Flavio Cresconio Coripo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Flavio Cresconio Coripo
Nacementoséculo V
Lugar de nacementoÁfrica
Falecementopost. 568
NacionalidadeImperio Bizantino
Ocupaciónpoeta e escritor
Coñecido porIohannis e In laudem Iustini Augusti minoris
editar datos en Wikidata ]

Flavio Cresconio Coripo (lat.: Flavius Cresconius Corippus) foi un poeta épico romano tardío do século VI cuxa época de florecemento foi a dos emperadores bizantinos Xustiniano I e Xustino II. As obras principais de Coripo son o poema épico Johannis e o panexírico In laudem Justini minoris. Coripo foi probabelmente o último autor latino importante da Antigüidade tardía.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Coripo era nativo de África e nun dos manuscritos é chamado grammaticus (profesor). Foi identificado ás veces, pero sen base suficiente, con Cresconio, un bispo africano (século VII), autor dun Concordia Canonum, ou colección de leis eclesiásticas.

Nada se sabe de Coripo á parte dos que aparece nos seus propios poemas. Parece ocupar a oficina de tribuna ou notaría (scriniarius) baixo Anastasio, tesoureiro oficial e chambelán de Xustiniano I, ao final de cuxo reinado deixou África por Constantinopla, aparentemente como consecuencia de perder as súas propiedades durante as guerras mouras e vandálicas.

Obra[editar | editar a fonte]

Foi autor de dous poemas, de considerabelmente importancia para a historia da época, un dos cales non foi descuberto até comezos do século XIX. Este último, dedicado aos nobres de Cartago, que foi composto en primeiro lugar, titúlase Johannis ou De bellis Libycis, e relata o derrocamento dos mouros por parte un tal Xoán Troglita, magister militum no 546. Está formado por oito libros (o último sen terminar) e contén uns cinco mil hexámetros. O relato comeza co envío de Xoán ao escenario da guerra por parte de Xustiniano, e termina coa decisiva vitoria preto de Cartago (548).

O outro poema (In laudem Justini minoris), en catro libros, contén a morte de Xustiniano, a coroación do seu sucesor Xustino II (13 de novembro de 565) e os primeiros sucesos do seu reinado. Está precedido por un prefacio, e un curto e sobrecargado panexírico sobre Anastasio, o patrón do poeta. A Laus foi publicada en Anveres en 1581 por Miguel Ruiz de Azagra, secretario do emperador Rodolfo II, a partir dun manuscrito do século IX ou X[1].

O prefacio contén unha referencia a unha obra previa do autor sobre as guerras en África, e aínda que Johannes Cuspinianus (1473–1529) na súa De Caesaribus et Imperatoribus afirmaba ver un manuscrito da mesma na biblioteca de Buda (destruída por Suleiman II en 1527), non foi até 1814 cando foi descuberto en Milán polo cardeal Mazzucchelli, bibliotecario da Biblioteca Ambrosiana, no codex Trivultianus (na biblioteca do marqués Trivulzi), o único manuscrito de Johannis aínda conservado.

O Johannis «non só é unha fonte histórica valiosa senón unha obra de destacado mérito poético». Proporciona unha descrición da terra e a xente do África romana tardía, que rexistra conscientemente as impresións dun intelixente observador nativo[2]. Moitas das súas sentenzas sobre as maneiras e costumes son confirmadas tanto por fontes antigas independentes (como Procopio) como polo coñecemento sobre os berberes modernos.

Estilo e influencias[editar | editar a fonte]

Virxilio, Lucano e Claudiano foron os principais modelos do poeta. A Laus, que foi escrita cando xa contaba cunha avanzada idade, aínda que estragada por un servilismo «bizantino» e unha flagrante adulación a un obxecto de ningún xeito digno, bota moita luz sobre as cerimonias cortesás da Roma tardía, como o relato da ascensión de Xustino e a recepción da embaixada dos ávaros.

En xeral a linguaxe e a métrica de Coripo, considerando a época na que viviu e o feito de que non era un italiano nativo, é destacabelmente pura. Que fose cristián é algo probábel debido aos indicios negativos, como a completa ausencia dos accesorios mitolóxicos habituais nun poema épico, as alusións positivas ás Sacras Escrituras e a pasaxe altamente ortodoxa de Laus iv.294 e seguintes. As edicións de Johannis por Pietro Mazzucchelli (1820) e da Laus por Pierre-François Foggini (1777) seguen sendo valiosas polos seus comentarios[3][4]. Ambas están incluídas no volume 28.º do Corpus scriptorum historiae Byzantinae.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Flavio Cresconio Coripo, Ruiz de Azagra, M. Corippi Africani grammatici De laudibus Justini Augusti minoris heroico carmine libri IIII. Amberes: ex officina Christophori Plantini. OCLC 65138001. 
  2. Laistner (1931). Thought and letters in western Europe, A.D. 500 to 900. Ithaca, Nueva York: Cornell University Press. OCLC 3568916. 
  3. Flavio Cresconio Coripo, Mazzucchelli, P. Flavii Cresconii Corippi Iohannidos seu de bellis libycis libri VII. Milán: Imp. ac Reg. Typogr. OCLC 165544969. 
  4. Flavio Cesconio Coripo, Foggini, P. F. De laudibus Iustini Augusti minoris. Roma: apud B. Francesium. OCLC 24561802. 
  5. Niebuhr (1828). Corpus scriptorum historiae Byzantinae. Bonn: Impensis E. Weberi. OCLC 3084036. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Coripo: Johannis ou De bellis Libycis.
    • Texto francés, con introdución e anotacións neste idioma, no sitio de Philippe Remacle (1944 - 2011): ed. de 1900, en Tunes.