Carrasco (planta)
Carrasco | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Erica cinerea L. |
O carrasco ou carroucha de tres follas[1] (Erica cinerea) é un tipo de uz, orixinario de Europa central e occidental, común en Galiza.
Descrición
[editar | editar a fonte]É un arbusto de talle baixo cuxa altura varía entre 15 e 75 cm, coas follas finas en forma de agulla, de 4 a 7 mm de longo e verticiladas por tres. As franzas, rexas e pardas, áchanse cubertas por unha vilosidade de cor cinsenta.
As flores son urceoladas, rosas ou púrpuras (máis raramente brancas), de 4 a 7 mm de longo, en acios terminais, con pedúnculos pubescentes. Teñen tres bractéolas encaroadas aos sépalos, que son purpúreos, lanceolados, glabros e coa marxe papirácea. Corola de 4–7 mm, inchada no medio e estreitada na boca, de cor púrpura viva, raramente branca. Anteras con apéndices na súa base; non sobresaen da corola (inclusos). Floración estival, de mediados a finais do verán (de maio a setembro). O froito é unha cápsula miúda, que se atopa no interior da corola unha vez seca.
Hábitat
[editar | editar a fonte]Medra en solos descalcificados (planta calcífuga) e non excesivamente húmidos. Forma parte de distintos tipos de uceiras e matogueiras de talle baixo. É unha planta frecuente en Galiza onde se desenvolve sobre solos acedos (silíceos) de pouca a mediana profundidade, mesturada con outras carrouchas, toxos e uces. Atópase desde o nivel do mar até os 100–1100 m en zonas con ombroclima de subhúmido a hiperhúmido.
Distribución
[editar | editar a fonte]Por Europa atlántica e central. Na Península Ibérica abunda no norte, Galiza, Cordal Cantábrico, provincias norteñas de Castela e León.
Usos
[editar | editar a fonte]As inflorescencias son antidiarreicas e están indicadas contra as afeccións renais e das vías urinarias. A parte empregada son as franzas con flores, que teñen acción adstrinxente e antiséptica nas vías urinarias grazas a súa riqueza en taninos e flavonoides.
Úsase coma especie para a produción do mel, (mel de uz ou de carroucha).
Os ramallos tiveron antano moita importancia para obter carbón vexetal, empregado nas ferrarías galegas, sendo con todo mellor especie a uz branca.
As carrouchas teñen ademais un gran valor paisaxístico, enriquecendo a paisaxe coa súa cor púrpura. Son unha das paisaxes máis típicas de Galiza e o litoral da Europa atlántica en xeral.
Xardinaxe
[editar | editar a fonte]Cos restos de ramallos da carroucha e outras plantas desta familia fórmase un substrato moi empregado en xardinaxe para planta que non toleran o cal.
Esta especie, e moitas outras uces empréganse coma plantas ornamentais, con cultivares de flores de distintas cores. Dáse moi ben nos solos acedos galegos, aturando as secas e a exposición ao solo. É calcífuga, polo que non gosta de solos con cal, que lle causarían signos de deficiencia férrica. Emprégase para cubrir solos, en rocallas e xardíns con coníferas ananas e outras uces[2].
Os cultivares a seguir gañaron o premio de mérito da Royal Horticultural Society:
Ecoloxía e ameazas
[editar | editar a fonte]As ameazas pasan pola redución especialmente en Galiza dos ecosistemas costeiros e especialmente pola substitución das uceiras, carroucheiras e toxeiras por plantacións forestais de eucaliptos e piñeiros. Outros problemas son a utilización de fertilizantes artificiais, a desaparición da gandaría rústica extensiva, a creación de vías forestais, a instalacións de enerxía eólica, ou a minaría. A desaparición das toxeiras e carroucheiras ten un efecto moi negativo na recuperación da vexetación e do solo.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O epíteto específico latino cinerea significa 'de cor sinsenta'.[6]
A orixe do nome vulgar galego carroucha non está claro. Podería derivar, igual que outras denominacións coma carrasca, carqueixa e queiruga, do latín carex -icis, etimoloxía xeralmente aceptada polos filólogos para carrizo, pero tamén podería ter unha orixe común ás palabras con carba: carballo ou carpaza, cuxa orixe probábel é unha raíz prerromana preindoeuropea car- ou k-ar-, que significa rocha, cousa de constitución dura, planta de monte, áspera e dura. Outra posibilidade, xunto coa orixe da palabra carpaza, é que derive do latín carpere, que significa rañar e, outra posibilidade máis é que estea relacionada coa palabra carapaccia, étimo que suxestiona para o castelán calabaza[7].
Nomes comúns
[editar | editar a fonte]Os nomes comúns galegos son variados: queiroga de tres follas, carroucha de tres follas, carpaza de maio, carrasco, carrasca, urce de tres follas.
En portugués recibe o nome de urze-roxa.
- Erica mutabilis Salisb. 1802
- Ericodes cinereum (L.) Kuntze 1898
- Erica tenuifolia Bubani 1899
- Eremocallis cinerea (L.) Gray 1821
- Erica viridipurpurea (L.) Gouan
- [1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nomes vulgares galegos preferidos en Termos esenciais de botánica. Santiago de Compostela, Universidade, 2004
- ↑ A-Z encyclopedia of garden plants,2008, Reino Unido
- ↑ "RHS Plant Selector - Erica cinerea 'C.D. Eason'". Arquivado dende o orixinal o 18 de outubro de 2019. Consultado o 19 de xuño de 2013.
- ↑ "RHS Plant Selector - Erica cinerea 'Pink Ice'". 24 de xaneiro de 2021.
- ↑ "RHS Plant Selector - Erica cinerea 'Velvet Night'". Consultado o 24 de xaneiro de 2021.
- ↑ Lorraine Harrison Latin for gardeners, Reino Unido, 2012
- ↑ Atlas Xeobotánico de Galicia
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carrasco |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Carrasco |