Crocodylus siamensis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Crocodylus siamensis
Crocodilos siameses
Crocodilos siameses
Estado de conservación
Crítico
Crítico[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Clase: Reptilia
Orde: Crocodilia
Familia: Crocodylidae
Xénero: Crocodylus
Especie: C. siamensis
Schneider, 1801
Nome binomial
Crocodylus siamensis
Crocodylus siamensis Distribution.png

O Crocodylus siamensis, xeralmente chamado crocodilo siamés, é unha especie de crocodilo de tamaño medio ou pequeno nativo de Indonesia (Borneo e posiblemente Xava), Brunei, Malasia do Leste, Laos, Camboxa, Myanmar, Tailandia, e Vietnam. A especie está en perigo crítico e xa está extinguida en moitas das rexións nas que adoitaba habitar.[2]

Características[editar | editar a fonte]

Siamcroc.JPG

O crocodilo siamés é un crocodilo de auga doce de mediano tamaño, cun fociño liso relativamente ancho e unha elevada crista ósea detrás de cada ollo. En conxunto é de cor verde oliva, con algunhas variacións verdes escuras.[3] Os espécimes novos miden de 1,2 a 1,5 m e teñen un peso de 6 a 12 kg, e crecen ata os 2,1 m e un peso de 40 a 70 kg ao chegaren a adultos.[4][5][6] As femias máis grandes poden medir 3,2 m e pesan 150 kg.[7] Os machos grandes poden alcanzar os 4 m e os 350 kg.[8] A maioría dos adultos non excede dos 3 m de lonxitude, aínda que os híbridos en catividade poden crecer moito mais.

Crocodilo siamés

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

A área de distribución histórica do crocodilo siamés incluía a maioría do sueste asiático. Esta especie está agora extinta ou case extinta na natureza na maioría dos países desa rexión e só ten certa abundancia en Camboxa.[2] Anteriomente encontrábase en Camboxa, Indonesia (Borneo e posiblemente Xava), Laos, Malaisia, Tailandia, Vietnam, Brunei, e Birmania.[9]

As poboacións silvestres restantes deste crocodilo (algunhas moi reducidas) están distribuídas actualmente nas seguintes localizacións:[1]

Os crocodilos siameses aparecen en diversos hábitats de auga doce, incluíndo ríos de movemento lento e regatos, lagos, lagos estacionais (en meandros abandonados) e pantanos.[10]

Bioloxía e comportamento[editar | editar a fonte]

Crocodilo siamés durmindo coa boca aberta para liberar calor

Malia a preocupación pola súa conservación, moitos aspectos da historia vital de C. siamensis na natureza seguen sendo descoñecidos, especialmente sobre a súa bioloxía reprodutora.[10]

Os adultos aliméntanse principalmente de peixes e serpes, pero tamén comen anfibios e pequenos mamíferos.[2]

As femias constrúen niños con forma de morea construídos a partir de restos de plantas arrancadas mesturados con lama.[3] En catividade, estes crocodilos reprodúcense durante a estación húmida (de abril a maio), e poñen de 15 a 50 ovos, que son vixiados ata que eclosionan.[11] Despois da incubación, as femias axudan as crías a romperen a casca dos ovos e despois transpórtanas na boca á auga.[12]

Os exemplares puros e non hibridados desta especie xeralmente non son agresivos cos humanos, e non se coñecen casos de ataques non provocados.[13]

Status de conservación e ameazas[editar | editar a fonte]

Este crocodilo está clasificado como en perigo crítico na Lista vermella da IUCN,[14] e figura no Apéndice I de CITES.

