Dólar de prata conmemorativo da Medalla de Honra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de prata conmemorativo|
da Medalla de Honra [1][2]
A/: As tres medallas de honra das Forzas Armadas dos EEUU: Exército de Terra, Armada e Forzas Aéreas. Marca de deseñador e gravador (JL).

Lendas: IN GOD WE TRUST / LIBERTY / MEDAL OF HONOR 1861 - 2011

R/: Soldado cargando no lombo cun compañeiro ferido. Marcas de deseñador (RM), de gravadora (PH) e de ceca (P ou S).

Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR

O dólar de prata conmemorativo da Medalla de Honra é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 2011 e cuñada polas Cecas de Filadelfia e de San Francisco.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 111-91, do 6 de novembro de 2009,[3] pola que se dispuxo a emisión dunha moeda dun dólar de prata en conmemoración do 150 aniversario da Creación da Medalla de Honra dos Estados Unidos e en recoñecemento as persoas cuxo servizo se distinguiu con elas.[1][2]

O dólar de prata forma parte do Programa de Moedas Conmemorativas da Medalla de Honra, que se completa coa emisión, tamén en 2011, dunha moeda de ouro con valor de 5 dólares.[4]

Deseño[editar | editar a fonte]

O director adxunto da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Andy Brunhart, presentou o 29 de setembro de 2010 os deseños do Programa de Moedas Conmemorativas da Medalla de Honra de 2011, no marco da convención anual da Sociedade da Medalla de Honra do Congreso na cidade de Charleston.[5]

No anverso da moeda, deseñado e gravado por Jim Licaretz, represéntanse as tres tipoloxías da Medalla de Honra dos Estados Unidos, relativas a cada corpo das Forzas Armadas: Exército de Terra, Armada e Forzas Aéreas, xunto coas características cintas estreladas. Na parte superior engádense os lemas LIBERTY ("Liberdade") e IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos"), tradicionais das moedas estadounidenses, así como a data de emisión da moeda, e na parte inferior a expresión MEDAL OF HONOR e a dobre data da conmemoración do 150 aniversario: 1861 - 2011.[1][2]

Medallas de Honra dos Estados Unidos (Forza Aérea, Armada e Exército de Terra), que se reproducen no anverso da moeda conmemorativa..

Pola súa banda, o reverso, deseñado por Richard Masters e gravado por Phebe Hemphill, reproduce unha escena dun soldado de infantaría contemporáneo levando no lombo un compañeiro ferido, en lembranza do valor e do espírito de sacrificio de todos os receptores da medalla.[2] O motivo escollido cumpre ademais cos criterios establecidos polo Congreso en 1963, que esixen que todas as Medallas de Honra sexan outorgadas por accións heroicas en combate. O lema E PLURIBUS UNUM e a mención do nome do país e do valor facial da moeda completan o deseño do reverso.[1]

Produción e comercialización[editar | editar a fonte]

A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 500.000 exemplares.[3] A moeda produciuse na Casa da Moeda de San Francisco na súa versión estándar, en tanto que a Casa da Moeda de Filadelfia cuñou as moedas con acabamento especial (proof), e a emisión estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación a partir do 25 de febreiro de 2011.[1][2][6]

A súa produción foi de 44.752 moedas na súa condición estándar e 112.833 en versión con acabamento especial (proof) o que fai un total de 157.585 exemplares.[2][7]

A moeda comercializouse aos prezos de 59,95 dólares en condición estándar e 54,95 en versión proof e, consonte a lei que autorizou a súa emisión, 10 dólares da venda de cada moeda foron destinados á Fundación da Medalla de Honra do Congreso, para axudar a perpetuar o legado da medalla financiando programas para promover os valores do sacrificio, o servizo altruísta e o patriotismo entre a poboación dos Estados Unidos.[1][2]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]