Dólar de prata do 150 aniversario do Instituto Smithsoniano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de prata do
150 aniversario do Instituto Smithsoniano
A/: Figura feminina que sostén un facho e un pergamiño, sobre o globo terrestre. Marca de gravador (JM).

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA/ FOR THE INCREASE AND DIFFUSION OH KNOWLEDGE / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR

R/: Fachada do edificio sede do Instituto Smithsoniano. Marcas de ceca e de gravador (TDR).

Lenda: LIBERTY / IN GOD WE TRUST / Smithsonian 1846-1996.

O dólar de prata do 150 aniversario do Instituto Smithsoniano é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1996 e cuñada polas Cecas de Filadelfia e de Denver.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 104-96, do 10 de xaneiro de 1996,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha moeda conmemorativa do 150 aniversario da fundación do Instituto Smithsoniano.[2]

Esta moeda está integrada nun programa de emisións para 1996 que conta tamén cunha moeda de 5 dólares de ouro conmemorativa da mesma efeméride.[3]

Deseño[editar | editar a fonte]

A medalla de ouro Langley, do Instituto Smithsoniano, da que toma o motivo do anverso esta moeda conmemoratiiva.

No anverso da moeda, deseñado e gravado polo gravador da US Mint John M. Mercanti, reprodúcese unha figura feminina cunha toga que sostén o facho do coñecemento e un pergamiño coas palabras ART ("Arte"), HISTORY ("Historia") e SCIENCE ("Ciencia"), posta de crequenas sobre o globo terrestre. A escena está baseada no deseño da medalla de ouro Langley, do Instituto Smithsoniano. Completan o anverso a lenda UNITED STATES OF AMERICA na parte superior, o lema E PLURIBUS UNUM e o valor facial na inferior, e á dereita da figura a lenda alusiva ao motivo conmemorado, FOR THE INCREASE AND DIFFUSION OH KNOWLEDGE ("Para o aumento e a difusión do coñecemento").[2][4]

Fachada do edificio principal do Instituto Smithsoniano en Washington, que se reproduce no anverso da moeda conmemorativa.

Pola súa banda, o reverso, obra de Thomas D. Rogers, reproduce a fachada do edificio sede do Instituto Smithsoniano en Washington, cos lemas LIBERTY ("Liberdade") e IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos"), na parte superior e a lenda "Smithsonian 1846-1996" no exergo.[2][4]

Produción e comercialización[editar | editar a fonte]

A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 650.000 de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Filadelfia na súa versión estándar e na Casa da Moeda de Denver na versión con acabamento especial (proof),[4] e estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación desde o 5 de agosto de 2006.[2]

A súa produción foi de 31.230 moedas na súa condición estándar e 129.152 en versión con acabamento (proof), o que fai un total de 160.382 exemplares.[5]

A moeda comercializouse aos prezos de 32 dólares en condición estándar e 37 en versión proof,[4] e o beneficio conseguido coa súa venda destinouse nun 85 % para o financiamento das actividades do Instituto Smithsoniano e un 15 % para o funcionamento da Colección Numismática Nacional dos Estados Unidos, xestionada tamén por este instituto. [2]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]