É un dos crocodilos máis ameazados na naureza, aínda que é intensamente criado en catividade.[11]

Ameazas[editar | editar a fonte]

Os crocodilos siameses están ameazados polas alteracións e ocupacións do hábitat causadas polos humanos, o cal está forzando ás poboacións restantes ás zonas máis apartadas da súa anterior área de distribución.[11] Está extinguido no 99% da súa área orixinal, polo que é considerado un dos crocodilianos menos estudado e máis en perigo do mundo.[10] Aínda que quedan poucas poboacións silvestres libres na natureza, críanse máis de 700 000 C. siamensis nas granxas de crocodilos comerciais do sueste asiático.[10]

En 1992, críase que estaba extremadamente preto da extinción ou xa completamente extinguido na natureza ata que en 2000 os científicos de Fauna and Flora International e a Administración forestal do goberno de Camboxa confirmaron a súa presenza nas montañas Cardamomo no sueste de Camboxa. Desde entón, os exames realizados atoparon uns 30 lugares en Camboxa onde viven crocodilos siameses silvestres (estimados de forma conservadora nun número total de individuos entre 200 e 400), así como unha pequena poboación en Tailandia (posiblemente de só dous individuos, se non se contan as reintroducións recentes), unha pequena poboación en Vietnam (posiblemente de menos de 100 individuos) e hai uns 200 individuos no Parque Nacional Cat Tien, e unha poboación maior en Laos, onde en marzo de 2005 os conservacionistas encontraron un niño con crías na provincia de Savannakhet. Non hai rexistros recentes da especie en Malaisia, Birmania ou Brunei, onde antes vivía. Unha pequena pero importante pooación destes crocodilos vive en Kalimantán Leste, Indonesia.

Degradación do hábitat[editar | editar a fonte]

Entre os factores que causan a perda dos hábitats destes animais están: a conversión de zonas húmidas en terreos agrícolas, o uso de fertilizantes químicos e pesticidas no cultivo do arroz e o incremento da poboación de gando vacún.[15] Os efectos das accións bélicas nos pasados conflitos de Vietnam, Laos e Camboxa durante a guerra de Vietnam e en Camboxa tamén influíron (desde a colocación de minas aos bombardeos aéreos).

En moitos sistemas fluviais, como os das áreas protexidas, hai proxectos de presas hidroeléctricas xa aprobados ou propostos, que probablemente causarán a perda de aproximadamente a metade das colonias reprodutoras que quedan nos próximos dez anos.[10] Unha causa para a degradación do hábitat motivada por cambios hidrolóxicos é a construción de encoros no curso superior do río Mekong e os seus principais afluentes.[16] Os impactos potenciais da construción de presas inclúen a perda de zonas húmidas e a alteración dos ciclos de inundacións cun fluxo na estación seca un 50% maior que en condicións naturais.[17]

Explotación e fragmentación[editar | editar a fonte]

A captura ilegal de crocodilos silvestres para fornecer as necesidades das granxas de crocodilos é unha ameaza que aínda hoxe continúa, así como a captura accidental e afogamento en redes de pesca e trampas.[10] Como resultado C. siamensis actualemnte ten unhas poboacións residuais extremadamente baixas e fragmentadas e con pouca reprodución na natureza.

A especie foi capturada historicamente pola súa pel e para subministrar animais ás granxas comerciais de crocodilos. En 1945, a caza para comercializar a pel foi prohibida pola administración colonial francesa de Camboxa.[18] A finais da década de 1940, aumentou a desenvolvemento de granxas de crocodilos e a recollida de crocodilos silvestres para elas.[19] A protección foi abolida polo Khmer Vermello (1975–79) pero posteriormente foi posta de novo en vigor pola Lei de pesca de 1987, que "prohibe a captura, venda e transporte de...crocodilos [silvestres]..."[18]

A crianza de crocodilos en granxas ten agora un enorme impacto económico nas provincias que rodean o Tonle Sap, onde hai 396 granxas que tiñan uns 20 000 crocodilos en 1998.[18] Ademais, moitos crocodilos foron exportados de Camboxa desde mediados da década de 1980 ás granxas de Tailandia, Vietnam e China.[20]

Malia a protección legal, existe un mercado prospero e rendible para a captura e venda de crocodilos silvestres ás granxas desde 1980.[20] Esta crónica sobreexplotación levou ao declive da especie na natureza.

Conservación e xestión[editar | editar a fonte]

Fósiles, antes denominados Crocodylus ossifragus

A situación actual de C. siamensis supón unha significativa mellora con respecto á que tiña segundo o Plan de acción de 1992 (extinto na natureza), pero presenta grandes desafíos novos para a súa avaliación cuantitativa e a acción de conservaión efectiva se se quere que a especie sobreviva. Aínda que a especie permanece en perigo crítico, hai poboacións residuais silvestres suficientes, pero moi fragmentadas en varias áreas e países, que servirían de base para a recuperación.

