Dinastía Nguyễn
Dinastía Nguyễn | ||||
| ||||
Himno: Đăng đàn cung | ||||
Capital | Huế | |||
Lingua | Vietnamita | |||
Goberno | Monarquía absoluta | |||
Emperador | ||||
• 1802 - 1820 | Gia Long | |||
• 1926 - 1945 | Bảo Đại | |||
Historia | ||||
• Gia Long somete Annam | 1802 | |||
• Protectorado francés | 1884 - 1940 | |||
• Ocupación militar xaponesa | 1940 - 1945 | |||
¹Entre 1884 e 1945 foi un protectorado integrado na Indochina Francesa. |
A dinastía Nguyền (en vietnamita: Nhà Nguyễn) foi a última familia imperial gobernante que existiu na historia de Vietnam. O seu período de poder comezou en 1802, cando o emperador Gia Long derrocou a dinastía Tây So'n e se fixo co poder. En 1945 a abdicación do emperador Bảou Đại deu paso á extinción do último resto dos Nguyền.
O nome orixinal do país era Vinệt Nam (越南) e así foi coñecido durante o reinado do emperador Gia Long. Pero en 1839 por orde do emperador Minh Mạng o nome do país foi substituído polo de Đại Nam. Durante certos momentos tamén foi denominado Imperio de Vietnam (en vietnamita: Đế chế Vinệt Nam). A partir de 1884 converteuse nun protectorado francés integrado na Unión Indochina. Entre 1940 e 1945 o país estivo baixo ocupación militar xaponesa, ao que seguiu o intento errado de crear un estado monicreque dos xaponeses e a restauración do poder colonial francés.
Historia[editar | editar a fonte]
En 1802 o nobre Gia Long logrou derrocar as forzas da dinastía Tây So'n e fíxose co control de Annam, instaurando unha nova dinastía á cabeza do país: a dos Nguyền. O 2 de xuño do mesmo ano foi coroado como o novo emperador vietnamita. Desde a cidade imperial de Huế, a beiras do río Perfume, o monarca estendía o seu poder sobre resto do país. En 1839 o nome do país, anteriormente coñecido como Vinệt Nam (越南), foi substituído polo de Đại Nam por orde do emperador Minh Mạng.
Durante as seguintes décadas os emperadores vietnamitas opuxéronse frontalmente á intromisión de misioneiros católicos e dos aventureiros franceses, e procuraron reducir a influencia das comunidades católicas que ían arraigándose no país (incluída a poboación vietnamita). O emperador Tự Đức sería o último que gobernou Vietnam con certa independencia antes da chegada dos franceses a Indochina.
Colonización francesa[editar | editar a fonte]
En 1884, o emperador Hàm Nghi, tivo que renderse ante a evidencia e aceptar o protectorado francés sobre o imperio. Así, mentres Huế seguiu sendo "capital" do imperio, o gobernador francés estabeleceu a súa residencia en Saigón e máis tarde en Hanoi, na rexión de Tonkín. En 1887, ao novo protectorado que recibiu o nome de Unión Indochina serían anexados os territorios de Camboxa e de Luang Prabang. Ademais destes territorios, uns anos máis tarde, Siam cedeu os territorios laosianos que retiña baixo o seu control.
En 1916, en plena primeira guerra mundial, o emperador Duy Tân dirixiu unha fracasada rebelión contra o poder colonial francés. Pero as autoridades francesas decatáronse dos plans, polo que foi rapidamente sufocada, os xefes executados e o emperador foi exiliado á illa de Reunión. Este fracaso non fixo senón confirmar a condición de auténticos monicreques á que quedaran reducidas as autoridades vietnamitas, co emperador á cabeza. Foi durante esta época cando os sentimentos nacionalistas empezáronse a fortalecer e adquiriron importantes influencias nalgunhas capas da poboación. Os desastres naturais ocorridos entre 1914 e 1917, e o malestar coa administración francesa sementaron o descontento que levou á errada rebelión de 1916.
Colapso da dinastía[editar | editar a fonte]

Tras o comezo da segunda guerra mundial e a Caída de Francia en mans alemás instalouse o goberno colaboracionista de Vichy. As novas autoridades francesas eran totalmente impotentes para facer fronte ás ameazas do Imperio xaponés sobre a Indochina francesa, e cando a finais de setembro de 1940 o Exército Imperial Xaponés entrou e ocupou a colonia francesa fixérono sen oposición das autoridades de Vichy. Durante a estancia xaponesa no país deu comezo a actividade dun movemento de resistencia denominado Viet Minh baixo o liderado de Hồ Chí Minh, líder vietnamita comunista.
