Estribo (construción)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A superestrutura da presa de Kurobe en Xapón descansa sobre estribos de formigón opostos.
Estribo para unha gran ponte de arco de aceiro en Manhattan.
Estribo de ladrillo que soporta un tranvía en desuso sobre o río Yass en Nova Gales do Sur.

Un estribo[1] é a subestrutura nos extremos dunha ponte ou presa que soporta a súa superestrutura.[2] As pontes dun só van teñen estribos en cada extremo que proporcionan soporte vertical e lateral ao van, ademais de actuar como muros de contención para resistir o movemento lateral do recheo de terra da aproximación da ponte. As pontes de varios vanos requiren piares para soportar os extremos dos vans non soportados por estribos.[3] Os estribos das presas son xeralmente os lados dun val ou garganta, pero poden ser artificiais para soportar presas en arco como a presa de Kurobe en Xapón.[2] [4]

O termo de enxeñería civil tamén pode referirse á estrutura que soporta un lado dun arco,[5] ou cachotería utilizada para resistir as forzas laterais dunha bóveda.[6] A imposta ou ábaco dunha columna na arquitectura clásica tamén pode servir de estribo a un arco.

Terminoloxía[editar | editar a fonte]

  • En galego: O Dicionario Visual da Construción publicado polo COAG indica o termo "estribo".[1] O bUSCatermos recolle estribo, cerco, contraforte e botarel.[7] Dicionarios de galego reintegracionista recollen o termo botaréu, do francés bouterau do francés.[8]
  • O termo inglés "abutment" é moi empregado nos eidos técnicos da enxeñaría e arquitectura.[9]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo estribo en construción remite ao obxecto estribo. Provén do latín medieval "strīppium", a correa usada para axudar a montar a cabalo. Esta palabra, á súa vez, podería ter se derivado do protoxermánico *stīg-, relacionado co acto de "subir" ou "escalar", e *rapp-, que significaría "corda" ou "correa". Estas raíces tamén deron lugar a palabras similares en outras linguas xermánicas, como o inglés "stirrup" e o alemán "Stegreif", relacionadas co inglés antigo "stīgan" (como stair), que significa "ascender" e "rap" (rope, "corda").[10][11]

O termo botaréu/ botarel (e botarell, boutareu...) comparte raíz con botar, do protoxermánico *bautaną ("bater"), da raíz indoeuropea *bhau- , e do protoindoeuropeo *bʰeyə-, *bʰau- (bater, golpear).

A palabra inglesa abutment deriva do verbo "abut", que significa "tocar por medio dun borde mutuo" e comparte etimoloxía con botaréu.[12]

Uso[editar | editar a fonte]

Pódese usar un estribo para transferir cargas dunha superestrutura á súa cimentación, para resistir ou transferir o propio peso, cargas laterais (como a presión da terra) e cargas do vento, para soportar un extremo dunha lousa de aproximación ou para equilibrar forzas verticais e horizontais nunha ponte de arco.

Tipos[editar | editar a fonte]

Os tipos de estribos inclúen:

  • Estribo de gravidade, resiste a presión horizontal da terra co seu propio peso morto
  • Estribo U, estribo de gravidade en forma de U
  • Estribo cantilever, muro de contención cantilever deseñado para grandes cargas verticais
  • Estribo de altura total, piar en beiril que se estende desde a rasante do paso inferior até a rasante da calzada do paso superior
  • Estribo de talón ou cepo (stub abutment), estribos curtos na parte superior dun terraplén ou pendente, normalmente apoiados sobre pilotes
  • Estribo semi-stub, tamaño entre estribo de altura total e estribo cepo
  • Estribo de contraforte, semellante aos muros de contención de contraforte
  • Estribo de derrame ou estribo de envorcamento (Spill-through abutment), contrafortes verticais con espazos abertos entre eles
  • Sistemas MSE, sistema "Reinforced Earth" (terra reforzada): unidades modulares con reforzo metálico
  • Estribo dobrado, similar ao estribo derramado

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Dicionario Visual da Construción" (PDF). Macmillan Visual Dictionary - Versión en galego publicada polo COAG. 
  2. 2,0 2,1 "Glossary". usbr.gov (en inglés). 
  3. Abbett, Robert W. (1957). American Civil Engineering Practice III. Nova York. pp. 26–22&26–32. 
  4. "toyama; kuro4". suiryoku.com (en xaponés). 
  5. Beall, Christine (1987). Masonry Design and Detailing for Architects, Engineers and Builders. McGraw-Hill. p. 449. ISBN 0-07-004223-3. 
  6. Pevsner, N. (1970) Cornwall; 2nd ed. Harmondsworth: Penguin; p. 245
  7. "estribo, abutment". aplicacions.usc.es; bUSCatermos. Consultado o 2023-08-20. 
  8. "Significado de botaréu no Dicionário Estraviz". estraviz.org. Consultado o 2023-08-20. 
  9. "abutment". Dictionary.Cambridge.org. 
  10. "ESTRIBO". Etimologías de Chile - Diccionario que explica el origen de las palabras (en castelán). Consultado o 2023-08-20. 
  11. "Etymology, origin and meaning of stirrup". www.etymonline.com (en inglés). Consultado o 2023-08-20. 
  12. "Meaning of root *bhau-". www.etymonline.com (en inglés). Consultado o 2023-08-20. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]