Dólar de prata do 400 aniversario de Jamestown

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de prata do
400 aniversario de Jamestown
A/: Imaxes dunha persoa africana e dun indio americano, con John Smith no medio. Marcas de gravador (DW e DE).

Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST / FOUNDING JAMESTOWN / 1607-2007

R/: Tres barcos navegando. Marca de ceca (P) e marcas de gravador (SG e CLV).

Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / ONE DOLLAR / E PLURIBUS UNUM

  • Valor: 1 dólar.
  • Gravador: D. Weaver e D. Everhart (anv.), e S. Gamble e C. Vickers (rev.).
  • Datas de emisión: 2007
  • Ceca: US Mint: Ceca de Filadelfia.
  • Tiraxe: 341.397 exemplares.
  • Aliaxe: 90 % prata e 10 % cobre.
  • Diámetro: 38,1 mm.
  • Peso: 26,73 g.
  • Espesor: 2,8 mm.
  • Canto: estriado.

O dólar de prata do 400 aniversario de Jamestown é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 2007 e cuñada pola Ceca de Filadelfia.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 108-289, do 6 de agosto de 2004,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha moeda conmemorativa do 400º aniversario do asentamento de Jamestown, no Estado de Virxinia.[2]

Esta moeda forma parte do programa de emisións da US Mint para conmemorar este asentamento, que se completa coa cuñaxe dunha moeda de ouro con valor facial de cinco dólares.[3]

Deseño[editar | editar a fonte]

Os deseños de ambas as moedas que compoñen o programa foron anunciados pola US Mint en xuño de 2006.[4]

No anverso da moeda, deseñado e gravado conxuntamente por Donna Weaver e Don Everhart, reprodúcense as figuras das coñecidas como "tres faces da diversidade": o capitán John Smith, unha persoa de orixe africana e un indíxena americano. Estas imaxes representan as tres culturas que confluíron en Jamestown. Xunto a estes motivos, inclúense lendas alusivas ao 400 aniversario do asentamento de Jamestown. A dobre data da moeda, 1607-2007, alude ao mesmo tempo a esa conmemoración e ao ano de emisión.[2][4][5]

Pola súa banda, o reverso, obra de Susan Gamble e Charles Vickers, representa os tres barcos nos que chegaron a Jamestown os seus 105 primeiros colonos británicos: o Susan Constant, o Godspeed e o Discovery.[4][5]

Produción e comercialización[editar | editar a fonte]

A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 500.000 de exemplares.[1][2] A moeda comezou a produciuse na Casa da Moeda de Filadelfia o 1 de xaneiro de 2007,[3] e estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación a partir do 10 de xaneiro de 2007.[6]

A súa produción foi de 79.801 moedas na súa condición estándar e 258.802 en versión con acabamento especial (proof), o que fai un total de 338.603 exemplares.[7]

A moeda comercializouse aos prezos de 35 dólares en condición estándar e 39 en versión proof,[5] e o beneficio conseguido coa súa venda destinouse conxuntamente á Secretaría do Interior dos EEUU e a dúas entidades sen ánimo de lucro: a Fundación Jamestown-Yorktown, de Virxinia, e a Asociación para a Preservación das Antigüidades de Virxinia.[2]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

O dólar de prata do 400 aniversario de Jamestown foi recoñecido co Premio Moeda do Ano de 2009, á moeda de maior relevancia histórica emitida no mundo en 2007.[8][9]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]