Saltar ao contido

De origine actibusque Getarum

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
De origine actibusque Getarum
Título orixinalDe origine et actibus Getarum
Autor/aXordanes
Lingualingua latina
Tema(s)Getas
editar datos en Wikidata ]

De origine actibusque Getarum (en galego: Orixe e feitos dos Godos), con frecuencia referida polo nome que lle dera Theodor Mommsen no 1882, Getica, foi escrita por Xordanes e publicada polo 551.[1] Foi presentada como un resumo dunha voluminosa obra de Casiodoro sobre a orixe e historia dos godos, o Libri XII De Rebus Gestis Gothorum, realizado a petición de Teodorico o Grande e do cal non se coñece ningunha copia.

Datación da autoría

[editar | editar a fonte]
Xustiniano I, mosaico de Rávena.

Xordanes cóntanos na Getica que interrompeu os seus escritos sobre a Romana para escribir a Getica, e despois remata-la Romana. Nesta última obra, afirma que escribiu a Getica no ano vinte e catro do emperador Xustiniano, que comezara o 1 de abril do 551. Así mesmo, na Getica menciona unha praga acontecida nove anos antes, referíndose probablemente á chamada “Peste de Xustiniano” que comezara en Exipto no 541, e chegou a Constantinopla no 542.

A Istambul moderna, emprazamento da antiga Constantinopla, capital do Imperio romano de Oriente, onde Xordanes escribiu Getica.

Características

[editar | editar a fonte]

O libro foi achado en Viena en 1442 por un humanista italiano chamado Enea Silvio Piccolomini. A súa editio princeps apareceu en 1515 da man de Konrad Peutinger, seguíndolle diversas edicións. No prefacio, Xordanes presentaba o plan da obra:

«Condensar no meu propio estilo e neste libriño, os doce tomos do Senador sobre a orixe e os feitos dos Xetas (godos) dende a antigüidade ata os nosos días.»

Xordanes recoñeceu ter acceso aos devanditos doce volumes durante tres días nos que memorizou exactamente os seus feitos, aos que tamén engadiu cousas lidas e escoitadas por el mesmo. Por iso, boa parte do libro semella ser unha copia da obra de Casiodoro, aínda que é difícil coñecer os acontecementos que del proceden ou son, pola contra, propios de Xordanes.

A Getica destaca por ser a única fonte de información que se coñece sobre a orixe dos godos, quen dominaron por un tempo parte da Europa oriental e foron dispersados polos hunos.

Edicións

[editar | editar a fonte]

En 1442, o humanista italiano Enea Silvio Piccolomini, descubriu en Viena un manuscrito do texto.[2] A súa editio princeps foi publicada en 1515 por Konrad Peutinger, seguida de moitas outras edicións.[3]

A edición clásica é a escrita por Theodor Mommsen no século XIX (na Monumenta Germaniae Historica, auctores antiqui, V. II.), baseada no Manuscrito de Heidelberg, escrito en Heidelberg arredor do século VIII, e que, por desgraza, ardeu no incendio da casa de Mommsen en 1880. Foi escrito nun latín tardío e foi denigrado polos clasicistas por non respectar as regras do latín clásico de Cicerón.Os descubrimentos posteriores —o manuscrito Panormitanus— permitiron confirmar o dominio do latín de Xordanes, refutando a visión tradicional dunha lingua bárbara e decadente, resultado do descoñecemento do latín por parte dos copistas nórdicos do manuscrito Heidelbergensis.[4]

