Dólar de prata American Buffalo
Dólar de prata American Buffalo | |
---|---|
A/: Cabeza de xefe indio cara á dereita. Data e marca de ceca.
Lenda: LIBERTY |
R/: Bisonte americano en pé cara á esquerda.
Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / IN GOD WE TRUST / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR |
|
O dólar de prata American Buffalo é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida en 2001 e cuñada pola Casa da Moeda dos Estados Unidos.
Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 106-375, do 27 de outubro de 2000,[1] pola que se creaba unha moeda conmemorativa tanto do Museo Nacional do Indio Americano, como da antiga moeda de cuproníquel de cinco centavos coñecida como Buffalo nickel,[2] en cuxo deseño se basea.[3][4]
Deseño
[editar | editar a fonte]O deseño da moeda é practicamente coincidente co creado en 1913 por James Earle Fraser para o Buffalo nickel.[3][4]
O indio de perfil do seu anverso é unha composición con trazos de tres xefes indios de diferentes tribos, que actuaban a principios do século XX en espectáculos do Vello Oeste en Nova York: o xefe Síux Cola de Ferro, o xefe Cheyenne Dúas Lúas, e o xefe Kiowa Grande Árbore.[3][4]
Segundo a lenda, para o bisonte americano do reverso Fraser tomou como modelo a Black Diamond (1893-1915), un popular bisonte do zoolóxico de Central Park, en Nova York.[3]
Produción e comercialización
[editar | editar a fonte]A lei que autorizaba esta emisión fixou unha tiraxe máxima de 500.000 exemplares. As moedas puxéronse ao dispor do público o 7 de xuño de 2001 e a súa venda concluíu ás dúas semanas, o 21 de xuño, por mor do seu éxito, xa que se vendeu a tiraxe completa.[3][4]
Na Casa da Moeda de Denver producíronse os 227.131 exemplares de cuñaxe estándar, en tanto que a Casa da Moeda de Filadelfia cuñou as 272.869 moedas con acabamento especial (proof), que suman a tiraxe máxima autorizada de 500.000 exemplares.[3][5]
No momento do seu lanzamento, o dólar de prata American Buffalo vendeuse ao prezo oficial de 11 dólares, e eses dez dólares de recarga estaban destinados ao financiamento da apertura, a dotación e o mantemento dos programas educativos do Museo Nacional do Indio Americano, do Instituto Smithsoniano.[4] Como a tiraxe se esgotou tan axiña, o museo solicitou unha ampliación de 250.000 ou 500.000 exemplares máis, aínda que a súa solicitude foi rexeitada.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Public Law 106-375 - OCT. 27, 2000". Govinfo.gov
- ↑ "5 Cents "Buffalo Nickel"". Numista.com
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 "1 Dollar American Buffalo". Numista.com
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 "American Buffalo Commemorative Coin". United States Mint.
- ↑ "Historical Commemorative Coin Sales Figures: 2001 American Buffalo". United States Mint.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Moeda dun dólar estadounidense
- Moedas do dólar estadounidense
- Moeda de 5 centavos de dólar Buffalo
- Casa da Moeda dos Estados Unidos
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "2001 American Buffalo Silver Dollar" (ModernCommemoratives.com)