Saltar ao contido

Cimícidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Cimicidae»)
Cimícidos
Rango fósil: Cenomaniano-Recente

Cimex lectularius
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Hemiptera
Suborde: Heteroptera
Superfamilia: Cimicoidea
Familia: Cimicidae
Latreille, 1802
Subfamilias e xéneros

Subfamilia Afrociminae

Subfamilia Cimicinae

Subfamilia Cacodminae

Subfamilia Haematosiphoninae

Subfamilia Latrocimicinae

Subfamilia Primicimicinae

Os cimícidos (Cimicidae) son unha familia de pequenos insectos hemípteros parasitos que se alimentan exclusivamente de sangue de animais de sangue quente, denominados en xeral chinches. Entre eles están a chinche das camas común Cimex lectularius, e o seu parente tropical similar Cimex hemipterus.[2] A familia contén unhas 100 especies. Os cimícidos apareceron no rexistro fósil no Cretáceo. Cando evolucionaron os morcegos no Eoceno, cambiaron de hóspede e agora aliméntanse principalmente de morcegos e aves. Membros deste grupo colonizaron os humanos en tres ocasións.

Os cimícidos xeralmente aliméntanse do sangue do seu hóspede cada tres a sete días, afastándose do hóspede e escondéndose mentres están dixerindo o sangue, o cal tarda varios días. Isto significa que se especializan en hóspedes vertebrados que volven regularmente a sitios determinados para estar no niño, descansar ou durmir. As aves e morcegos cumpren eses específicos requirimentos, como tamén os seres humanos que viven en casas, e estes son os seus principais hóspedes. A maioría dos cimícidos poden estar sen alimentarse durante longos períodos de tempo, nalgúns casos durante aproximadamente un ano.

Os cimícidos son tipicamente insectos pequenos, ovais, aplanados e sen ás. Son estimulados a saír dos seus esconderixos por sinais como un lixeiro aumento da temperatura dos seus arredores. Entre as características distintivas da familia están a inseminación traumática, na cal o macho fertiliza os ovos perforando a parede abdominal da femia co seu órgano intromitente. Tamén teñen unhas estruturas pares distintivas chamadas micetomas dentro dos seus corpos, nas cales almacenan bacterias simbióticas: estas poden axudarlles a obter nutrientes que non poden extraer do sangue. Aínda que os insectos poden adquirir virus e outros patóxenos mentres se alimentan, estes normalmente non se replican dentro do insecto e as infeccións non se transmiten a novos hóspedes.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]
Cimex lectularius alimentándose dun morcego

Todos os cimícidos son pequenos, de forma oval e planos, aínda que os seus corpos inchan despois de que se alimentan. Non voan, pero teñen pequenas almofadiñas alares non funcionais. Teñen pezas bucais perforadoras coas cales pinchan a pel e zugan o sangue do hóspede.[3] A miúdo considéranse ectoparasitos porque, aínda que non permanecen no seu hóspede unha vez que se alimentaron, permanecen nos confíns do sitio onde o hóspede ten o niño, póusase ou vive; porén, baixo outra definición, poderían considerarse micropredadores chuchadores de sangue.[4]

A reprodución dos cimícidos realízase por inseminación traumática; aínda que a femia ten un tracto xenital normal para poñer ovos, o macho nunca o usa (excepto na especie Primicimex cavernis), senón que fura a parede abdominal da femia co seu órgano intromitente e inxecta o esperma nunha estrutura de almacenamento chamada órgano de Berlese ou spermalege; despois o esperma migra polo sistema paraxenital da femia para chegar aos ovos e fecundalos.[5] Esta práctica puido evolucionar a medida que os machos competían entre si para depositar o seu esperma o máis preto posible dos ovarios;[6] nesa situación, o último macho inseminador enxendra máis proxenie que os seus predecesores.[7] Os machos montan a calquera individuo da súa especie que se acabase de alimentar, sen importar se é macho ou femia, e empezan a sondear o seu abdome na rexión do spermalege, recibindo así pistas táctiles, morfolóxicas e comportamentais que revelan o sexo do individuo montado. As femias por veces morren pola rotura do tubo dixestivo durante a inseminación; a inseminación a través do tracto reprodutor feminino non ocorre normalmente, excepto en condicións restrinxidas de laboratorio.[5]

Cómpre que se alimenten para que a femia poida poñer ovos e probablemente para que o macho poida producir esperma.[5] O comportamento de postura de ovos varía coa especie. C. lectularius deixa de poñer ovos fértiles uns 35 a 50 días despois da inseminación. A especie Oeciacus vicarius, parasita de aves, hiberna despois de aparearse en outono e empeza a poñer ovos en primavera para coincidir co retorno do seu hóspede migratorio, a andoriña americana Petrochelidon pyrrhonota.[8]

