Beiril

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Un beiril é a parte ou zona que remata unha cousa, que a rodea ou constitúe o seu límite con outra cousa, xeralmente sobresaíndo dela.[1]

Estrutura en arquitectura e enxeñaría[editar | editar a fonte]

Esquema dunha viga en beiril.

Un beiril, no contexto da enxeñaría estrutural e arquitectura, é un tipo específico de estrutura que se estende dende un punto de apoio fixo e soporta cargas ao longo da súa lonxitude. Un extremo da estrutura permanece fixo, coñecido como encastramento ou engastamento, mentres que o outro é libre. Esas restricións na translación e rotación en un extremo caracterizan un beiril, tamén chamado cantilever por influencia do inglés, ou voadizo, estrutura voadiza por influencia do castelán (véxase terminoloxía).

O termo aplícase tanto a elementos lineais, como vigas e columnas, como a elementos laminares, como lousas. Pontes, farolas, ás de avión e balcóns dos edificios son outros exemplos deste tipo de elementos estruturais.[2]

A ponte Pierre Pflimlin construída sobre o Río Rin entre Alemaña e Francia, cunha construción temporal en estrutura de beiril, consola ou saínte.

A resistencia dun beiril depende da capacidade do material para resistir momentos de torsión, do deseño da armadura empregada e da distribución da carga. Está deseñado para maximizar a eficiencia na distribución da carga, minimizando a deformación. Tamén pode soportar desprazamentos relativos ou ter apoios elásticos impostos, cuxas restricións son descritas polas condicións de fronteira de Robin.

Terminoloxía[editar | editar a fonte]

Beiril da Fallingwater, a "Casa da fervenza". Os operarios negáronse a retirar os estadais da armazón provisional e foi o mesmo arquitecto Frank Lloyd Wright quen os retirou.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A palabra beiril en galego e portugués parece derivar da palabra beira,[3][4] á súa vez proveniente do latín riparia ou do celto-latino viria= anel, círculo, derivada da raíz indoeuropea *wei- (torcer, dobrar), o mesmo que o asturleonés veiril e o castelán vera. A estrutura de beiril tamén se pode referir a unha estada saliente, ou andamio.[5]

Outros termos[editar | editar a fonte]

En portugués tamén se usan os termos consola, estrutura em consola e estrutura de consola. O termo inglés cantilever extendeuse a outros idiomas, e provén probabelmente da combinación de "cant" e "lever", do francés levier (panca) que provén do latín levare (elevar) e á súa ver da raíz protoindoeuropea *legwh- "lixeiro, sen peso". A orixe de "cant" é incerta, pero unha posibilidade é que derive do termo "can", referido a un extremo de madeira que sobresae dun muro, que serve como apoio para as vigas.[6][7]

En galego tamén é usado o termo voadizo, adaptación do castelán voladizo, elemento que voa ou sobresae (tamén existe o termo salidizo, menos empregado).[8] O termo non é recollido polo bUSCatermos, o DRAG ou o Dicionario Visual da Construción editado polo COAG, pero é comunmente usado por empresas, medios e administración.[9][10][11][12][13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Dicionario; beiril". Real Academia Galega. Consultado o 2023-08-03. 
  2. Hool, George A.; Johnson. Handbook of Building Construction 1. p. 2. 
  3. "beiril" (en portugués). 2014-08-23. 
  4. "beira" (en inglés). 2023-07-27. 
  5. "Dicionario Visual da Construción" (PDF). Macmillan Visual Dictionary - Versión en galego publicada polo COAG. 
  6. "cantilever". www.etymonline.com; Etymology, origin and meaning (en inglés). Consultado o 2023-08-03. 
  7. "cantilever" (en inglés). 2023-06-09. 
  8. "voladizo". RAE (en castelán). 
  9. "A Xunta recibe 9 ofertas para executar a primeira fase do acondicionamento da estrada Pontevedra-Marín, na vía da Estribela, cun investimento de case 950.000€". COPE. 
  10. Redación (2019-10-11). "Montse Prado pide á Xunta vixilancia activa para evitar a lesiva ampliación da depuradora de Muros". Contrainformación. Consultado o 2023-08-03. 
  11. "Capela de Santa Cruz". Patrimonio Galego. Consultado o 2023-08-03. 
  12. "Catalogación da alta Limia". www.altalimia.org. Consultado o 2023-08-03. 
  13. "Detalles Construtivos. CYPE. FIR542-B: Viga en voadizo perpendicular á viga de borde con extremo vertical. Forxado reticular. Bloques perdidos.". detallesconstructivos-gal.cype.es. Arquivado dende o orixinal o 22 de xuño de 2021. Consultado o 2023-08-03. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre arquitectura é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.