Free Cinema

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Free Cinema (cinema libre en galego) foi un movemento cinematográfico que xurdiu en Inglaterra a mediados da década de 1950. O termo fai referencia á ausencia de intención propagandística ou busca de éxito comercial. Foi cofundado por Lindsay Anderson, que logo se desvencellou da idea de “movemento”, Karel Reisz, Tony Richardson e Lorenza Mazzetti. O movemento comezou coa exhibición de tres curtametraxes no National Film Theatre de Londres o 5 de febreiro de 1956. A exhibición tivo tanto éxito que apareceron outros cinco programas baixo o cartel de Free Cinema antes de que os fundadores decidisen acabar a serie. A última mostra tivo lugar en marzo de 1959. Tres das exhibicións consistiron en traballos de cineastas americano.

Bases[editar | editar a fonte]

Anderson e Reisz fundaran previamente, con Gavin Lambert, o efémero pero influente xornal Sequence. A partir da frase de Anderson "No Film Can Be Too Personal" (“ningún filme pode ser demasiado persoal”) lanzouse o primeiro manifesto do Free Cinema. Foi escrito por Lindsay Anderson e Lorenza Mazzetti no café The Soup Kitchen, en Charing Cross, onde traballaba Mazzetti. Esta manifesto dicía:

Estes filmes non se fixeron xuntos; nin coa idea de exhibilos xuntos. Pero cando veñen xuntos sentimos que teñen unha actitude común. Implícita nesta actitude é a crenza na liberdade, na importancia da xente e na relevancia do cotián.

Como cineastas cremos que
      Ningún filme pode ser demasiado persoal.
      A imaxe fala. O son amplifica e comenta.
      O tamaño e irrelevante. A perfección non é un obxectivo.

      Unha actitude significa un estilo. Un estilo significa unha actitude.[1][2]

Nunha entrevista en 2001, Mazzetti explicou que a referencia ao tamaño foi suxerida polos entón innovadores experimentos no CinemaScope e outros formatos para grandes pantallas. Reisz dixo que "Unha actitude significa un estilo" quería dicir que "un estilo non é un asunto de ángulos de cámara nin xogos de pés, é unha expresión, unha expresión precisa da túa opinión particular."[3]

A primeira exhibición do Free Cinema tivo tres filmes:

  1. O Dreamland (1953), de Anderson, non amosado previamente sobre un parque de atraccións en Margate, Kent.
  2. Momma Don't Allow (1956), de Reisz e Richardson, sobre un club de jazz en Wood Green (Londres).
  3. Together (1956), de Mazzetti, ficción documental sobre unha parella de xordomudos nun East End atacado polas bombas.

Os filmes foron acompañados polo provocativo manifesto, que lles deu aos cineastas unha valiosa publicidade. As seguintes mostras trouxeron outros cineastas como Alain Tanner, Claude Goretta, Michael Grigsby e Robert Vas. Tres das seis mostras estiveron dedicadas a obras estranxeiras, como ao cinema de Polonia, á Nouvelle Vague e ao americano Lionel Rogosin, invitado co seu filme On the Bowery, xunto con Norman McLaren e Georges Franju.

Características[editar | editar a fonte]

Os filmes eran “libres” no sentido de que estaban feitos fóra da industria e distinguíanse polo seu estilo e actitude nas condicións de produción. Todos os filmes eran baratos, apenas un cento de libras e especialmente con subvencións do Experimental Film Fund do British Film Institute. Algúns dos filmes posteriores foron patrocinados pola Ford Motor Company ou financiados independentemente. Eran tipicamente rodados en branco e negro e en películas de 16mm, empregando cámaras en man, sen banda sonora sincronizada, engadida separadamente. Moitos destes filmes omitían deliberadamente a narración. Os cineastas compartían a determinación de fixarse en asuntos cotiáns da clase obreira británica, xa que sentían que estas persoas foran pasadas por alto na industria británica dominada pola clase media.

Os fundadores foron desdeñosos cos documentais oficiais feitos no Reino Unido, particularmente co Documentary Film Movement das décadas de 1930 e 1940 asociadas con John Grierson, se ben exceptuaban a Humphrey Jennings. Outra recoñecida influencia foi director francés Jean Vigo. O Free Cinema mantén semellanzas con outros movementos, como o cinéma vérité e o Direct Cinema.

Legado[editar | editar a fonte]

O Free Cinema foi a principal influencia da British New Wave de finais da década de 1950 e de primeiros de 1960, e todos os fundadores, agás Mazzetti fixeron filmes asociados co movemento. Richardson dirixiu Mirando cara a atrás con ira (1958), A Taste of Honey (1961) e The Loneliness of the Long Distance Runner (1962); Reisz Saturday Night and Sunday Morning (1960); e Anderson This Sporting Life (1963) e If.... (1969).

Moitos destes filmes foron catalogados como parte do xénero chamado "realismo da pía da cociña" e moitos foron adaptacións de novelas ou obras de escritores do grupo "angry young men".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Free Cinema Arquivado 05 de marzo de 2008 en Wayback Machine., Close-Up film
  2. Free Cinema manifesto, febreiro, citado en Free Cinema, 2006, BFI DVD booklet
  3. Entrevista Arquivado 06 de febreiro de 2008 en Wayback Machine. por Kevin MacDonald en 2001 na BFI con varios pioneiros do Free Cinema.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]