Festina lente

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Festina lente
Autor/aMarcos S. Calveiro
CubertaRamón Trigo
Linguagalego
ColecciónNarrativa
Xénero(s)Novela histórica
EditorialEdicións Xerais
Data de pub.2008
Formato14,5 x 22 cm.
edición rústica cosida a fío
Páxinas288
ISBNISBN 978-84-9782-786-7

Festina lente é unha novela histórica do escritor Marcos S. Calveiro, publicada en maio de 2008 por Edicións Xerais. Recibiu o Premio da Crítica de narrativa galega dese mesmo ano, amais do Premio Fervenzas Literarias 2008 e o Premio Irmandade do Libro 2009.

A novela conta a vida de Ambrosio Cavaleiro, un encadernador nado en Nogueirosa (Pontedeume), que desenvolveu toda a súa vida profesional na Compostela que cruza do século XVI ao século XVII. A novela é tamén un retrato da vida cultural da cidade naquel tempo: artesáns de acibeche, impresores, a derrota da Armada Invencible, a Inquisición etc.

Orixe do título[editar | editar a fonte]

O título procede do oxímoro latino festina lente, que significa "bule devagariño". O primeiro en adoptar esta expresión como lema persoal foi Augusto, pero á novela chega a través do impresor Aldo Manuzio, que o fixo seu e que o colocaba como sinatura dos seus traballos.

Personaxes principais[editar | editar a fonte]

  • Ambrosio Cavaleiro. Nado en Nogueirosa en 1568 e falecido en Compostela en 1627. Foi aprendiz no obradoiro de encadernación de Ubaldo Luaces e logo da morte deste, titular do obradoiro. Tamén coñecido nalgúns capítulos como Lucas de Pruzos, dedicado baixo esta forma a recoller libros raros e tesouros bibliográficos.
  • Ubaldo Luaces. Propietario do obradoiro de encadernación onde entra a traballar Ambrosio Cavaleiro. Falece en 1591 e déixalle o obradoiro a Cavaleiro.
  • Gaspar de Arce, chamado o Vello. Personaxe real. Arquitecto santanderino que traballa como mestre de obras da catedral de Santiago de Compostela. Chegara a Galicia en 1571, da man do seu curmán o bispo de Lugo Fernando Velosillo, e logo de traballar na construción da Torre das Campás da catedral de Lugo, mudouse a Santiago para construír o Hospital de San Roque, baixo a protección do arcebispo Francisco Blanco Salcedo. Na ficción, morre asasinado en Cangas en 1617.
  • Mateu Lopes. Personaxe real[1] que traballou en Pontevedra e que despois foi mestre de cantería no mosteiro de San Martiño Pinario. Na ficción, morreu asasinado en Compostela.
  • Francisco González Araúxo. Personaxe real. Arquitecto portugués, mestre de obras da catedral de Santiago de Compostela.
  • Bieito González Araúxo. Irmán do anterior, arquitecto portugués que traballou en Santiago de Compostela.

Trama[editar | editar a fonte]

A novela narra a vida de Ambrosio Cavaleiro desde que o entrega o seu pai como aprendiz do encadernador Ubaldo Luaces, ata que falece. No camiño, herda o obradoiro de Luaces, dedícase a perseguir textos raros e libros valiosos baixo un pseudónimo e ten relacións sexuais e amorosas cun paxe do deán da catedral, que o levan a enfrontarse á Inquisición. Pero ao mesmo tempo a novela segue a historia dun códice, gravado cun sinal de tres serpes que teñen forma de pegada de lavanco, que é co que comeza e remata a novela.

O códice pertence a unha confraría de canteiros, e dúas faccións desa confraría andan na súa disputa. Unha delas, da que coñecemos a Gaspar de Arce, consegue o códice en Lugo, pero logo é asasinado o portador en Noia. Alí o atopa Gaspar de Arce, que o conserva toda a vida, se ben o deixa gardado no obradoiro de encadernación de Ubaldo Luaces, primeiro, e logo no de Ambrosio Cavaleiro. A outra facción, formada polos arquitectos portugueses Mateu Lopes, Francisco González Araúxo e o seu irmán Bieito González Araúxo, tentarán recuperar o códice en van, deixando varias mortes ao seu paso, entre elas a do propio Gaspar de Arce.

O códice queda no obradoiro de Ambrosio, que llo entrega nos seus últimos anos a un impresor compostelán, neto de canteiros, que emigra a América. No último capítulo, un indíxena centroamericano atopa o códice nun cadáver e marcha correndo con el. O documento está escrito no verbo dos arxinas.

Realidade e ficción[editar | editar a fonte]

Moitos dos personaxes que se citan na novela existiron en realidade, tanto principais como secundarios, se ben non todos os seus actos están demostrados con fontes.

Os espazos narrados describen a Compostela do século XVI, e as súas rúas entre murallas. A rúa de Armada, onde se situaba o obradoiro de encadernación de Cavaleiro, está agora desaparecida, e moitos outros lugares da cidade mudaron de nome con respecto á época actual.

Un dos elementos importantes na novela é o verbo dos arxinas, código gremial que empregaban os canteiros galegos.

Traducións[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Teresa Claudia Moure Pena, "A capela de don Antonio García de Rajóo no templo de San Francisco de Pontevedra", in Pontevedra. Revista de Estudios Provinciais, nº 19 (2003), páx. 99
  2. Ficha en BiTraGa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]