Game Boy Advance SP

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Game Boy Advance SP de cor azul.

A Game Boy Advance SP, frecuentemente abreviada como GBA SP, é unha consola de videoxogos portátil fabricada pola empresa xaponesa Nintendo e lanzada ao mercado en marzo de 2003. Basicamente é un redeseño da Game Boy Advance, con varias funcións engadidas como batería ou pantalla alumada. É totalmente compatíbel coas súas antecesoras.

As siglas SP fan referencia a "Special Project" (en galego Proxecto Especial), termo aclarado por Nintendo na súa páxina web de atención ao cliente. Durante os seus anos de comercialización vendéronse 53 millóns de unidades da Advance SP.[1]

Cambios respecto da Game Boy Advance[editar | editar a fonte]

A carcasa da SP é encartábel, reducindo o seu tamaño, aproximadamente, á metade cando está encartada. Ten pantalla frontalmente alumada, con opción a apagar o alumamento. Conta cunha batería de ión litio recargábel, de duración estimada de 10, 15 ou 18 horas dependendo do uso do alumamento. O adaptador de auriculares cambia o estendido minijack a un porto propio que coincide co porto de alimentación. Até esta versión, Nintendo sempre negara a posibilidade de implementar pantalla alumada e batería recargábel por motivos de custo. Mais por mor dos avances técnicos dende que a Advance viu a luz, era posíbel adaptar a nova versión para ter pantalla alumada e batería recargábel polo mesmo prezo da orixinal en 2001 ($99,99). Porén, algúns sospeitan que o verdadeiro motivo pode ser a necesidade de responder ao produto Afterburner, de Triton Labs, un kit de alumamento frontal da GBA orixinal para levar unha luz sen unha perda de duración da batería.

O novo deseño da carcasa ten a vantaxe de que reduce a exposición da pantalla mentres non se está usando a consola, reducindo o risco de rascadelas.

Tardíamente apareceu só para os mercados europeo e americano unha versión da Game Boy Advance SP 'Brighter' (máis brillante). Esta, en lugar de incorporar alumamento frontal (Front Light Unit) incorporaba retroalumamento (Back Light Unit).

Características técnicas[editar | editar a fonte]

Dimensións, pantalla e peso[editar | editar a fonte]

  • Tamaño (pechada): altura de 82 mm, ancho de 84,6 mm e unha profundidade de 24,3 mm.[2]
  • Pantalla (diagonal): 2.9 polgadas LCD (TFT) cor reflexiva, de 32.768 cores e 240x160 píxeles, con luz frontal (na versión Brighter, luz traseira).
  • Peso: 143 g.[2]

Batería[editar | editar a fonte]

A batería orixinal da Advance SP é de ións de litio (Li-ion) de 3,7v e 700 mAh. É dunha composición similar á que inclúen a maioría dos teléfonos móbiles. A súa duración aproximada é de 18 horas coa luz frontal apagada e 10 horas con ela acesa; tarda tres horas en recargar.[2]

A autonomía da batería do modelo retroalumado (a Game Boy Advance SP Brighter) é de aproximadamente 13 horas no axuste baixo e 8 horas co axuste alto. A luz da SP retroalumada pódese axustar co uso dun botón coa muesca dun sol no centro superior do control da SP. Na GBA SP orixinal, este botón só apaga e acende o alumamento. Nintendo anunciou que os avances tecnolóxicos permitiron que a GBA SP incluíse unha pantalla alumada e batería recargábel. Lanzou a SP ao mesmo prezo da GBA orixinal ($99.99 USD). Unha motivación adicional que puido ser unha necesidade de responder o kit lanzado no mercado con diversos accesorios para a Game Boy Advance dos laboratorios de Tritón, que demostrou que a GBA orixinal podía ter unha luz interna cunha vida aceptábel da batería.

Actualmente existen kits de terceiros que permiten instalar na GBA SP unha batería de capacidades maiores (como 850 ou 900 mAh) que permitiría dotar á consola dunha maior autonomía.

Cores da carcasa[editar | editar a fonte]

As cores principais son (orixinal): Prata, negra e azul. As cores principais da versión Brighter son: Azul perla, grafito e rosa.

Especificacións técnicas internas[editar | editar a fonte]

  • Procesadores: CARM7TDMI RISC de 32 bits (arquitectura ARM) a 16 MHz (xogos GBA) e LR35902+ CISC custom (baseado no 8080 e no Z80) a 4.194304 MHz (xogos GB).
  • Memoria: 32 kilobits+96 kilobits de VRAM (CPU interna), 256 kilobits de WRAM (CPU externa).
  • Resolución: 240 x 160 píxeles.
  • Cor: Pode exhibir 511 cores simultáneas en modo de carácter e 32.768 cores simultáneas en modo memoria de imaxe.
  • Software: Retrocompatíbel con xogos de Game Boy, Game Boy Color e Game Boy Advance, posibilidade de conexión a elas mediante cable Game Link.

Versión retroalumada[editar | editar a fonte]

No Xapón en xaneiro de 2005, en Europa en marzo de 2005 e en Norteamérica en setembro de 2005, ao redor da época do lanzamento da Game Boy Micro, Nintendo lanzou unha versión mellorada da Game Boy Advance SP que ofrecía unha pantalla con retroalumamento (luz traseira) no canto da luz frontal. Ademais, dita versión permite axustar o brillo a dous niveis: baixo ou alto.

Oficialmente Nintendo non utilizou unha denominación diferente para distinguir entre a versión antiga e a nova. Pódense distinguir pola caixa, que indica a mensaxe "cunha pantalla retroalumada máis brillante". De xeito non oficial este modelo coñeceuse como Brighter ou SP Lite (nomeado así por mor do lanzamento da Nintendo DS Lite) ou simplemente SP2 (por ser unha segunda versión). Outro xeito de distinguir a versión retroalumada (BackLight) da de alumamento frontal (FrontLight) é mediante o modelo da consola; os modelos son AGS-101 e AGS-001 respectivamente.

Esta segunda edición está dispoñíbel en tres cores: azul perla, grafito e rosa, e ademais dispón de diferentes edicións especiais.

Edicións especiais[editar | editar a fonte]

Foron lanzadas distintas versións especiais da Advance SP como a Classic NES (que imita á veterana consola NES), a Tribal Edition (con motivos tribais), a edición Kingdom Hearts (de cor negra con serigrafia do xogo), distintas edicións relacionadas coa saga Pokémon e a GBA SP Girl Edition (en cor rosa), cuxo propósito era atraer ao mercado feminino. Tamén se lanzaron outras dúas versións con distintos xogos en modo pack: a versión de The Legend of Zelda, de cor dourada e co símbolo da Triforza que se vendía xunto ao xogo The Legend of Zelda: The Minish Cap; e a versión de Super Mario, de cor vermella e azul coa "M" de Mario debuxada e que se vendía co xogo Mario vs. Donkey Kong.

Edicións especiais Pokémon[editar | editar a fonte]

Existen un total de 8 modelos:

  • 1. Game Boy Advance SP Pokémon Center Torchic (2003).
  • 2. Game Boy Advance SP Pokémon Center Groudon (2003).
  • 3. Game Boy Advance SP Pokémon Center Kyogre (2003).
  • 4. Game Boy Advance SP Pokémon Center Charizard (2004).
  • 5. Game Boy Advance SP Pokémon Center Venusaur (2004).
  • 6. Game Boy Advance SP Chinese Pikachu Edition (2004).
  • 7. Game Boy Advance SP Pokémon Center Pikachu (2005).
  • 8. Game Boy Advance SP Pokémon Center Rayquaza (2005).

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]