Emérito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
José Luis Puente Domínguez. Profesor emérito da USC.
James Cronin. Profesor emérito da Universidade de Chicago.

Un emérito é aquela persoa que, despois de retirarse do cargo que ocupaba, goza de beneficios derivados dunha profesión, especialmente docente universitaria ou eclesiástica, se lle concede este título como recoñecemento aos seus bos servizos na mesma; beneficios que poden ser de diversa natureza segundo o rango e a institución de que se trate.[1]

Utilízase o termo tamén para directores de orquestra que serviron superlativamente é entidade que lles outorga o título.

Polo xeral, concédese ao emérito a potestade de participar activamente nas tarefas que lle eran propias antes do seu retiro, previa consulta ao encargado do mesmo, dáselles voz en asembleas e reunións e pode asistir a outras en calidade de invitado de honor.

Na Roma antiga chamaban ēmeritus (eméritos) aos lexionarios licenciados que gozaban de privilexios como recompensa recibida polos seus bos servizos.[2]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo emérito é un adxectivo tirado do latín ēmeritus, -a, -um, participio do verbo ēmereo, 'merecer', e tamén 'acabar o servizo militar', derivado de ex, 'por', e meritus, 'mérito': 'por mérito', 'debido ao mérito',[3]

Na universidade[editar | editar a fonte]

Nas Universidades españolas o nomeamento de profesores eméritos está regulado polo Real Decreto 898/1985,[4] de 30 de abril, sobre o réxime do profesorado universitario. Nel estabélecese que o profesorado emérito:

  1. Será contratado polo Consello de Goberno de cada Universidade de entre profesores xubilados pertencentes aos corpos docentes universitarios e que prestaran servizos destacados á Universidade durante un período mínimo de dez anos.
  2. Estará representado xunto con outros colaboradores e asociados:
    1. No Claustro da Universidade
    2. No Consello de Goberno
    3. No eleitorado do reitor.
  3. No seu contrato especificaranse as súas obrigas académicas, que sempre serán a tempo parcial e por espazo de dous anos, podendo renovarse despois.

Noutros países[editar | editar a fonte]

Noutros países as condicións para o nomeamento de profesores eméritos non difiren demasiado, sendo o período de dez anos de docencia unha constante. Tamén existe a posibilidade, estendida no mundo anglosaxón, de outorgar o título automaticamente cando se cumpran os prazos requiridos e sen entrar a valorar, por exemplo, se as publicacións científicas son de maior ou menor importancia.[Cómpre referencia]

No caso da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM) requírese un período mínimo de trinta anos prestando servizos destacados á Universidade. O nomeamiento outórgao o Consello Universitario a profesores e investigadores cun labor excepcional á Universidade.[5]

Na Igrexa[editar | editar a fonte]

Nas congregacións cristiás que posúen eses postos, contémplase a transferencia dun papa, arcebispo ou bispo ao estado de emeritado, polo cal se lle rescinden todas as súas responsabilidades pastorais, pero pode seguir celebrando misa e predicando, na medida en que llo permitan as súas forzas, pois polo xeral trátase de persoas de avanzada idade.

Na Igrexa católica, os arcebispos e bispos eméritos pasan a selo cando renuncian ao seu cargo ante o Metropolitano, ou directamente ao Sumo Pontífice, deixando así as sús responsabilidades diocesanas, auxiliares ou calquera outra que tiveran. Cando alcanzan a idade de 75 anos, a súa renuncia é obrigatoria segundo prescribe o Dereito Canónico.

Os arcebispos e bispos eméritos non forman parte da Conferencia episcopal do seu país, pero si poden ser chamados consultivamente pola súa experiencia e venerabilidade. Si seguen pertencendo ao Colexio episcopal. Nalgúns casos, cando o Episcopado se encontra en Visita Ad Limina, un ou varios bispos eméritos representan a Conferencia episcopal en ausencia dos bispos que exercen ditos cargos dentro deste organismo.

Na antiga Roma[editar | editar a fonte]

Na Roma antiga denominaban ēmeritus (eméritos),[6] os lexionarios licenciados que gozaban de privilexios en recompensa polos seus bos servizos prestados. Usualmente, á parte do botín que puideran acumular nas diversas campañas, o xeneral do momento outorgaba aos seus soldados predilectos grandes concesións de terreos expropiados nos países conquistados, co que se fundaban verdadeiras urbes co licenciamento dos soldados tras o fin de campañas importantes.

Un exemplo deste tipo de fundación preséntao a actual Mérida, capital de Extremadura, España, que levou o nome de Emerita Augusta cando se creou no ano 25 a. C. Para o asentamento da nova poboación, déuselles a cidadanía romana aos habitantes das xentes que vivían previamente no lugar. Así, o emperador César Augusto premiou con esta nova cidade os seus homes ao finalizar as cruentas guerras cántabras, creando unha próspera cidade na Bética —entón englobada na Hispania Ulterior— que máis tarde se convertería na capital da provincia de Lusitania.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. emérito, 1ª acep., no Dicionario da RAG.
  2. emérito, 2ª acep., no Dicionario da RAG.
  3. emeritus no Online Etymology Dictionary.
  4. Real Decreto 898/1985 sobre régimen universitario.
  5. Véxase: Compendio de legislación universitaria - reglamento del reconocimiento al mérito universitario.
  6. Neste caso substantivo, ēmeritus, -us, derivado do adxectivo anteriormente citado.