Eryngium

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Eryngium é un xénero de plantas anuais e perennes con follas glabras e xeralmente espiñentas, con umbelas en forma de cúpula que se semellan ás dos cardos (de feito moitas especies en galego reciben o nome vulgar de cardo). As súas case 300 especies teñen unha distribución xeneralizada por todo o mundo, principalmente en Eurasia, o norte de África e América do Sur.

En Galiza atopamos varias especies deste xénero:

Eryngium paniculatum.
Cardo corredor (Eryngium campestre).
Cardo da ribeira (Eryngium maritimum).

Descrición[editar | editar a fonte]

Son herbas perennes oU bianuais, raramente anuais, xeralmente glabras e con frecuencia aculeadas. Follas lineares a orbiculares, simples, enteiras e paralelinervias ou con máis frecuencia pinnadamente ou palmadamente espiñento-lobadas ou -divididas e con nervadura reticulada; pecíolo envaiñador. Inflorescencias en capítulos solitarios a numerosos e arranxados en cimas, acios ou panículas, xeralmente involucrados, flores sésiles ou case sésiles, brancas a azuis ou moradas; cáliz con dentes prominentes e persistentes; pétalos co ápice frecuentemente lobado, adelgazado e inflexo; estilos máis longos ou máis curtos ca o cáliz; estilopodio e carpóforo ausentes. Froito globoso a obovoide, terete a dorsalmente aplanado, con comisuras largas e costelas obsoletas, densamente cuberto por tubérculos ou escamas, vitas inconspicuas.[3]

Comprende 484 especies descritas e destas, só 263 aceptadas.[4]

Composición[editar | editar a fonte]

Investigacións fitoquímicas no xénero Eryngium demostraron a presenza de aceites esenciais, acetilenos, coumarinas, saponinas, flavonoides e derivados do ácido rosmarínico.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

O xénero foi descrito por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 1: 232–233. 1753.[3] A especie tipo é o cardo de ribeira: Eryngium maritimum L.

Etimoloxía

Eryngium: nome xenérico que probabelmente fai referencia á palabra que lembra ao ourizo: "Erinaceus" (especialmente desde o grego "erungion" = "ción"), pero que tamén podería derivar de "eruma" (= protección), en referencia ás follas espiñentas das plantas deste tipo.

Especies[editar | editar a fonte]

Usos[editar | editar a fonte]

Moitas especies de Eryngium teñen un longo historial de uso. Empregáronse coma menciñas tradicionalmente para a preparación de remedios diuréticos, estimulantes do apetito, laxantes ou antiinflamatorios. As raíces consómense coma verdura ou para facer cabelo de anxo. Os rebentos tenros e as follas ás veces coma substitutos do espárrago. As raíces das especies Eryngium yuccifolium e Eryngium maritimum (cardo da ribeira), son potentes antiinflamatorios e é posíbel que teñan outras propiedades, como anticonceptivos. Eryngium foetidum, tamén chamada coandro bravo, é unha herba culinaria utilizada amplamente en América latina e Asia suroriental, coma sucedáneo do coandro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome vulgar en Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C), A Coruña, Deputación da Coruña, 2000 e Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004
  2. Nome vulgar galego en Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C) A Coruña, Deputación da Coruña, 2000 e Vocabulario de ciencias naturais, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991
  3. 3,0 3,1 "Eryngium". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 29 de setembro de 2012. 
  4. "Eryngium". www.theplantlist.org. Consultado o 2020-01-04. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]