Espiña (botánica)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esquema da sección lonxitudinal dun talo que amosa a diferenza anatómica entre unha espiña (A) e un aguillón (B). Na espiña, os tecidos vasculares, esquematizados en vermello, continúan aos do talo. O aguillón, en troques, está formado só por tecidos corticais, sen participación dos tecidos vasculares, por iso pode arrincarse de xeito doado.[1]
Espiñas do cacto (Trichocereus spachianus.

As espiñas son en botánica pugas duras e agudas que nacen no talo ou pólas dalgunhas plantas. Tamén se denominan espiños ou picos. Son formacións agudas , ás veces ramificadas, provistas de tecido vascular, moi ricas en tecidos de sostén e, como consecuencia, ríxidas. As espiñas poden ter a súa orixe como transformación do talo, é dicir, que son pólas reducidas, coma ocorre no abruñeiro (Prunus spinosa) ou na acacia americana (Gleditsia triacanthos), e se denominan espiñas caulinares. Neste caso, o tecido vascular da espiña é unha continuación do leño do talo. Hydrolea spinosa, planta palustre típica de brañas e humedais, é un exemplo ilustrativo de espiña caulinar, xa que a súas espiñas ás veces levan follas miudiñas, o mesmo que un talo. As espiñas tamén poden ser o resultado da transformación dunha folla, como é o caso das cactáceas e das especies do xénero Berberis, e se denominan espiñas foliares. Finalmente, en casos moi raros, as espiñas poden ser o resultado da modificación da raíz a través dun intenso proceso de lignificación e se denominan espiñas radicais. Varios termos comunmente utilizados en botánica derivan da palabra espiña. Así «espiñento/a» refírese a un tecido, órgano ou a unha planta que presenta espiñas; «espinuloso/a» ou «espinescente», cando as espiñas que mostra son miúdas.[2]

A presenza de espiñas é un carácter que se acha espallado especialmente en plantas típicas das rexións áridas, coma desertos, estepas, bosques secos e espiñeirais. Nestes casos as espiñas son polo xeral o resultado da transformación da follas e permiten reducir a transpiración da planta e auxiliar a economía de auga por mor a que non presentan estomas; é o caso dos toxos. Noutras rexións climáticas e en plantas non xerófitas tamén aparecen espiñas xa que estas estruturas duras e afiadas con ápices agudos, algunhas con puntas a xeito de lanza, anzol ou gancho, son unha excelente defensa contra os animais herbívoros.[1]

Aguillón[editar | editar a fonte]

Aguillóns nunha roseira.

En botánica denomínase aguillón ou acúleo á excrecencia ríxida e aguzada que nace do tecido epidérmico dalgunhas plantas e pode ser desprendida facilmente. A diferenza das espiñas, os acúleos carecen de tecido vascular, por iso son fáciles de arrincar. O exemplo típico de aguillón é o da roseira; así mesmo, os acúleos de Ceiba speciosa, as paineiras (xéneros Chorisia e Ceiba), e de Fagara rhoifolia son emerxencias formadas por tecidos corticais do talo.[3][4][5]

Galicia[editar | editar a fonte]

Algunhas especies espiñentas que atopamos en Galicia son:

Espiñas na cultura[editar | editar a fonte]

Sábese que os homes primitivos utilizaban espiñas coma ferramentas. A historia humana rexistra gran variedade de referencias culturais a eses agudos mecanismos de defensa vexetais.
O Libro do Xénese conta a creación das espiñas como un dos castigos impostos a Adán e Eva polo seu pecado. Unha das imaxes culturais máis perdurábeis é a coroa de espiñas que, segundo a Biblia, foi colocada sobre a cabeza de Xesús antes da súa crucifixión.

Un mito popular no que está tamén implicada unha espiña é o de Androcles, un escravo fuxitivo da antiga Grecia de quen se conta que amigou cun león ao lle tirar unha espiña do pezuño.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Strassburger, E. 1994. Tratado de Botánica. 8va. edición. Omega, Barcelona, 1088 p. ISBN 84-7102-990-1
  2. Diccionario de Botánica. ISBN 84-335-5804-8. 
  3. How to Identify Trees in Southern Africa (illustrated ed.). ISBN 1770072403, 9781770072404. 
  4. "Thorns & Prickles & Spines, Oh My!". http://www.pswdistrict.org/text/articles/thornsprickles.html. Consultado o 27-04-2009. 
  5. "Cross-Section Through the Prickle of a Rose". http://www.biologie.uni-hamburg.de/b-online/e05/stachel.htm. Consultado o 27-04-2009. 
Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Espiña

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]