Acrosoma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O acrosoma é un orgánulo que se encontra na parte anterior da cabeza dos espermatozoides de moitos animais. Ten forma de carapucha e deriva do aparato de Golgi. Nos mamíferos euterios o acrosoma contén encimas dixestivos, entre os que se inclúen a hialuronidase e a acrosina.[1] Estes encimas rompen a capa de células que rodea o óvulo e a membrana externa que o protexe, chamada zona pelúcida, permitindo que o núcleo haploide do espermatozoide penetre na célula e poida unirse ao núcleo haploide do óvulo. Xeralmente colaboran no proceso de acceso e perforación da zona pelúcida varios espermatozoides á vez.

A liberación do contido do acrosoma ou reacción acrosómica pode estimularse in vitro por substancias que un espermatozoide pode atopar de forma natural, tales como proxesterona ou fluído folicular, e tamén polo máis habitualmente usado ionóforo de calcio A23187. Isto faise comunmente cando se quere facer un control positivo para valorar a reacción acrosómica dunha mostra de esperma por citometría de fluxo [2] ou por microscopía de fluorescencia. Previamente hai que tinguir cunha lectina fluoresceinada como a FITC-PNA, FITC-PSA, FITC-ConA, ou un anticorpo fluoresceinado como o FITC-CD46.[3]

Esquema dun espermatozoide humano

O acrosoma fórmase durante o proceso da espermatoxénese, a partir da fusión de vesículas procedentes do aparato de Golgi, orgánulo onde se encontran os encimas acrosómicos. Nas primeiras fases da espermioxénese, o acrosoma preséntase en forma de vesícula acrosomal ou proacrosomal. Tras a condensación do núcleo celular, a vesícula diríxese ao extremo apical da cabeza do espermatozoide en formación e presenta forma piramidal. O acrosoma está limitado pola membrana acrosomal externa (pegada á membrana celular) e pola membrana acrosomal interna (pegada á membrana nuclear).

Nos casos de globozooespermia (espermatozoides con cabezas redondas) o aparato de Golgi non se transforma en acrosoma, o que é causa de infertilidade masculina.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "acrosome definition - Dictionary - MSN Encarta". Encarta. Arquivado do orixinal o 2009-10-31. http://www.webcitation.org/5kwDPQanq. Consultado o 2007-08-15. 
  2. Miyazaki et al. Archives of Andrology 25:243-251 (1990)
  3. Carver-Ward et al. Journal of Assisted Reproduction and Genetics, Vol. 14, no. 2, 1997
  4. Page 155 in: Hermann Behre; Eberhard Nieschlag (2000). Andrology : Male Reproductive Health and Dysfunction. Berlin: Springer. ISBN 3-540-67224-9.