GALPon MiniNo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
GALPon MiniNo
Captura Escritorio Galpon Minino 2.0
Desenvolvedor Equipo de GALPon MiniNo
Familia de S.O. GNU/Linux
En galego Si
Modelo de desenvolvemento Software libre
Núcleo Linux
Tipo de núcleo Monolítico
Licenza GPL e outras
Última versión estable 2.1 agosto 2014
Estado actual En desenvolvemento
Sitio web minino.galpon.org

GALPon MiniNo é unha distribución de GNU/Linux que ofrece un sistema Debian GNU/Linux executable dende o medio de instalación e instalable, especialmente optimizado para desenvolverse eficazmente en equipos antigos ou con poucos recursos de hardware.

GALPon MiniNo está pensado para equipos con procesador compatible 386, 64MB de RAM e 1 GB de disco ríxido, aínda que foi probado en equipos Pentium 117 MHz con 32 MB de memoria RAM e 1 MB de memoria gráfica reproducindo vídeos, en múltiples formatos, funcionando adecuadamente[1].

En agosto de 2014, foi liberada a versión 2.1, logo de case dous anos. Carga un 10% máis rápida e inclúe as últimas versións de case todas as aplicacións que traía a versión 2.0. No entanto, pesa case 850 megas, e é 200 megas máis pesada que a versión 2.0. Isto é debido, principalmente, a que trae a versión de LibreOffice 4.2.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

A finais de 2006, o sistema operativo Guadalinex Mini cambiou a súa base en Debian GNU/Linux pola de Ubuntu. Unha parte importante da comunidade do proxecto considerou o cambio desatinado, pois aumentaba o consumo de recursos con respecto á versión anterior do sistema. Ante esta situación Antonio Sánchez ─coñecido dentro da comunidade como “guadafan”─ comezou deselvolver pola súa conta “MiniNo” ─de Mini No oficial[1]─, unha distribución completamente independente con Debian GNU/Linux como base.

Por aquel entón, os computadores reciclados da Universidade de Vigo (Grupo de Reciclaxe informático da Universidade de Vigo, GRUVI) utilizaban como sistema operativo Guadalinex Mini 2004. Os coordinadores da área de software do GRUVI, membros de GALPon (Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra), tampouco consideraron atinado o novo rumbo que tomara a distribución da Xunta de Andalucía, polo que un dos seus membros, Miguel Bouzada, comezou desenvolver tamén unha distribución con base Debian e que mantivese a lixeireza necesaria para soportar os computadores do GRUVI e software ao día: “GALPon Mini”.

Entre finais de 2006 e principios de 2007 Antonio e Miguel comezaron traballar nos seus respectivos proxectos, ata que entre abril e maio dese ano se puxeron en contacto e, tras ver que os seus obxectivos e ideas apuntaban nunha mesma dirección, xuntaron os seus esforzos para desenvolver a distribución GALPon MiniNo.[2]

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Durante o proceso de desenvolvemento, procurouse combinar un núcleo o máis lixeiro posible, ferramentas de baixos requisitos coas máximas prestacións posibles, un escritorio esteticamente amigable e uns requisitos de hardware e consumo mínimos. Así mesmo, buscouse que o sistema tivese as traducións ao castelán e o galego completas.

GALPon MiniNo introduciu a posibilidade de traballar co formato ODF mediante a última versión de AbiWord. Para a xestión de fiestras utilizouse IceWM, e ROX-Filer para a xestión de ficheiros e o escritorio. Ademais, moitas das ferramentas utilizadas tiñan as traducións ao castelán e o galego incompletas ─especialmente as deste último─, e tamén había bastantes aplicacións que non estaban nin tan sequera internacionalizadas ─non se podían traducir─, polo que durante o desenvolvemento do sistema tamén se realizaron intensos traballos de internacionalización e localización[3].

En outubro do 2008 publicouse a primeira versión de GALPon MiniNo, a 1.0, que tivo por nome en clave “Málaga” para a súa edición en castelán e “Ronsel” para a edición en galego. A versión 1.1, de corrección de erros, viu a luz pouco despois. Paralelamente publicouse unha versión destinada á xestión de ONG, só con software libre, baixo o nome de MiniNo GestiONG.

Nestes momentos[cando?] o equipo de desenvolvemento está a traballar no desenvolvemento da seguinte versión da distribución, a 1.2, co nome en clave “Alguadaira”, que probablemente será publicada a finais do verán do 2010. Os cambios con respecto á versión anterior son moitos, pero optouse por reservar a nomenclatura «2.x» para a versión de GALPon MiniNo que xa se está a desenvolver[cando?] sobre a versión “Squeeze” de Debian GNU/Linux.

Entre as funcionalidades de Alguadaira cómpre salientar a escolla da lingua dende o propio instalador ─Málaga e Ronsel instalaban o sistema en castelán e galego, respectivamente─, a detección automática doutros sistemas operativos da máquina permitindo arranque dual, ou o arranque automático sen contrasinal por defecto.

Motivación[editar | editar a fonte]

A motivación para o desenvolvemento desta distribución pode atoparse nos beneficios que reporta tanto a nivel do medio ambiente como a nivel social. A nivel do medio ambiente, a distribución permite alongar a vida útil dos computadores bastantes anos e así conservar recursos naturais e reducir a polución. A nivel social, a reutilización de computadores permite que persoas ou organizacións con poucos recursos non teñan que investir na adquisición de novos equipos[4].

Ademais, as alternativas privativas que poderían cubrir este tipo de necesidades, é dicir, funcionar nas máquinas antigas ou con poucos recursos, están por regra xeral obsoletas. Teñen o problema de que o seu software está excesivamente anticuado, ata o punto de que en ocasións non permiten a correcta visualización de simples páxinas web ou non dispoñen das necesarias actualizacións de seguridade. Así mesmo, son incompatibles con todo tipo de hardware máis recente, o que limita aínda máis a súa utilidade.

Instalación[editar | editar a fonte]

Como case calquera distribución de GNU/Linux, GALPon MiniNo pode executarse dende o propio medio de instalación, ou instalarse no sistema. O medio de instalación pode ser un CD, un DVD ou un dispositivo USB. Asemade, existen imaxes VDI para utilizar a distribución nunha máquina virtual de VirtualBox.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]