Os cinco estadios ou ínstares ninfais deben alimentarse de sangue para poderse desenvolver ata o seguinte estadio.[5] Unha chinche que non é molestada pode tardar de 3 a 15 minutos en inxerir unha comida completa dependendo do estadio vital no que se atope. Poden sobrevivir longos períodos de tempo sen alimentarse, reaparecendo dos seus esconderixos cando algún hóspede volve estar dispoñible. As chimches adultas viven de 3 a 12 meses se están nunha casa non tratada contra eles.[9]

Nun intento de laboratorio de cruzar unha femia de C. lectularius con machos de C. hemipterus, obtívose unha soa ninfa de 479 ovos que se puxeran. A ninfa posuía características das dúas especies, o que indica que era un híbrido e non un produto de partenoxénese.[10]

Comportamento

[editar | editar a fonte]

Os cimícidos son atraídos polos seus hóspedes por unha variedade de sinais, como a calor (mesmo unha diferenza de temperatura de só 1 °C) e cairomonas. Os sinais do hóspede (polo menos nalgunhas especies, como C. lectularius e Stricticimex antennatus) cambian de atraentes a repelentes unha vez que o cimícido se alimentou, causando que se vaia da zona de perigo despois de que comeu.[5]

A maioría dos cimícidos aliméntanse unha vez cada tres a sete días en condicións naturais. C. lectularius normalmente aliméntase unha vez cada sete días e Ornithocoris toledoi cada oito días, aínda que C. hemipterus observouse que se alimentaba cada día durante un período de varios días (en clímas cálidos). As temperaturas excesivamente quentes ou frías alteran o comportamento normal.[5] Todos os cimícidos albergan bacterias simbiontes en estruturas pares chamadas micetomas. Aínda que a importancia destas non foi ben estudada, poden ter que ver coa biosíntese de nutrientes que o insecto non pode sintetizar por si mesmo, como no caso doutros insectos chuchadores de sangue.[5]

Moitos cimícidos poden vivir sen comer durante longos períodos, nalgúns casos ano e medio.[11] Isto permítelles sobrevivir o inverno nos pousadoiros de verán de morcegos incluso cando os morcegos marchan para invernar noutra parte, e pode ser unha importante característica adaptativa debido á súa limitada capacidade de dispersión. Os cimícidos foron observados ocasionalmente colgando das ás dos morcegos lonxe do pousadoiro e isto é probablemente a maneira en que o insecto se dispersa. Os cimícidos non teñen adaptacións especiais que lles permitan viaxar desta maneira, porén os únicos dous membros da subfamilia Primicimicinae, Bucimex chilensis e Primicimex cavernis teñen garras e unha ringleira erecta de espiñas como pugas no tarso e observouse que se penduraban do pelame dos morcegos con elas.[9]

Hóspedes

[editar | editar a fonte]
Oeciacus hirundinis aliméntase de sangue de andoriñas.

Os cimícidos son un grupo especializado de parasitos chuchadores de sangue que se alimentan principalmente de morcegos, aves e humanos.[5] Pénsase que evolucionaron de antepasados predadores heterópteros, e un 60% das especies existentes utilizan os morcegos como hóspedes primarios. Os morcegos son mamíferos sociais e moitas especies congréganse en pousadoiros comunais para dar a luz e criar os fillos. Estes pousadoiros proporcionan unhas condicións excelentes para os seus ectoparasitos artrópodos, cunha temperatura constante e oportrunidades para alimentarse regularmete de sangue. Porén, os morcegos acicálanse frecuentemente de forma individual ou un a outro, o que pon os parasitos no risco de ser comidos. Os cimícidos fan diminuír este risco agochándose en lugares apartados entre os episodios de alimentación, e producindo unha substancia repelente que os fai de mal sabor.[9]

En termos evolutivos, a maioría das especies de cimícidos probablemente se especializaron en morcegos e paxaros insectívoros, coa posibilidade de dispersarse a outros sitios por medio dos seus hóspedes alados. Cando un morcego torna ao pousadoiro, pode que só estea dispoñible para o cimícido durante un curto tempo antes de que arrefríe e entre nun estado de torpor, cun fluxo sanguíneo reducido. Orixinouse unha nova oportunidade cando os morcegos vivían en estreita proximidade cos humanos, en covas ou no tellado das cabanas; o cimícido podía utilizar o gran tamaño e a homeotermia dos humanos, que lle proporcionarían unha abundante subministración de alimento, o que levou ao crecemento e expansión das poboacións do ectoparasito.[4]

