Jean Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jean Vigo
Nome completoJean Bonaventure de Vigo Almereyda
Nacemento26 de abril de 1905
Lugar de nacementoParís
Falecemento5 de outubro de 1934
Lugar de falecementoParís
Causatuberculose
Soterradocemiterio de Bagneux
NacionalidadeFrancia
Ocupacióndirector de cinema, montador, guionista e realizador
PaiMiguel Almereyda
FillosLuce Vigo
Na rede
IMDB: nm0897118 Allocine: 3884 Allmovie: p115432
Find a Grave: 6797036 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Jean Vigo, nado en París o 26 de abril de 1905 e finado o 5 de outubro de 1934, foi un director de cine francés. É coñecido fundamentalmente por dúas películas que tiveron unha grande influencia no desenvolvemento posterior do cine francés: Zéro de conduite (1933) e L'Atalante (1934).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era fillo do militante anarquista catalán Eugène-Bonaventure de Vigo, coñecido co sobrenome de Miguel Almereyda (anagrama de "y a de la merde"), director do periódico Le Bonnet Rouge. O seu pai foi arrestado e encarcerado en Fresnes, onde, en 1917, foi atopado morto, estrangulado cos cordóns dos seus zapatos. A causa da reputación do seu pai, Jean debeu adoptar un pseudónimo, Jean Sales. Entre 1918 e 1922 foi alumno nun internado de Millau, experiencia na que se baseou para rodar Zéro de conduite.

A súa primeira película, a mediametraxe muda À propos de Nice (1930), é unha especie de ensaio fílmico de ton satírico que explora as desigualdades sociais da Niza dos anos 20, lanzando unha feroz diatriba contra os veraneantes burgueses. No filme colaborou o director de fotografía ruso Boris Kaufman (irmán do director Dziga Vertov), que interviría despois en tódalas obras de Vigo.

En 1930, Vigo crea en Niza un cine-club chamado "Les Amis du Cinéma", onde programa, entre outras moitas, películas soviéticas. O seu seguinte filme, de encargo, foi Taris, roi de l'eau (1931), un documental sobre o campión de natación Jean Taris, destacable sobre todo polas tomas subacuáticas.

Zéro de conduite é unha obra moito máis persoal. Rodada con baixo presuposto, é unha mediametraxe de 45 minutos que narra a insurrección dos estudantes dun internado contra os seus estritos profesores. Gran parte do argumento baséase nos recordos de Vigo, que pasou gran parte da súa infancia en internados. O filme é un canto ó anarquismo infantil, e tivo unha grande influencia sobre a ópera prima de Truffaut, Les Quatre Cents Coups, unha das películas chave da nouvelle vague. Considerada antipatriótica, estivo prohibida en Francia ata 1946.

Ó ano seguinte, en colaboración con Boris Kaufman, produciu a súa obra mestra, L’Atalante (1934). Na película cóntase a historia de amor entre un mozo mariñeiro sen obxectivos e a súa moza esposa. A acción transcorre nun pequeno cargueiro, onde a parella recentemente casada vese obrigada a convivir cun vello piloto, interpretado por Michel Simon.

Jean Vigo faleceu en París de tuberculose, e foi inhumado no camposanto de Bagneux, na capital francesa.

Jean-Luc Godard adicoulle a súa película Les Carabiniers.

Premio Jean Vigo[editar | editar a fonte]

En 1951 foi creado na súa honra en Francia o Premio Jean Vigo, que distinguiu frecuentemente a realizadores novos. Desde 2007, o Festival Punto de Vista de Pamplona (que toma o seu nome do "punto de vista documentado" que defendía Jean Vigo) entrega un "Premio Jean Vigo" ó mellor director dos que compiten na súa sección oficial.

Filmografía[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]