En 1945 as autoridades xaponesas tomaron a decisión de levar a cabo unha ocupación total do territorio, á vez que proclamaban un novo estado monicreque na zona: o Imperio de Vietnam, co nomeamento de Bảou Đại como novo emperador vietnamita. En vistas á máis que próxima derrota militar do Xapón, os militares concederon a unidade territorial ao país e garantiron a súa independencia como parte da denominada Esfera de Coprosperidade da Gran Asia Oriental. Con todo, esta acción produciuse nunha data demasiado tardía como para ter algunha influencia na guerra e ser un estado viable. A comezo de agosto o novo réxime imperial achábase próximo ao colapso, mentres as actividades do Viet Minh atopábanse no seu máximo auxe. A finais de mes producíronse distintas rebelións comunistas ao longo do país, á vez que tiña lugar a Rendición do Xapón ás potencias aliadas. Neste contexto tivo lugar a toma do poder polo Viet Minh e a abdicación de Bảou Đại como último emperador de Vietnam. Aínda que o poder colonial francés foi restaurado na península indochina, o 2 de setembro tivo lugar en Hanoi a proclamación da República Democrática de Vietnam por Hồ Chí Minh.
Listaxe de emperadores[editar | editar a fonte]

Coincidindo co final da dinastía Lê en 1802, Nguyễn Phúc Ánh logrou facerse co poder e unificar o país, dándolle o nome de «Vinệt Nam». Nguyễn Phúc Ánh converteuse no primeiro emperador vietnamita baixo o nome de Gia Long, fundando así a dinastía dos Nguyễn que reinou no país até a abdicación de Bảou Đại en 1945.
Nome | Nome chinés | Reinado | Notas |
---|---|---|---|
Gia Long | 嘉隆帝 | 1802 – 1820 | Inicio da dinastía. |
Minh Mạng | 明命帝 | 1820 – 1841 | |
Thiệou Trị | 紹治帝 | 1841 – 1847 | |
Tự Đức | 嗣德帝 | 1847 – 1883 | Comezo da colonización francesa. |
Dục Đức | 育德帝 | 1883 | Reinou só durante 3 días. |
Hiệp Hòa | 協和帝 | 1883 | Suicidouse. |
Kiến Phúc | 建福帝 | 1883 – 1884 | Morto en estrañas circunstancias. |
Hàm Nghi | 咸宜帝 | 1884 – 1885 | Anexión francesa de Tonkín. |
Đồng Khánh | 同慶帝 | 1885 – 1889 | |
Thành Thái | 成泰帝 | 1889 – 1907 | |
Duy Tân | 維新帝 | 1907 – 1916 | Fracaso da Sublevación de 1916. Duy Tân foi exiliado á illa da Reunión.
|
Khải Định | 啟定帝 | 1916 – 1925 | |
Bảou Đại | 保大帝 | 1926 – 1945 | Ocupación xaponesa durante a segunda guerra mundial. Final da dinastía. |
Lista das bandeiras das unidades administrativas da dinastía Nguyen[editar | editar a fonte]
Utilizáronse as bandeiras das unidades administrativas da dinastía Nguyen desde ao redor de 1868 a 1885, con 2:2.[1][2]
Provincias Reais[editar | editar a fonte]
Thua Thien (Thừa Thiên phủ, 承天府)
Quang Tri (Quảng Trị tỉnh, 廣治省)
Quang Binh (Quảng Bình tỉnh, 廣平省)
Quang Nam (Quảng Nam tỉnh, 廣南省)
Quang Ngai (Quảng Ngãi tỉnh, 廣義省)
Provincias da Rexión Norte[editar | editar a fonte]
Ha Noi (Hà Nội tỉnh, 河內省)
Lang Son (Lạng Sơn tỉnh, 諒山省)
Bac Ninh (Bắc Ninh tỉnh, 北寧省)
Son Tay (Sơn Tây tỉnh, 山西省)
Hai Duong (Hải Dương tỉnh, 海陽省)
Nam Dinh (Nam Định tỉnh, 南定省)
Provincias da Rexión Central[editar | editar a fonte]
Notas[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dinastía Nguyễn ![]() |
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- The Nguyễn Dynasty (en inglés)