Cinnamomum

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cinamomos (xénero Cinnamomum)

Alcanforeiro (Cinnamomum camphora)
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Laurales
Familia: Lauraceae
Xénero: Cinnamomum
Schaeff.
Especies

Véxase no texto.

Cinnamomum é un xénero de árbores e de arbustos perennes que pertencen á familia das lauráceas. As especies de Cinnamomum posúen aceites aromáticos nas súas follas e na casca. O xénero contén arredor de 300 especies, distribuídas en rexións tropicais e subtropicais de América do Norte, América Central, América do Sur, Asia, Oceanía e Australasia.

As especies notábeis de Cinnamomum inclúen: a caneleira (Cinnamomum verum ou C. zeylanicus), tamén coñecida coma cinamomo verdadeiro (de onde se tira a canela); a caneleira bastarda (Cinnamomum aromaticum ou C. cassia), o alcanforeiro (Cinnamomum camphora), a caneleira de Saigón ou do Vietnam (Cinnamomum loureiroi).

Descrición[editar | editar a fonte]

Son árbores ou arbustos; plantas hermafroditas. As follas son alternas (nas especies neotropicais) ou opostas, frecuentemente (sub) triplinervias. Teñen seis tépalos, iguais, erectos na antese; estames 9, 4-loculares, os 6 exteriores con lóculos introrsos, os 3 internos con lóculos extrorso-latrorsos, estaminodios 3, con ápice saxitado-cordado. O froito é unha baga asentada nunha cúpula non profunda, os tépalos frecuentemente son persistentes.[1]

Produtos de interese[editar | editar a fonte]

A casia xenuína, sen relación co xénero Cassia, que é o produtor de sen, obtense a partir de Cinnamonum cassia e, en menor medida, de C. tamala, C. burmannii etc; trátase dunha árbore oriúnda da Birmania cuxa cortiza seca se comercializa en forma de fitas ou fíos.

A canela ten a súa orixe na casca da caneleira (Cinnamomum zeylanicum), nativa do Ceilán, mais hoxe en día cultivada tamén noutras rexións tropicais de Asia, aínda que outros tipos de canela poden ser obtidos a partir de plantas diferentes, como Canella winterana, unha planta da familia Canelaceae procedente de América tropical. A canela só se extrae dos talos regromados, comercializándose en fitas, como aromatizante en comidas, licores, pasteis, perfumes etc., sendo os seus óleos de interese medicinal.

O alcanforeiro (Cinnamomum camphora), é unha árbore ornamental oriúnda da China, do Xapón e da Formosa, máis coñecido especialmente polo interese da súa madeira, da que se extrae por destilación o alcanfor, que hoxe en día tamén se obtén sinteticamente; trátase dun óleo sólido a temperatura ambiente de grande importancia en medicina, perfumaría e na fabricación de celuloide.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

O xénero foi descrito por Jacob Christian Schäffer e publicado en Botanica expeditior 74. 1760.[1] A especie tipo é Cinnamomum zeylanicum Blume.

Etimoloxía

Cinnamomum: nome xenérico que provén do grego Kinnamon o Kinnamomon, que significa madeira doce. Este termo grego probabelmente provén do hebraico quinamom, o cal ten orixe nunha versión anterior ao termo Kayu manis, que na linguaxe de Malaisia e Indonesia tamén quere dicir madeira doce.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Cinnamomum". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 25 de maio de 2013. 
  • Izco, J.; et al. (2004). Botánica. McGraw-Hill Interamericana de España, S.A.U. - Madrid. ISBN 84-486-0609-4. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]