O crocodilo siamés é relativamente pouco perigoso para a xente (comparado co C. porosus), e a posibilidade de que as persoas e os crocodilos coexistan en áreas naturais parece posible. A poderosa forza económica da industria comercial baseada en C. siamensis tamén necesita ser mobilizada e canalizada á conservación. Aínda cómpren considerables esforzos e accións, pero a especie ten unha razoable oportunidade de sobrevivir se isto se realiza.

Yayasan Ulin (The Ironwood Foundation) está levando a cabo un pequeno proxecto para conservar un importante hábitat de zona húmida na área ode Kalimantán leste onde se sabe que hai crocodilos siameses.[21] Porén, a maioría deles viven en Cambojia, onde están illados, hai pequenos grupos en varias áreas remotas das montañas Cardamomo, no sur do país e tamén no Parque Nacional de Vireakchey, no noroeste do país.

En Camboxa a organización Fauna and Flora International e a Administración forestal do goberno de Camboxa estableceron o Programa de Conservación do Crocodilo Camboxano para a protección e recuperación do crocodilo siamés. Este programa traballa cunha rede de aldeas indíxenas que están axudando a protexer sitios claves como o pantano de Veal Veng (distrito de Veal Veng), os ríos Tatai (distrito de Thmar Bang) e Araeng. Este último considérase que ten a segunda poboación máis grande de crocodilos siameses do mundo, mais actualmente está ameazada polo proxecto de construción dun enorme encoro no río. Durante o período máis forte do monzón de xuño a setembro, os crocodilos siameses aprovéitanse do incremento do nivel das augas para saír do río e pasar aos grandes lagos e outros corpos de auga locais, volvendo ao seu hábitata orixinal cando os niveis da auga empezan a baixar ata o que é o normal.

O Programa de Conservación do Crocodilo Camboxano realizou análises de ADN de 69 crocodilos no Centro de Rescate da Vida Salvaxe de Phnom Tamao en Camboxa en 2009, e encontrouse que 35 dos crocodilos eran C. siamensis puros, sen hibridación. Os conservacionistas da Administración forestal e de Fauna and Flora International iniciaron despois un programa de crianza para a conservación no Centro. Desde 2012, liberáronse aproximadamente 50 crocodilos siameses camboxanos puros en áreas protexidas pola comunidade para reforzar as poboacións silvestres diminuídas.

A caza furtiva é unha grave ameaza para esta especie, xa que o valor dun crocodilo siamés silvestre chega a centos de dólares no mercado negro, desde onde acaban ilegalmente en granxas de crocodilos e hibrídanse con outras especies máis grandes.[22] A poboación silvestre total existente é descoñecida, xa que a maioría dos grupos están en áreas illadas onde o acceso é extremadamente complicado. Varios individuos mantidos en catividade son o resultado de hibridacións co crocodilo de auga salgada, pero hai varios centos de individuos "puros" en catividade, e estes son criados regularmente nas granxas de crocodilos, especialmente en Tailandia.

O Parque Nacional de Pang Sida en Tailandia, preto de Camboxa, ten un proxecto para reintrodcir croccodilos siameses na natureza. Varios crocodilos novos foron xa liberados en pequenos e remotos ríos do parque, non accesibles aos visitantes.

The Wildlife Conservation Society (WCS) está a traballar co goberno de Laos nun novo programa para salvar este crocodilo en perigo crítico nas súas zonas húmidas naturais. En agosto de 2011, nunha nota de prensa anunciouse a eclosión exitosa dunha posta de 20 crocodilos siameses. Estes ovos foron incubados no Zoo de Laos. Este proxecto representa un novo esforzo da WCS de conservar a biodiversidade e hábitat da provincia de Savannakhet de Laos, e de promover a conservación da biodiversidade en toda a paisaxe, e depende da implicación da comunidade de residentes locais.[23]

Proxectos prioritarios[editar | editar a fonte]

Entre os proxectos máis prioritarios están os seguintes:[24]

