Cistóforo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Cistóforo de Pérgamo, coa súa característica cista mística con serpe no seu anverso. Peso: 12,48 g.

O cistóforo (do grego: κιστοφόρος, kistophoros: en latín: cistophorus) ou tetradracma cistofórico foi unha moeda de prata do antigo Pérgamo, co valor de catro dracmas, caracterizada pola representación da cista mystica ("cofre sagrado") de Dioniso nos seus anversos.[1][2]

Emitíronse, así mesmo, moedas con esta mesma caracterización con valores dun dracma e didracmas. A súa circulación foi moi estendida por Asia menor no momento da conquista Romana.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

O cistóforo empezou a emitirse irregularmente entre os anos 190 e 160 a. de C., na cidade de Pérgamo, para dotar o Imperio Atálida dunha moeda que substituíse as moedas seléucidas e os vellos tetradracmas cuñados a nome do fundador da dinastía, Filetero (ca. 343-263 a. de C.).[4]

Malia ser catro dracmas o valor teórico do cistóforo, o seu peso era unicamente de 12,75 Gramos, equivalente a só tres dracmas do período helenístico (o padrón máis importante do tempo, cun dracma de 4,2 g), o que emparella o cistóforo máis co padrón ptolemaico (dracma de 3,55 g), propio do período de influencia romana en Exipto, que co da Grecia clásica.[5]

Cistóforo de Éfeso a nome de Marco Antonio e Octavia Menor, cuñado en 39 a. de C. Peso: 11,65 g.

Ademais de en Pérgamo, o cistóforo utilizouse tamén noutras cidades baixo control atálida, como é o caso de Alabanda e Cibyra, e seguiu a circular e a cuñarse no Imperio Romano, en tempos de Hadriano (117-138 d. de C.) moito tempo despois de que o reino fose conquistado por Roma. Entre os anos 57 e 48 a.C. emitíronse diversos cistóforos con indicación dos procónsules romanos e dos Maxistrados locais.[6]

Caracterización[editar | editar a fonte]

As emisións de cistóforos non continúan a tradición de amosar nos seus anversos os bustos reais. Esta ausencia de iconografía real interprétase como unha imposibilidade dos reis atálidas para se retrataren como autoridades carismáticas, ao estilo dos gobernantes helenísticos, xa que o reino, durante o período de Eumenes II, recibiu moito do seu poder practicamente como un agasallo de Roma.[7]

Os motivos representados máis recorrentemente nestas moedas relaciónanse coa descendencia dos reis atálidas de Dioniso e de Heracles. A cista mystica (que lle dá o nome de "cistóforo") dos seus anversos, da que sae unha serpe, representa a Dioniso, en tanto que os reversos amosan o carro de Deméter tirado por unhas serpes, representando a Heracles, cuxo fillo, Télefo, foi o fundador mitolóxico se Pérgamo.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Cistophorus". En Rich, Anthony. Dictionnaire des Antiquités romaines et grecques. 3ª ed. 1883
  2. "Cistóforo". En Algunos tipos de monedas antiguas. www.tesorillo.com
  3. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Cistóforo".
  4. Kay, Philip. Rome's Economic Revolution. Oxford University Press. Páxina 97. 2014. ISBN 978-0-19-150735-9
  5. "Cistophorus". En Smith, William. (1875).
  6. Mørkholm, Otto. Early Hellenistic Coinage from the Accession of Alexander to the Peace of Apamaea (336-188 BC). Cambridge University Press. 1991. Páxinas 9-10. ISBN 978-0-521-39504-5
  7. Thonemann, Peter. The Hellenistic World: Using Coins as Sources. Cambridge University Press. 2016. Páxina 80. ISBN 978-1-107-08696-8
  8. Harl, Kenneth W. "Livy and the Date of the Introduction of the Cistophoric Tetradrachma". En Classical Antiquity. Vol. 10. Nº 2. 1991. Páxina 269.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • "Cistophorus". Catálogo con imaxes e descricións en Coin Archives