Saltar ao contido

Esgonzo ibérico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esgonzo ibérico
 Nome taxon
    Chalcides bedriagai Editar o valor en Wikidata
 Nome curto
    C. bedriagai (mul) Editar o valor en Wikidata
Imaxe
 Instancia de
 Categoría taxonómica
Características
 Ciclo diurno
Clasificación taxonómica
SuperreinoHolozoa
ReinoAnimalia
FiloChordata
ClaseReptilia
OrdeSquamata
FamiliaScincidae
XéneroChalcides
EspecieChalcides bedriagai Editar o valor en Wikidata
Localización
 Mapas
Distribución
Fontes e ligazóns
Freebase/m/02qjk1z Editar o valor en Wikidata
OTT367750 Editar o valor en Wikidata
UICN61472 Editar o valor en Wikidata
CoLTFQD Editar o valor en Wikidata
Wikidata G:Commons C:Commons

O esgonzo ibérico[1] ou escáncer de patas ibérico[2] (Chalcides bedriagai) é unha especie de lagarto da familia dos escíncidos endémico da Península Ibérica. Está presente en zonas costeiras de Galicia, pero é moito máis escaso que o outro esgonzo galego, o esgonzo común. As poboacións galegas do esgonzo ibérico pertencen á subespecie Chalcides bedriagai pistaciae. O seu nome científico déuselle polo herpetólogo Jacques von Bedriaga.[3]

Descrición

[editar | editar a fonte]

É un lagarto de pequeno tamaño, cunha cabeza pequena, triangular, alargada e con fociño arredondado. O seu corpo é curto e groso de sección arredondada ou cuadrangular, recuberto de escamas lisas e brillantes. Extremidades pequenas, pero maiores que as do esgonzo común, e teñen 5 dedos (no esgonzo común son 3 dedos). O rabo de sección circular de menor lonxitude que o corpo. A especie ten dimorfismo sexual, xa que as femias son de maior tamaño, pero polo demais son moi parecidas aos machos. A coloración pode ser de pardo-amarelada a olivácea, co ventre abrancazado ou de tons amarelos. Poden ter pequenos ocelos. A especie é ovovivípara.

Distribución

[editar | editar a fonte]

É unha especie endémica da Península Ibérica e distribúese na maior parte dela, agás no extremo norte (Cordilleira Cantábrica, Asturias e País Vasco) e falta tamén en gran parte de Galicia e en moitas zonas de Portugal. En Galicia ten unha distribución limitada en zonas das Rías Baixas, na zona de Muros-Carnota e nas illas Cíes e na de Ons.[4] Existen poboacións en illas tanto no Atlántico (en Galicia as xa mencionadas das Illas Cíes, e Illa de Ons, en Portugal na illa do Pesegueiro, e no sur na Illa de Sancti Petri gaditana), coma no Mediterráneo (illas do Mar Menor e Illa de Tabarca).

A práctica totalidade da súa área de distribución encóntrase dentro da rexión bioclimática mediterránea e nas zonas máis frescas, suroeste de Galicia, sur de Cantabria e norte de Burgos, sempre ocupa áreas moi térmicas.

Necesita unha serie de requirimentos básicos, solos (preferentemente areoso ou terroso), abundantes refuxios (pedras, raíces e follas secas) e orientación (zonas solleiras térmícas), cuxa falta ou escaseza poden limitar a súa presenza. En Galicia viven principalmente en zonas de dunas e áreas areosas próximas ás praias con vexetación herbácea e mato.

Ao ser unha especie en xeral escasa, cunha distribución moi localizada e vinculada a determinados hábitats, calquera modificación destes provoca a desaparición de toda a poboación. As poboacións das illas e as costeiras son as que están máis ameazadas pola excesiva presenza humana e as súas consecuencias (incendios, captura ilegal, destrución do hábitat etc.) e a presión urbanística nas costas tanto mediterráneas coma atlánticas, que fan temer pola súa conservación. A IUCN clasifícaa como especie "case ameazada".[5]

  1. ↑ Esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai). Consellería de medioambiente. Xunta de Galicia.
  2. ↑ Conde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" Arquivado 27 de agosto de 2016 en Wayback Machine. en Cadernos de Lingua, 13, páx. 85. Real Academia Galega.
  3. ↑ Beolens B, Watkins M, Grayson M. 2011. The Eponym Dictionary of Reptiles. Baltimore: Johns Hopkins University Press. xiii + 296 pp. ISBN 978-1-4214-0135-5. (Chalcides bedriagai, p. 21).
  4. ↑ Pedro Galán Regalado, Gustavo Fernández Arias. Anfibios e réptiles de Galicia. Colección Montes e Fontes. Edicións Xerais de Galicia S.A. 1993. Páxinas 356-359. ISBN 84-7507-722-6.
  5. ↑ Juan M. Pleguezuelos, Paulo Sá-Sousa, Valentin Pérez-Mellado, Rafael Marquez, Iñigo Martínez-Solano (2009). "Chalcides bedriagai". IUCN Red List of Threatened Species. Versión 2013.2. International Union for Conservation of Nature. Consultado o 6 de xaneiro de 2014.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]