  • Avaliacións do status e desenvolvemento dos programas de xestión e conservación do crocodilo en Camboxa e Laos. Estes dous países parecen ser as prazas fortes que quedan da especie. Cómpre identificar as áreas e poboacións clave, e obter estimacións cuantitativas do tamaño das poboacións como algo previo ao inicio dos programas de conservación.
  • Aplicar a protección do hábitat e recuperación de poboacións en Tailandia. Tailandia é o país da rexión que ten sistema de áreas protexidas mellor organizado, as maiores fontes de crocodilos en granxas de crianza para a reoboación, e o programa de xestión dos crocodilos máis desenvolvido. Aínda que a especie case desapareceu na natureza, o reestablecemento de poboacións viables en áreas protexidas é factible.
  • Protección das poboacións do crocodilo en Vietnam. Unha combinación de protección do hábitat e crianza en catividade podería impedir a perda completa da especie en Vietnam. Son necesarios exames de avaliación das poboacións, a identificación de localidades axeitadas para a especie e a aplicación dun programa de conservación cordinado cos esforzos de crianza en catividade das institucións vietnamitas.
  • Investigación da taxonomía dos crocodilos de auga doce do Sueste asiático e o arquipélago indomalaio. As relacións entre os crocodilos de auga doce no arquipélago indomalaio coñécense pouco. Haberá que clarificar estas relacións, xa que teñen un grande interese científico e importantes implicacións para a conservación.

Outros proxectos son:

  • A coordinacióon da crianza en catividade, comercio e conservación na rexión do Sueste asiático. Varios países da rexión xa están moi implicados en programas de crianza en catividade para uso comercial. A integración desta actividade coas acciósn de conservación necesarias para as poboacións silvestres (incluíndo o financiamento de exames de avaliación e conservación) poderían ser unha forza poderosa para a conservación. Un obxectivo a longo prazo podería ser o reestablecemento de poboacións silvestres viables e o seu uso sostible para a crianza comercial.
  • Manter un stock de C. siamensis puro nas granxas de crocodilos. A maior parte dos individuos en catividade do mundo están nas granxas de crianza de Tailandia, onde se está a producir unha intensa hibridación con C. porosus. Na industria prefírense os híbridos pola s súas superiores calidades comerciais, pero a hibridación ameaza a integridade xenética da especie máis en perigo de todos os crocodilianos. As granxas deberían ser animadas a segregar xeneticamente os crocodilos siameses puros para a súa conservación, ademais dos híbridos que están promocionando para a produción de peles.
  • A avaliación e protección dos crocodilos siameses en Indonesia. A verificación da presenza de C. siamensis en Kalimantán e Xava é un primeiro paso para a protección da especie no contexto do desenvovemento dunha estratexia de xestión do crocodilo en Indonesia.

Referencias culturais[editar | editar a fonte]

O crocodilo siamés cítase nos contos do folclore tai de Tailandia central kịr thxng ("ไกรทอง"),[25] e foi utilizado en series de televisión e películas varias veces.[26] A historia folclórica trata dun crocodilo máxico chamado chā la wạn ("ชาละวัน"), que pode transformarse en home e atrapou unha muller para ser a súa esposa en covas situadas baixo a auga.