Os cimícidos están relativamenrte especializados na súa elección de hóspede en comparación con outros insectos hematófagos. A maioría deles teñen un hóspede preferente, pero aceptan algúns outros cando se lles presenta a oportunidade, como fan C. lectularius e C. hemipterus, que se encontran normalmente entre os humanos, pero que poden tamén sobrevivir alimentándose de aves, morcegos, coellos e ratos. As subfamilias Primicimicinae e Latrocimicinae usan como hóspedes morcegos do Novo Mundo, mentres que os Afrocimicinae e Cacodminae utilizan morcegos do Vello Mundo. Os morcegos son un mamífero moi conveniente para eles porque se poden aproveitar de que se pousan comunalmente e moi xuntos e retornan ao mesmo pousadoiro regularmente. Precisamente, algunhas especies de morcegos quizais cambian regularmente de pousadoiro para evitaren os parasitos. A subfamilia Haematosiphoninae utiliza as aves das familias dos cirrios (Apodidae) e as andoriñas (Hirundinidae).[4] Unha especie, P. cavernis, ten unha distribución moi limitada e parece usar unha soa especie de hóspede morcego.[9]

O cambio de hóspede depende de varios factores, como o solapamento nos sinais de detección do hóspede e a capacidade de dixerir diferentes tipos de sangue. Por exemplo, os glóbulos vermellos dos polos son de 3 a 5 μm máis longos en diámetro que os dos humanos, o que fai o sangue humano máis axeitado para a estreita canle alimenticia de C. lectularius. Por outra parte, C. hemipterus pode variar o tamaño da súa canle alimenticia, o que lle dá maior flexibilidade na súa elección de hóspedes. A preferencia por unha especie hóspede pode variar entre as poboacións dunha determinada especie; as causas non están claras.[5]

Efectos no hóspede

[editar | editar a fonte]

Entre os efectos da alimentación do cimícido no hóspede están causar unha resposta inmunitaria que orixina malestar, a transmisión de patóxenos, infeccións secundarias no sitio da picada, cambios fisiolóxicos como a deficiencia de ferro e a redución da fitness (crecemento lento, pequeno tamaño ou falta de éxito reprodutivo). Os hóspedes poden defenderse contra o ataque elixindo sitios non infectados e acicalándose, mentres que os cimícidos poden maximizar o seu éxito reducindo o tempo de alimentación, seleccionando sitios de alimentación no corpo estean fóra do alcance das actividade de acicalamento do hóspede, elixindo alimentarse en momentos en que o hóspede está inactivo e retirándose a un lugar seguro en canto acabaron de saciarse.[5]

Aínda que os cimícidos poden adquirir virus e patóxenos, raramene os transmiten aos seus hóspedes. O. vicarius é un vector de varios arbovirus, pero os virus non o matan. Trypanosoma cruzi, o tripanosoma causante da enfermidade de Chagas, raramente se transmite aos morcegos por medio dos cimícidos, pero non se viu que se replicase despois desa transmisión. O VIH e o virus da hepatite B poden persistir en C. lectularius dúas semanas, pero sen replicación viral. A posibilidade de que estes e a maioría dos restantes virus se transmitan de C. lectularius a humanos considérase extremadamente remota.[5][12][13]

Evolución

[editar | editar a fonte]

A chinche fósil Quasicimex eilapinastes identificouse en 2008 en ámbar birmano do Cretáceo tardío de hai 99 millóns de anos.[14] A análise molecular suxire que os cimícidos se diversificaron antes da existencia dos morcegos, que son os seus hóspedes primarios hoxe, o que suxire unha repetida colonización dos morcegos a partir duns hóspedes descoñecidos.[15]

A análise molecular de cinco xenes mitocondriais e nucleares mostrou que os Cimicidae forman un clado. Os Primicimicinae son un grupo irmán do clado que contén todas as outras especies existentes. A análise, datada usando fósiles, dá unha data estimada de 115 millóns de anos no Cretáceo para a evolución dos primeiros Cimicidae. Cando apareceron os morcegos hai uns 50 millóns de anos, os parasitos cambiaron de hóspede, pasando a alimentarse de morcegos e aves a partir de entón. O grupo colonizou os humanos en tres ocasións. O xénero Cimex considérase polifilético.[9]

