Galinux-Slax

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Non confundir con Galinux-Ubuntu.

Galinux-Slax é unha distribución GNU/Linux (en adiante só Linux) baseada noutra distribución chamada Slax (Slackware). O máis especial de Galinux-Slax é que se pode instalar coexistindo con Windows XP no mesmo disco duro sen modificar o inicio nin facer particións.

Características[editar | editar a fonte]

Está deseñado para o ensino nos centros educativos galegos: é moi doado de manexar, ten unha aparencia e organización "familiares" para os usuarios dos sistemas operativos Windows de Microsoft (en diante só Windows), emprega o galego en todas as aplicacións e ferramentas posibles e ademais é moi seguro: por defecto non é posible a escritura en unidades de disco con formato NTFS (Windows XP e outros); mesmo hai un modo de inicio especial no que só está permitida a navegación web (kiosk mode).

Conta con tres presentacións, coma calquera outro programa instalable para Windows XP (sen facer particións nin modificar o sector de inicio), Live-CD de inicio (non precisa sistema operativo previo nin disco duro) ou instalador universal para discos duros, memorias USB etc. (executable desde Linux/MS-DOS/FreeDOS/Win9X/NT/XP).

En todos os casos compórtase coma un Live-CD executándose en memoria RAM, é dicir, non se instala dun xeito real e non interfire cos arquivos nin documentos gardados no disco duro. Apagando o PC todo queda como estaba antes de arrincar Galinux-Slax e non se gardan por defecto cambios na configuración nin nos documentos. Pero tamén é moi doado facer que garde os cambios e documentos por defecto.

A pesar de iniciarse coa mesma ou maior rapidez que outros sistemas operativos que necesitan unha instalación real, xestiona ben o hardware de moitos tipos de PCs sen ter que engadir drivers adicionais. Galinux-Slax pode executarse sen problemas en moitos ordenadores antigos ou escasos de recursos.

É configurable: pode decidir en calquera momento –xa na instalación en Windows XP- cales programas e ferramentas serán cargados por omisión en cada reinicio. Se ten Galinux-Slax xa iniciado e logo decátase de que nesa sesión necesitaba algún máis, pode cargalo "en vivo" con só facer clic nun módulo (tipo de arquivo especial que instala programas ou configuracións dun xeito automático e instantáneo).

Programas incluídos[editar | editar a fonte]

  • Ensino: Editor e reprodutor de actividades Clic, actividades interactivas de física e matemáticas, xogo do aforcado, repaso de latín, alfabetos internacionais, formas verbais do castelán, adestrador de vocabulario, asociar tarxetas e termos, quebrados, figuras xeométricas, calculadora científica, trazador de funcións, planetario, táboa periódica, lectura de notas musicais, actividades infantil e primaria Atnag, titorial de mecanografía, anagramas e editor de exames e tests. Para informática e desenvolvemento tamén hai ferramentas para tradutores, programación en Logo, editores de páxinas web e outros.
  • Internet: Navegadores Firefox, SeaMonkey, Opera e Konqueror, intercambio P2P, voz sobre IP, mensaxería, Google Earth e xestores de correo electrónico.
  • Multimedia e controladores: Java, Flash, programas de edición gráfica, de música e son, reprodutores multimedia, edición de imaxes ISO, decodificadores e controladores para distintos tipo de arquivos e hardware.
  • Ofimática: Suites OpenOffice.org e Koffice con correctores (galego), publicacións con Scribus e procesador de textos independente (Abiword).
  • Seguridade: antivirus, firewall e escritura en discos/particións NTFS (deshabilitada por defecto).
  • Outros: Ferramentas de xestión de discos duros/particións, emulador de sistemas operativos, ferramentas de desenvolvemento, de servidor (PHP, MySQL, FTP etc.) e moitos xogos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazón externas[editar | editar a fonte]