lanzada ao mercado en 2005, trátase do derradeiro modelo de Game Boy e o segundo redeseño da Game Boy Advance, á cal se cambiou o seu deseño, facéndoo así máis pequeno, lixeiro, práctico e moderno. Contén unha batería de ión litio e unha pantalla retroalumada con axuste de intensidade. Hai máis de 5 deseños, entre eles o prata, o vermello, o rosa, o azul e o verde. A Micro só é compatíbel cos xogos das Game Boy Advance, xa que non posúe o hardware necesario pra a compatibilidade cos xogos de Game Boy e Game Boy Color.[1]

Introdución[editar | editar a fonte]

A Game Boy Micro foi revelada por primeira vez o 17 de maio de 2005 por Reggie Fils-Aime (CEO de Nintendo of America entre 2006 e 2019) no E3 de 2005.

O sistema foi lanzado no Xapón o 13 de setembro do 2005, en América o 2 de outubro do 2005, en Australia o 3 de novembro do 2005, en Europa o 4 de novembro de 2005 e na China, baixo o nome de iQue Game Boy Micro, o 1 de outubro de 2005.

O sistema vendíase a menos de 99$ nos Estados Unidos, un prezo algo superior aos 79$ que custaba daquela a Game Boy Advance SP. O sistema dende o lanzamento atopábase dispoñíbel en cores vermella e prateada, e na edición especial do 20.º aniversario. No Xapón vendíase a 12.000¥,[2] que son 2.800¥ máis ca a Game Boy Advance SP.

Deseño e especificacións[editar | editar a fonte]

A Game Boy Micro conserva moitas das funcionalidades da Game Boy Advance SP, mais con novos elementos. É o modelo máis pequeno de todas as Game Boy, e é moito máis lixeira, tendo dous terzos de peso menos ca o iPod Mini. Ademais destaca a capacidade de reaxustar o alumamento da pantalla a catro tons. Na Game Boy Micro tamén destaca, ao igual que algúns teléfonos móbiles, en que se pode cambiar a carcasa, habendo moitas carcasas coleccionábeis con deseños variados.

  • Dimensións: 50 x 101 x 17.2 milímetros. A consola é tan pequena que posúe un tamaño semellante ao dunha tarxeta de crédito.[3]
  • Peso: 80 gramos (2.8 onzas)[4]
  • Procesador: de 32 bit e 16.8 MHz (AMRM7TDMI)
  • Pantalla: 51 milímetros, 2 polgadas. Luz con alumamento axustábel.
  • Batería: A batería de ión litio recargábel tarda unhas 2,5 horas en cargar ao máximo.[4] Dura 7 horas co volume e a luz ao máximo e 13 horas co volume e a luz medios.

A Game Boy Micro ten tamén un interruptor no seu lado dereito para axustar o volume. Na parte superior esquerda atópase o botón L que pode ser usado para axustar o ton do alumamento. Nintendo deseñou o seu adaptador de música-vídeo para a Game Boy Micro, coñecido como Play-Yan Micro. Este adaptador pode reproducir (unicamente na Game Boy Micro e na Nintendo DS Lite, xa que é moi pequeno para as outras consolas) ficheiros MP3 e ficheiros de vídeo con cartas SD.

Saída e vendas[editar | editar a fonte]

Game Boy Micro vendeu máis de 170.000 unidades nos seus primeiros días de venda no Xapón. Segundo os informes financeiros, vendéronse pouco menos de 2.000.000 de unidades da Micro en todo o mundo, que son: 590.000 unidades no Xapón, 530.000 unidades en Norteamérica e 800.000 en Europa e Australia.[5]

Reinicio en quente[editar | editar a fonte]

A Game Boy Micro ten ademais a posibilidade de reiniciarse de maneira analóxica, isto é, cortando e restabelecendo fisicamente o paso da electricidade mediante o interruptor de aceso/apagado da consola, a posibilidade de facer un reinicio en quente, ou sexa, un reinicio da consola de maneira dixital, isto é, sen a necesidade de romper o circuíto físico. Isto é especialmente útil cando un xogo fica conxelado ou cando se está xogando cun cartucho que inclúe a posibilidade de xogar a varios xogos (Final Fantasy I & II: Dawn of souls, por exemplo). En calquera caso, isto pódese realizar apertando en calquera momento (só basta que a consola estea acesa) e de maneira simultánea os botóns Start+Select+A+B.

Edicións especiais[editar | editar a fonte]

  • 1. Game Boy Micro Pokémon Center Pikachu Edition (2005).
  • 2. Game Boy Micro 20 Aniversario.

Críticas[editar | editar a fonte]

No seu libro Disrupting the Game: From the Bronx to the Top of Nintendo (en galego: Interrompendo o xogo: do Bronx ao cume de Nintendo), Reggie Fils-Aime criticou negativamente á Game Boy Micro. O ex CEO de Nintendo of America escribiu que a Game Boy Micro nunca debería ter saído ao mercado porque, segundo el, a consola é tan pequena que a unha persoa adulta de tamaño razoável cústalle premer os botóns.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]