Compañía de María Nosa Señora
A Orde da Compañía de María Nosa Señora é unha orde relixiosa católica adicada á educación. As relixiosas engaden ás iniciais O.D.N (en latín: Ordinis Dominae Nostrae) ao final dos seus nomes. Foi fundada en Bordeos (Francia) en 1607 por Xoana de Lestonnac sendo a primeira orde feminina que tiña como finalidade o ensino da muller.[1] Na actualidade, a Compañía de María está presente en: Francia, Albania, España, Italia, o Reino Unido, a República Democrática do Congo, Kenya, o Camerún, México, o Brasil, a Arxentina, Chile, o Perú, os Estados Unidos, Filipinas e o Xapón.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]Xoana de Lestonnac, logo de coñecer a tarefa dos xesuítas, decide fundar unha orde adicada á educación cristiá da muller a principios do século XVII. En 1606 eleva a súa proposta ao arcebispado de Bordeos, que recibe a proposta con escepticismo. O Concilio de Trento establecera que o monacato feminino debía vivir en estrita clausura, dificilmente compatible co maxisterio proposto. A solución atopada por Xoana de Lestonnac está na concepción arquitectónica cos seus colexios: o edificio contaría cunha estrutura tripartita, o corpo central, a igrexa, separaría os outros dous tramos do complexo: un para albergar a escola, o outro para o convento[3]. Deste xeito facíase posible combinar a contemplación relixiosa coa tarefa docente. Finalmente, o 7 de abril de 1607, o papa Paulo V aproba a orde da Compañía de María Nosa Señora. Deste xeito, foi a primeira orde relixiosa católica feminina adicada ao ensino e, en 1610, abriu o seu primeiro colexio na rúa du Hâ en Bordeos (hoxe en día, un templo protestante)[4]. No proxecto educativo da Compañía de María, Xoana de Lestonnac conxugou as influencias intelectuais que recibira ao longo da súa vida: o calvinismo, co seu énfase na educación da muller; o humanismo do seu tío Michel de Montaigne; así como a espiritualidade ignaciá e as innovacións pedagóxicas xesuítas (Ratio Studiourum)[5]. O éxito da experiencia de Bordeos levou á pronta fundación doutros colexios en Béziers (1616), Périgueux e Tolosa[6]. En 1638 imprímense as regras e constitucións da orde[7] e para cando morre Xoana de Lestonnac, en 1640, a Compañía de María sumaba 30 casas en Francia.
O longo dos seus catrocentos anos de existencia a Compañía de María difundiuse por diferentes países. O primeiro colexio fóra de Francia foi o de Barcelona en 1650[8], onde recibiu o nome "A Ensinanza" que se mantén noutros moitos centros desta orde. En 1754, a Compañía de María estableceuse en México, primeiro colexio en América; en 1948 en Mulo (República Democrática do Congo), primeiro centro en África, e 1959, a orde establece a súa casa de Toquio, Xapón, a primeira de Asia[9].
A Compañía de María en Galicia
[editar | editar a fonte]A Compañía de María rexenta cinco colexios en Galicia:
- Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela, fundado en 1759
- Colexio Compañía de María de Vigo, fundado en 1886
- Colexio Compañía de María de Ferrol, aberto en 1889[10]
- Colexio Compañía de María da Coruña, fundado en 1917[11]
- Colexio Compañía de María de Cangas establecido en 1925[12]
- Colexio Lestonnac de Ferrol, fundado en 1961[13]
Ademais, entre 1953 e 1990 existiu o Colexio Compañía de María de Lugo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Proxecto educativo Compañía de María. Ediciones Lestonnac. 2011. ISBN 978-84-921574-3-3.
- ↑ "Dans le monde". Orden de la Compañía de María N.S. (en francés). Consultado o 2021-01-25.
- ↑ Sokrator. ""La oportunidad de acercarme a la vida de una mujer extraordinaria que logró llevar adelante una propuesta revolucionaria"". www.newsodn.org. Consultado o 2021-01-25.
- ↑ "Temple du Hâ". Site officiel de la ville de Bordeaux (en francés). Consultado o 2021-01-25.
- ↑ Proxecto educativo Compañía de María. Ediciones Lestonnac. 2011. ISBN 978-84-921574-3-3.
- ↑ Marshman, Michelle (2003). "Patronage and Kinship in Women's Teaching Orders of Seventeenth-Century Bordeaux". Proceedings of the Western Society for French History 31. ISSN 2573-5012.
- ↑ Admin. "Juana de Lestonnac". Compañía de Maria (en castelán). Consultado o 2021-01-25.
- ↑ "Colegios Compañía de María, España". Colegios Compañía de María España. Arquivado dende o orixinal o 12-08-2020. Consultado o 26-1-2020.
- ↑ "The Company of Mary Our Lady". Orden de la Compañía de María N.S. (en inglés). Consultado o 2021-01-26.
- ↑ "La Compañía de María festeja su historia". La Voz de Galicia (en castelán). 2014-11-21. Consultado o 2021-01-26.
- ↑ "Un siglo de Compañía de María". La Voz de Galicia (en castelán). 2017-02-19. Consultado o 2021-01-26.
- ↑ "Historia do Centro". ciamariacangas.org. Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2021. Consultado o 2021-01-26.
- ↑ "Historia do Centro". lestonnacferrol.org. Arquivado dende o orixinal o 25 de xaneiro de 2021. Consultado o 2021-01-26.