Economía de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Terminal de Bouzas, no Porto de Vigo

A economía da comarca viguesa caracterízase pola preponderancia dunha economía diversificada vencellada ao sector pesqueiro, á industria e aos servizos. Entre os motores da economía de Vigo está a industria automobilística, liderada por PSA Peugeot Citroën, que ten no concello a súa primeira factoría en importancia de Europa, ao producir en 2007 un total de 547 mil vehículos, dos cales máis do 88% foron exportados fóra de España.[1]

Así mesmo, son moi importantes a construción naval e o sector pesqueiro en todas as súas vertentes, dende a industria extractiva, armadores, ata a comercial, coas súas lonxas de altura e de baixura, así como a industria conserveira, conxeladora e transformadora. Vigo é o primeiro porto comercializador de peixe para consumo humano do mundo (650.000 toneladas no ano 2004), e os estaleiros da Ría son líderes da construción naval privada española, por facturación e tonelaxe.

Peixes espada na lonxa de Vigo

O porto de Vigo conta con máis de 9 km de peiraos de atraque. Nel cabe citar a importancia do tráfico de mercadorías, cuxo volume total en 2004 ascendeu a 4,234 millóns de toneladas. Os maiores tráficos corresponden a mercancías xerais, destacando o movemento en contedores, o tráfico ro-ro de vehículos e a pedra natural, ademais dos produtos pesqueiros.

Infraestruturas de transporte relevantes na economía de Vigo son o Aeroporto Internacional de Peinador, situado nos arredores da cidade, e as dúas estacións de ferrocarril: Urzáiz e Guixar.

Outras actividades económicas importantes en Vigo e comarca son a industria química e farmacéutica; a industria téxtil; a industria editorial, da que Vigo é o primeiro referente en Galicia; a industria alimentaria; a fabricación de produtos para a construción; a fabricación de maquinaria industrial; a enxeñería naval e en menor medida a industria aeronáutica.

Unha institución imprescindible para o desenvolvemento industrial de Vigo e a súa comarca foi a Zona Franca, fundada en 1947 e que na actualidade funciona como Axencia de Desenvolvemento Local, promovendo chan e infraestruturas de carácter eminentemente industrial e comercial.

A Universidade de Vigo desempeña un papel importante xunto ao sector privado no progreso tecnolóxico e en consecuencia, no desenvolvemento económico.

Vigo é unha cidade interesante para o turismo, con porto e casco vello, museos variados (de arqueoloxía, arte antiga e contemporánea), zonas comerciais, unha gran dotación de hoteis e rodeada de localidades e paraxes de atractivo turístico e paisaxístico.

IFEVI, Coto Grande.

Igualmente digno de mención como motor da economía viguesa é a actividade feiral e congresual. O IFEVI (Instituto Feiral de Vigo) é promotor de feiras e congresos nas súas instalacións de Coto Grande (Cabral), lugar afastado do centro da cidade pero axeitado para a actividade feiral debido ás súas boas comunicacións (está situado a 300 metros do aeroporto de Peinador, e dispón de saída directa desde a Autoestrada do Atlántico AP-9). Aos poucos consolidouse como un referente na actividade feiral e congresual española, acadando no 2005 un total de 92 actividades nas súas instalacións (25 feiras e 67 congresos), con 175.000 visitantes profesionais.

A actividade congresual da cidade ten o pulo definitivo no Auditorio-Pazo de congresos, obra do arquitecto galego César Portela, construído en Beiramar.

O sector financeiro autóctono liderouna a antiga Caixanova, a entidade herdeira da Caixa de Aforros e Monte de Piedade Municipal de Vigo, fusionada coas caixas de Ourense e de Pontevedra a principios do século, que mantén a súa sede social na cidade. O antigo Banco de Vigo mercouno na década de 1970 o Banco de Bilbao (actual Banco Bilbao Vizcaya - Argentaria). Recentemente diluíu a súa personalidade o Banco Simeón, que perdeu a súa denominación logo de integrarse no grupo portugués Caixa Geral de Depósitos).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Factoría viguesa". Arquivado dende o orixinal o 18 de novembro de 2008. Consultado o 26 de outubro de 2008.