A obra ten unha compoñente mítica non períodos máis afastados da época na que se escribe que é posta en cuestión por varios historiadores, aínda que si admiten un certo trasfondo histórico. Así, principia cunha descrición xeográfica e etnográfica do Norte, en particular de Scandza (Escandinavia estaba considerada entón como illa).[5] A historia dos godos comeza, nun pasado afastado, coa emigración de Berig con tres barcos dende Scandza a Gothiscandza,[6][7] rexión que designa a costa báltica da actual Polonia.[8] Nas beiras do Báltico, os godos asentáronse derrotando os vándalos para posteriormente, baixo o mando dun suposto monarca lendario chamado Filimer, emigraron cara a Escitia (as terras próximas ao Mar Negro) que eles denominaron Oium.[9][10] A seguir, Xordanes (ou Casiodoro), menciona a Zalmoxis, un semideus dos xetas citado por Heródoto, como rei dos godos,[11] e continua co relato de como os godos cruzaron a Asia e saquearon "Troia e Ilión" xque xa se recuperaran da guerra con Agamenón[12]

A parte menos ficticia ou máis propiamente histórica da obra de Jordanes comeza cando os godos se atopan coas forzas militares romanas no século III, rematando o libro coa derrota dos godos polo xeneral bizantino Belisario. A xeito de conclusión, Xordanes, afirmou que escribía para honrar aos que triunfaron sobre os godos despois dunha historia de 2030 anos.

Relevancia histórica

[editar | editar a fonte]

Dado que a versión orixinal de Casiodoro da historia dos godos non sobreviviu até hoxe, a obra de Xordanes é unha das fontes de información máis importantes para o período de migración das tribos xermánicas, sobre todo dos ostrogodos e visigodos, especialmente a partir do século III, e para coñece-la súa historia e etnografía durante a antigüidade tardía.[13] O propósito principal da obra orixinal de Casiodoro era darlle un pasado glorioso ás clases dominantes dos godos, comparable ao das familias senatoriais romanas e, a través de Xordanes, é a única fonte que ofrece unha historia completa da orixe e da historia dos godos. Tamén proporciona informacións sobre a historia antiga e os costumes dos eslavos.

  1. Soto Chica (2020), p. 3
  2. Miller Gamble 1927, pp VI, 59, 202
  3. Smith 1870, "Jornandes".
  4. Sánchez Martín (2001)
  5. "IORDANIS DE ORIGINE ACTIBUSQUE GETARUM, 16-24". thelatinlibrary.com (en latín). Consultado o 6 de setembro de 2023. 
  6. "IORDANIS DE ORIGINE ACTIBUSQUE GETARUM, 25-94". thelatinlibrary.com (en latín). Consultado o 6 de setembro de 2023. 
  7. Soto Chica (2020), p. 4 afirma que esa migración debeu producirse polo século I a.C.
  8. Soto Chica (2020), pp. 9-10
  9. "IORDANIS DE ORIGINE ACTIBUSQUE GETARUM, 26-27". thelatinlibrary.com (en latín). Consultado o 6 de setembro de 2023. 
  10. Soto Chica (2020), p. 21
  11. "IORDANIS DE ORIGINE ACTIBUSQUE GETARUM, 39". thelatinlibrary.com (en latín). Consultado o 6 de setembro de 2023. 
  12. "IORDANIS DE ORIGINE ACTIBUSQUE GETARUM, 108". thelatinlibrary.com (en latín). Consultado o 6 de setembro de 2023. 
  13. Escher & Lebedynsky (2007), p. 30

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Escher, Katalin; Lebedynsky, Iaroslav (2007). Le dossier Attila (en francés). París: Actes sud/Errance. ISBN 9782877723640. 
  • Sánchez Martín, José María, ed. (2001). Jordanes. Origen y gestas de los godos (en castelán). Madrid: Cátedra. ISBN 84-376-1887-8. 
  • Soto Chica, José (2020). Los visigodos. Hijos de un Dios furioso (en castelán). Madrid: Ediciones Desperta Ferro. ISBN 978-84-120798-9-0. 
  • Miller Gamble, William Thomas (1927). The Monumenta Germaniae Historica: Its Inheritance in Source-valuation and Criticism (en inglés). Washington: Catholic University of America. LCCN 27018662. OCLC 817488. OL 6705367M. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]