Fei Ming
Nome orixinal | (zh) 废名 |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 9 de novembro de 1901 |
Morte | 7 de outubro de 1967 (65 anos) |
Educación | Universidade de Beijing |
Actividade | |
Campo de traballo | Escrita creativa e profesional |
Ocupación | escritor, mestre |
Movemento | Escola de Beijing |
Fei Ming (chinés tradicional: 廢名; chinés simplificado: 废名; pinyin: Fèi Míng; Wade-Giles: Fei4 Ming2), pseudónimo de Feng Wenbing 冯文炳, nado en Huangmei (Hubei) o 9 de novembro do 1901 e finado en Changchun (Jilin) o 4 de setembro do 1967, foi un escritor e investigador chinés.[1][2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fei Ming naceu en Hubei o 9 de novembro do 1901, nunha familia acomodada. Porén, dende novo tivo unha saúde fráxil. Durante a súa infancia, formouse nun centro privado tradicional, estudando os libros clásicos. Aos 13 anos, ingresou na Escola Normal de Huangmei, e no 1917 aprobou os exames de ingreso na primeira Escola Normal Nacional de Hubei. Alí, entrou en contacto coa nova literatura e, sobre todo, coa nova poesía, que o fascinaron até o punto de querer dedicar toda a súa vida ao labor literario.[2][3]
Tras graduarse, traballou como profesor nunha escola de primaria de Wuchang. Durante esta etapa, comezou a relacionarse co escritor Zhou Zuoren (1885-1967), irmán de Lu Xun (1881-1936). No 1922, ingresou no departamento de inglés da Universidade de Beijing, e comezou a publicar poesía e novelas. Fei Ming afondou nas obras da nova literatura, participou na Sociedade Qiancao e contribuíu á revista Yusi. En outubro do 1925, publicou a súa primeira escolma de novela curta, Zhulin de gushi 竹林的故事 ("Historias da fraga de bambú").[2][3]
No 1927, o xeneral Zhang Zuoling (1873-1928) mandou disolver a Universidade de Beijing. Indignado, Fei Ming deixou os estudos, tomando un posto de profesor de instituto. Dous anos despois, logrou graduarse en inglés pola reconstituída universidade, aceptando logo un posto no seu departamento de chinés. No 1930, xunto con outros escritores, fundou a revista Luotuo cao, da que sería editor. A publicación duraría 26 números.[3]
Durante a guerra contra os xaponeses, Fei Ming regresou a Huangmei como profesor de escola. Alí, escribiu Alaiye zhilun 阿赖耶识论 ("Epistemoloxía da conciencia fundamental"). No 1946, obtivo un posto de profesor asociado de chinés na Universidade de Beijing, até que no 1952 foi trasladado á Universidade Renmin de Manchuria, en Changchun, como director do departamento de chinés. Alí, participou na vida cultural e política da provincia de Jilin.[3]
Faleceu o 4 de setembro do 1967, en Changchun, a causa dun cancro.[3]
Estilo
[editar | editar a fonte]Fei Ming é considerado un discípulo de Zhou Zuoren e, como tal, é unha das figuras máis representativas da chamada Escola de Beijing. Entre as súas obras máis recoñecidas, destacan Zhulin de gushi 竹林的故事 ("Historias da fraga de bambú", 1925), Qiao 桥 ("A ponte", 1932) e Moxuyou xiansheng zhuan 莫须有先生传 ("Biografía dun home sen fundamento", 1932). As novelas de Fei Ming son famosas pola súa prosa, cun estilo de creación moi distintivo, que acusa a influencia de Sheng Congwen (1902-1988) ou Wang Zengqi (1920-1997). Segundo o autor, o seu obxectivo é expresar os contidos da poesía a través da linguaxe da prosa.[4]
Malia a súa reputación, as obras de Fei Ming atopan poucos lectores debido ao seu estilo críptico. No mundo literario, mantivo unha fonda amizade con Zhou Zuoren e Yu Pingbo (1900-1990). Aquel explicou o estilo "áspero" de Fei Ming e Yu Pingbo do seguinte xeito: "en xeral, hai dúas razóns para que un texto sexa críptico, a profundidade de pensamento ou a confusión".
O propio Fei Ming fixo varias consideracións sobre o seu propio estilo:
Canto ás técnicas de expresión, inspireime na poesía chinesa. Escribo novelas como os poetas de Tang compoñían cuartetos. Os cuartetos contaban con vinte ou vinte e oito caracteres por peza; as miñas novelas son, por suposto, máis longas, pero ao empregar os métodos do cuarteto estou certo de non dilapidar as palabras.Fei Ming:《废名小说选·序》(Novelas escollidas de Fei Ming: Prefacio)
Pensamento
[editar | editar a fonte]Fei Ming investigou por extenso o budismo, en especial a doutrina da só-mente (sánscrito: vijñapti-mātra), que analizou no seu libro Alaiye shilun 阿赖耶识论 ("Epistemoloxía da conciencia fundamental"). Porén, estas investigacións filosóficas do autor apenas recibiron atención. Segundo Zhou Zuoren: "coñecía ben as Lunyu e o Zhuangzi, así coma os sutras budistas; admiraba especialmente o Niepanjing 涅槃经 (Sutra do nirvana)".
Obras
[editar | editar a fonte]- Zhulin de gushi《竹林的故事》("Historias da fraga de bambú", 1925).
- Taoyuan《桃园》(1928).
- Zao 《枣》("A azofeifeira", 1931).
- Qiao《桥》("A ponte", 1932).
- Moxuyou xiansheng zhuan 《莫须有先生传》("Biografía dun home sen fundamento", 1932)
- Tan xinshi《谈新诗》("Sobre a nova poesía", 1944).
- Shuibian 《水边》("A beira da auga", 1944).
- Alaiye zhilun《阿赖耶识论》("Epistemoloxía da conciencia fundamental", 2000).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Feng, Jiannan (1989). 新文学史料 (en chinés). Renmin wenxue chubanshe.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Tang, Yan (2017). "Fei Ming (废名) 1901–1967 (Routledge Encyclopedia of Modernism)". www.rem.routledge.com (en inglés). Consultado o 2024-03-24.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Feng, Jiannan (1989). 新文学史料 (en chinés). Renmin wenxue chubanshe.
- ↑ Wang, Candy Fan (2022). "The Poetics of Fei Ming: How the Classical Merged with the Modernist". Rupkatha Journal (en inglés) 14 (1): 1–11. doi:10.21659/rupkatha.v14n1.02.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Fei Ming (Poetry Foundation)