Saltar ao contido

Dólar de prata da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de prata da
Biblioteca do Congreso dos EEUU
A/: Dous libros, un deles aberto; atrás un facho. Lendas: LIBRARY OF CONGRESS / 1800 2000 / IN GOD WE TRUST / LIBERTY R/: Cúpula do Edificio Jefferson da Biblioteca do Congreso.

Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM ONE DOLLAR

O dólar de prata da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida en 2000 e cuñada pola Casa da Moeda dos Estados Unidos na súa Ceca de Filadelfia.

Esta moeda dun dólar forma parte dunha serie de dous valores —a outra é de 10 dólares— e foi autorizada pola Lei 105–268, do 19 de outubro de 1989,[1] para conmemorar o 200º Aniversario da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos.[2][3]

O anverso deste dólar foi deseñado polo gravador da US Mint Thomas D. Rogers, autor tamén do reverso inicial do popular dólar Sacagawea. No anverso represéntanse dous libros, un deles aberto e apoiado noutro, que está pechado, e ao fondo aparece o facho da aprendizaxe.[2][4]

O reverso é obra John Mercanti, recoñecido autor de numerosas moedas conmemorativas dos Estados Unidos. Neste reverso represéntase a cúpula do Edificio Jefferson, un dos catro que compoñen a Biblioteca do Congreso, construído entre 1890 e 1897.[2][4]

Produción e comercialización

[editar | editar a fonte]

A Lei 105-268 autorizou unha tiraxe máxima de 500.000 exemplares.[1][2] A súa comercialización comezou o 24 de abril de 2000 e, ao remate do período de venda a finais dese ano, chegárase á venda de 53.264 exemplares con acabamento estándar e 198.503 con acabamento especial (proof).[4][5]

Aínda que durante o seu período de distribución o dólar de prata tivo máis éxito comercial que a moeda de 10 dólares que completaba a serie, no mercado secundario foi esta última a que se fixo máis popular, polo feito de ser a primeira moeda bimetálica —en ouro e platino— emitida nos Estados Unidos.[4][6]

Unha parte dos beneficios económicos da súa comercialización foi destinada ao fondo económico en apoio dos programas de divulgación da Biblioteca do Congreso (Library of Congress Trust Fund Board).[2]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]