Un crocodilo siamés é o monstro protagonista da película tailandesa de 1978 Crocodile.[27]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Crocodylus siamensis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 20 de maio de 2014. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Crocodilian Species List: (xaneiro de 2009). "Crocodylus siamensis". 
  3. 3,0 3,1 Steel, Rodney (1989). Crocodiles. London. 
  4. Pye, Geoffrey W.; Brown, Daniel R.; Nogueira, Marcia F.; Vliet, Kent A.; Schoeb, Trenton R.; Jacobson, Elliott R. and Bennett, R. Avery (2001). "Experimental inoculation of broad-nosed caimans (Caiman latirostris) and Siamese crocodiles (Crocodylus siamensis) with Mycoplasma alligatoris". Journal of Zoo and Wildlife Medicine 32 (2): 196–201. JSTOR 20096098. PMID 12790420. 
  5. "Adjuntament de Barcelona – Crocodile". Zoobarcelona.cat. Arquivado dende o orixinal o 08 de abril de 2016. Consultado o 2016-12-15. 
  6. Renegade reptiles by Tom Lee[Ligazón morta permanente]
  7. Alleged Siamese crocodile found dead in Vietnam. tuoitrenews.vn (30 de setembro de, 2012)
  8. "Farmer raises 6000 crocs". Chinadaily.com.cn. 2012-07-10. Arquivado dende o orixinal o 2016-03-04. 
  9. Britton, A. "Crocodylus Siamensis (Schneider, 1801)". Consultado o 2011-11-29. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 Simpson, B.K.; Bezuijen, M.R. (2010). "Siamese Crocodile Crocodylus Siamensis". En Manolis, S.C.; Stevenson, c. Crocodiles (PDF) (en inglés) (3ª ed.). pp. 120–126. 
  11. 11,0 11,1 11,2 Ross, R.P. "Crocodiles: Status Survey and Conservation Action Plan. Second Edition.". Arquivado dende o orixinal o 24 de decembro de 2011. Consultado o 2011-11-29. 
  12. Alderton, D. (1991). Crocodiles and Alligators of the World. Blandford, London. 
  13. Cox, M.J. van Dijk, P.P, Nabhitabhata, J and Thirakhupt, K. (2009) A photographic guide to Snakes and other reptiles of Thailand and South-East Asia. Asia Books Co. Ltd. Bangkok. ISBN 0883590433.
  14. IUCN Red List (November 2011). "Crocodylus Siamensis". IUCN. Consultado o 2011-11-29. 
  15. Phiapalath, Phaivanh; Voladet, Hicks. "Wetland Priority Sites in Lao PDR – the top five priority sites" (PDF). IUCN (Climate Change Impact and Vulnerability Assessment for the Wetlands of the Lower Mekong Basin for Adaptation Planning). Consultado o 2011-11-29. 
  16. Hogan, Z.S.; Moyle, May; Vander Zanden, Baird (2004). "The imperiled giants of the Mekong". American Scientist 92 (3): 228–237. doi:10.1511/2004.3.228. 
  17. Lamberts, D (2001). "Tonle Sap fisheries: A Case Study on Floodplain Gillnet Fisheries in Siem Reap Cambodia". RAP Publication (Bangkok: FAO REgional Office for Asia and the Pacific). 
  18. 18,0 18,1 18,2 Thuok; Tana (1994). "Country report on crocodile conservation in Cambodia." (PDF). Crocodiles: Proceedings of the 12th meeting of the Crocodile Specialist Group. IUCN Publications: 3–15. 
  19. Kimura, W (1969). "Crocodiles in Cambodia, Research Report No. 3 Atawgawa Tropical Garden and Alligator Farm". 
  20. 20,0 20,1 Thorbjarnarson, J (2001). "herpetology trip report: Cambodia. Report to Wildlife Conservation Society". 
  21. PAC2013 (2009-07-05). "Siamese Crocodile Conservation Case Study | The Mohamed bin Zayed Species Conservation Fund". Speciesconservation.org. Consultado o 2016-12-15. 
  22. Endangered crocodiles hatched in Cambodia. The Associated Press via cbc.ca (June 10, 2010)
  23. "WCS Helps Hatch Rare Siamese Crocodiles in Lao PDR". Consultado o 2011-12-01. 
  24. Ross, James (1998). "Crocodiles: Status Survey and conservation Action Plan. Second Edition. IUCN/SSC Crocodile Specialist Group". Arquivado dende o orixinal o 2012-03-29. Consultado o 2011-11-29. 
  25. "ตำนานและนิทานพื้นบ้านจังหวัดพิจิตร เรื่องชาละวัน- ไกรทอง" (en Thai). ท่องเที่ยวพิจิตร. Consultado o 19 June 2016. 
  26. "เปิดตัว พญาชาละวัน จากเรื่องไกรทอง 2015 เวอร์ชั่นนี้แซ่บเว่อร์ !!". Kapook.com (en Thai). 28 September 2015. Consultado o 19 June 2016. 
  27. "Line กนก 8 พฤศจิกายน 2558 FULL". Nation TV (en Thai). 8 November 2015. Consultado o 19 June 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]