Cimicidae[9]
Primicimicinae

Primicimex

Bucimex

Cadocminae

Leptocimex

Cadocmus e aliados

Cimicinae

Paracimex

Oeciacus e parte de "Cimex" (inc. C. hemipterus e C. pipistrelli)

parte de "Cimex" (inc. C. lectularius)

Os Afrocimicinae, Haematosiphoninae e Latrocimicinae non foron incluídos na análise.[9]

  1. "Oeciacus hirundinis (Lamarck, 1816)". Integrated Taxonomic Information System. 1996. Consultado o 28 de febreiro de 2020. 
  2. Ibrahim, O; Syed, UM; Tomecki, KJ (marzo de 2017). "Bedbugs: Helping your patient through an infestation.". Cleveland Clinic Journal of Medicine 84 (3): 207–211. PMID 28322676. doi:10.3949/ccjm.84a.15024. 
  3. Jones, Susan C.; Jordan, Kyle K. "Bat Bugs" (PDF). Ohio State University Extension Fact Sheet. Ohio State University. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de marzo de 2017. Consultado o 4 de xaneiro de 2017. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Talbot, Benoit; Keyghobadi, Nusha; Fenton, Brock (2019). "Bed bugs: The move to humans as hosts". FACETS 4: 105–110. doi:10.1139/facets-2018-0038. 
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 Reinhardt, Klaus; Siva-Jothy, Michael T. (2007). "Biology of the bed bugs (Cimicidae)" (PDF). Annual Review of Entomology 52: 351–374. PMID 16968204. doi:10.1146/annurev.ento.52.040306.133913. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de xullo de 2011. Consultado o 26 de maio de 2010. 
  6. Waldbauer, Gilbert (11 de febreiro de 1998). Insects through the seasons. Harvard University Press. p. 63. ISBN 978-0-674-45489-7. 
  7. Stutt, A.D.; Siva-Jothy, M.T. (2001). "Traumatic insemination and sexual conflict in the bed bug Cimex lectularius". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 98 (10): 5683–5687. Bibcode:2001PNAS...98.5683S. PMC 33273. PMID 11331783. doi:10.1073/pnas.101440698. 
  8. Schlesinge, Walter R. (2012). The Togaviruses: Biology, Structure, Replication. Elsevier. p. 193. ISBN 978-0-323-13826-0. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 Ossa, Gonzalo; Johnson, Joseph S.; Puisto, Anna I.E.; Rinne, Veikko; Sääksjärvi, Ilari E.; Waag, Austin; Vesterinen, Eero J.; Lilley, Thomas M. (2019). "The Klingon batbugs: Morphological adaptations in the primitive bat bugs, Bucimex chilensis and Primicimex cavernis, including updated phylogeny of Cimicidae". Ecology and Evolution 9 (4): 1736–1749. PMC 6392402. PMID 30847069. doi:10.1002/ece3.4846. 
  10. Newberry, K. (xullo de 1988). "Production of a hybrid between the bedbugs Cimex hemipterus and Cimex lectularius". Medical and Veterinary Entomology 2 (3): 297–300. ISSN 0269-283X. PMID 2980186. doi:10.1111/j.1365-2915.1988.tb00199.x. 
  11. Johnson, C.G. (1941). "The ecology of the bed-bug, Cimex lectularius L., in Britain: Report on Research, 1935–1940". Epidemiology & Infection 41 (4): 345–461. PMC 2199707. PMID 20475600. doi:10.1017/S0022172400012560. 
  12. "What Are Bed Bugs? How To Kill Bed Bugs". Medical News Today. MediLexicon International Ltd. 20 de xullo de 2009. Consultado o 27 de maio de 2010. 
  13. Goddard, J.; deShazo, R. (2009). "Bed bugs (Cimex lectularius) and clinical consequences of their bites". JAMA 301 (13): 1358–1366. PMID 19336711. doi:10.1001/jama.2009.405. 
  14. Engel, M. S. (2008). "A stem-group cimicid in mid-Cretaceous amber from Myanmar (Hemiptera: Cimicoidea)". Alavesia 2: 233–237. 
  15. Roth, Steffen; Balvín, Ondřej; Siva-Jothy, Michael T.; Iorio, Osvaldo Di; Benda, Petr; Calva, Omar; Faundez, Eduardo I.; Khan, Faisal Ali Anwarali; McFadzen, Mary; Lehnert, Margie P.; Naylor, Richard (2019-06-03). "Bedbugs Evolved before Their Bat Hosts and Did Not Co-speciate with Ancient Humans". Current Biology (en English) 29 (11): 1847–1853.e4. ISSN 0960-9822. PMID 31104934. doi:10.1016/j.cub.2019.04.048. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]