Túbulo seminífero

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Sección dun túbulo seminífero con tinguidura de hematoxilina-eosina.
Esquema dunha sección do testículo no que se ve a localización dos túbulos seminíferos.
1: Septos ou tabiques testiculares
2: Túbulos seminíferos contorneados
3: Lobuliños testiculares
4: Túbulos seminíferos rectos
5: Condutiños eferentes
6: Rete testis (rede testicular).
Túbulo seminífero (dereita, tinguidura de hematoxilina-eosina).

Os túbulos seminíferos (TA: tubuli seminiferi) son pequenos condutos situados no interior dos testículos, en cuxas paredes ten lugar a meiose e a formación de espermatozoides. O interior do testículo está dividido por tabiques fibrosos radiais que forman uns 200 pequenos compartimentos (lobuliños testiculares), que conteñen cada un de un a catro túbulos seminíferos. Os túbulos seminíferos son moi retortos e de 30 a 70 cm de longo, pero cun diámetro de só 150-200 microns.[1] Se se puxesen todos estes túbulos un detrás doutro terían uns 200 metros de longo.[2] Poden ramificarse e acaban nun extremo cego. No vértice de cada lobuliño testicular os túbulos deixan de ser retortos (túbulos seminíferos contorneados) e fanse rectos (túbulos seminíferos rectos), dando paso á rete testis (rede testicular) que sae do testículo e comunica co epidídimo.[1]

Os túbulos están rodeados por unha lámina propia ou tecido envolvente formado por capas adventicias conxuntivas, que varían segundo as especies. Nos homes e monos son varias capas e as células non teñen características epiteloides ou contráctiles. Por tanto, nos primates non hai contractilidade nos túbulos seminíferos, a diferenza doutras especies (rato, carneiro, porco, touro).[1]

Debaixo da lámina propia hai un epitelio seminífero complexo estratificado, formado por células de soporte (células de Sertoli) e células espermatoxénicas (que realizan a espermatoxénese).

Entre as células de Sertoli están as células espermatoxénicas, que se diferencian por medio da meiose en espermatozoides en sucesivas etapas. Na parede do tubo atopamos células en distintas fases da meiose. Na parte basal están as espermatogonias, máis abaixo, en dirección á luz do túbulo, están sucesivamente os espermatocitos primarios, espermatocitos secundarios, espermátidas e espermatozoides. Estas células forman sincitios coas súas veciñas que experimentaron con elas a mesma división celular, xa que a citocinese é incompleta. Os espermatozoides formados pasan á luz dos túbulos e de alí van ao epidídimo.

As células de Sertoli esténdense desde a base e chegan case á luz do túbulo, e funcionan nutrindo, dando soporte e protexendo as células en desenvolvemento e crean a barreira hemato-testicular, controlando o paso de substancias aos túbulos. Tamén segregan diversas substancias que controlan a espermatoxénese, como a hormona antimülleriana (na etapa fetal), inhibina, activina, proteína de unión ao andróxeno, transferrina, varios factores de transcrición, e pequenas cantidades de estradiol (que o producen a partir da testosterona segregada polas células de Leydig que se encontran nos intersticios entre os túbulos seminíferos).

Os túbulos seminíferos fórmanse a partir dos primitivos cordóns sexuais embrionarios, que poden ser medulares ou corticais. Os cordóns medulares desenvólvense en túbulos seminíferos e os cordóns corticais sofren regresión. Á súa vez, estes cordóns derivan da crista gonadal ou xenital.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 D. W. Fawcett. Bloom-Fawcett. Tratado de Histología. 11ª edición (1987). Interamericana-McGraw Hill. Páxinas 802-804. ISBN 84-7605-361-4.
  2. Tratado de Fisiología Médica. A.C. Guyton. 6ª edición. Páxina 1170. ISBN 84-7605-029-1.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]