Ecoaldea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sieben Linden

Unha ecoaldea é un movemento de persoas, no ámbito mundial, que optan por vivir en comunidade dun xeito diferente ao convencional. As ecoaldeas son modelos, algúns patrocinados por organismos como a UNESCO, que están demostrando que é posíbel outro modo de vivir fóra das redes do gran consumo e o malgaste, cuns principios de ecoloxía e respecto ao medio ambiente.

Como exemplo, o Goberno de Senegal adoptou este modelo de desenvolvemento rural e recibiu un fondo especial das Nacións Unidas. Trátase de proxectos viábeis repartidos por Europa, África, Oceanía e América, e a proba está en que funcionan.

As bases das ecoaldeas son a sustentabilidade e o desenvolvemento humano, aínda que existen multitude de matices que as diferencian: algunhas contemplan a propiedade privada e outras a ocupación de vilas abandonadas; nalgúns casos son confesionais adscritas a algunha relixión e noutros, en cambio, deixan libre elección relixiosa aos seus habitantes; adoitan ser de ámbito rural pero tamén existen exemplos de ecoaldeas urbanas.

Aspectos ecolóxicos[editar | editar a fonte]

Casa de palla e barro, en Sieben Linden
  • Os alimentos consumidos deberán ser producidos ecoloxicamente, preferentemente na propia comunidade, ou na zona ou rexión na que se acha.
  • A construción farase utilizando técnicas e materiais de construción locais, naturais e non tóxicos.
  • Todas as actividades produtivas (artesanais, industriais) terán en conta os ciclos vitais dos produtos utilizados, de maneira que en ningún momento do dito ciclo poidan resultar nocivos para a contorno ou para a saúde.
  • Os obxectos producidos deberán ser de longa duración, sinxelos de reparar e aptos para seren reciclados.
  • A auga e a enerxía consumiranse con moderación, depurando con medios naturais as augas residuais e utilizando fontes de enerxía renovábeis.
  • O transporte motorizado reducirase ao mínimo.

Aspectos socioeconómicos[editar | editar a fonte]

  • As diversas actividades económicas que se leven a cabo na ecoaldea deberán asegurar a estabilidade económica de tódolos seus membros.
  • O traballo organizarase horizontalmente, favorecendo a participación de tódalas persoas involucradas na toma de decisións.
  • O consumo será preferentemente local, gastando en produtos da propia comunidade ou do seu contorno inmediato.
  • A saúde e a educación serán asumidas, na medida do posíbel, pola comunidade.
  • Todo o mundo terá acceso a unha información veraz sobre asuntos da súa incumbencia.
  • Todo o mundo estará en igualdade de condicións para participar na toma de decisións sobre asuntos da comunidade.
  • Tódalas decisións tomaranse democraticamente, a poder ser coa participación de todos, evitando na medida do posíbel a delegación de poder.

Aspectos culturais[editar | editar a fonte]

  • A ecoaldea será un lugar no que se favoreza a creatividade e a expresión da singularidade de todo ser humano.
  • Tamén será un lugar no que se leven a cabo todo tipo de encontros, ritos ou celebracións que contribúan a manter a cohesión do grupo.
  • A ecoaldea ha ser un lugar no que se desenvolven e aplican técnicas para a resolución de conflitos.
  • A ecoaldea realizará actividades cara ao exterior, co fin de ir promovendo aos poucos esta nova forma de vida.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Fontes[editar | editar a fonte]

Portais[editar | editar a fonte]

Artigos[editar | editar a fonte]