Erich Neumann

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Erich Neumann
Nacemento23 de xaneiro de 1905
Lugar de nacementoBerlín
Falecemento5 de novembro de 1960
Lugar de falecementoTel Aviv
Causacancro de ril
NacionalidadeAlemaña e Israel
Alma máterUniversidade Humboldt de Berlín e Universidade de Erlangen-Núremberg
Ocupaciónpoeta, psicólogo, filósofo, mitógrafo, escritor e historiador da arte
editar datos en Wikidata ]

Erich Neumann, nado en Berlín o 23 de xaneiro de 1905 e finado en Tel Aviv5 de novembro de 1960, foi un psicólogo israelí[1] represtante da escola evolutiva en psicoloxía analítica.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou filosofía e medicina e posteriormente entrou a formar parte do círculo achegado a Carl Gustav Jung. Algúns considérano o discípulo máis salientable de Jung.[2]

Nas súas obras principais prosegue a metodoloxía de Jung aplicada á psicoloxía profunda. Este método denomínase amplificación e consiste en remitir un caso ou síntoma á simboloxía presente en diversas manifestacións culturais de diferentes pobos. É dicir, o carácter empírico da psicoloxía junguiana non deriva do acerto no diagnóstico dos síntomas senón na proba da presenza universal dun fenómeno anímico.

No caso de Erich Neumann, os materiais que emprega son fundamentalmente mitolóxicos. É tal o volume de mitos e símbolos que percorren o seu discurso psicolóxico que o propio Jung considerou algunhas das súas obras, por exemplo Ursprungsgeschichte des Bewusstseins (As orixes e historia da conciencia), como superadoras das súas propias obras.

Porén, Erich Neumann achegou algúns matices persoais ós temas junguianos. Así, por exemplo, a importancia que Neumann proporcionou ós réximes matriarcal e patriarcal están case ausentes en Jung. Ademais, Erich Neumann describiu varias constelacións simbólicas importantes no proceso de individuación, como a fratría, e achegouse bastante ós postulados da psicoloxía do eu freudiano (Heinz Hartmann) contemporáneo da súa obra.

A achega que máis fama lle proporcionou a Neumann é a súa descrición do complexo da Deusa Nai. Nunha época na que a psicoloxía freudiana estaba centrada no pai e mesmo Jung falaba da individuación como saída do incesto primario, Neumann describiu con gran detalle a importancia do complexo inconsciente da Gran Nai, como arquetipo universal co que se enfronta todo individuo na súa vida. Con iso, adiantouse ás tendencias posteriores que dende o lado freudiano analizaron a relación simbiótica entre nai e fillo, fundamentalmente da man de Michael Balint, Melanie Klein, Margaret Mahler, John Bowlby e Heinz Kohut.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Tiefenpsychologie und neue Ethik, 1949
  • Ursprungsgeschichte des Bewusstseins, 1949
  • Amor und Psyche, 1952
  • Umkreisung der Mitte, 3 Bde., 1953/54
  • Die große Mutter, 1956
  • Der schöpferische Mensch, 1959
  • Die archetypische Welt Henry Moores, 1961, posthum veröffentlicht
  • Krise und Erneuerung, 1961, posthum veröffentlicht
  • Das Kind. Struktur und Dynamik der werdenden Persönlichkeit, 1963, posthum 1980 veröffentlicht

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Erel Shalit: Gershom Scholem: Obituary for Erich Neumann". Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2021. Consultado o 15 de xuño de 2018. 
  2. Andrés Ortiz-Osés. "La escuela de Carl G. Jung" (PDF). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]