Saltar ao contido

Ciencias da Terra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As ciencias da Terra ou xeociencias son as disciplinas das ciencias naturais que estudan a estrutura, morfoloxa, evolución e dinámica do planeta Terra. Forman tamén parte das ciencias planetarias, as cales ocúpanse do estudo dos planetas do Sistema Solar.

Particularidades respecto doutras ciencias

[editar | editar a fonte]

As ciencias da Terra abarcan o estudo temporal e espacial do planeta desde un punto de vista físico, incluíndo a súa interacción cos seres vivos. As variadas escalas espazo-temporais da estrutura e a historia da Terra fan que os procesos que nela teñen lugar sexan resultado dunha complexa interacción entre procesos de distintas escalas espaciais (desde o milímetro ata os miles de quilómetros) e escalas temporais que abarcan desde as centésimas de segundo ata os miles de millóns de anos. Un exemplo desta complexidade é o distinto comportamento mecánico que algunhas rochas teñen en función dos procesos que se estuden: mentres as rochas que compoñen o manto superior responden elásticamente ao paso das ondas sísmicas (con períodos típicos de fraccións de segundo), responden como un fluído nas escalas de tempo da tectónica de placas. Outro exemplo do amplo abanico de escalas temporais é o cambio climático, que se produce en períodos de entre millóns de anos a uns poucos anos, onde se confunde coas escalas propias do cambio meteorolóxico.

Como o obxecto de estudo (a Terra) non é manipulable e a obtención de datos directos é limitada, as técnicas de simulación análoga ou computacional son de moita utilidade.

Relevancia

[editar | editar a fonte]

As ciencias da Terra constitúen unha ferramenta para planificar unha explotación racional dos recursos naturais, comprender as causas que orixinan os fenómenos naturais que afectan ao ser humano e como o ser humano inflúe na natureza coas súas accións.

Doutra banda, as ciencias da Terra permítennos entender os procesos naturais que favoreceron e/ou ameazan a vida do home, e o seu estudo está ligado tanto ao estudo dos fluxos de enerxía na natureza e ao aproveitamento dos mesmos, como á prevención de riscos medioambientais, sísmicos, meteorolóxicos e volcánicos, entre outros.

As ciencias da Terra atópanse en constante evolución. A xeografía de Plinio o Vello só describía os elementos da superficie da Terra sen ligalos a través de procesos, e dábase pouca importancia á dinámica de cambios e a interacción cos elementos que compoñen o medio ambiente. Durante os primeiros séculos de exploración europea[1] iniciouse unha etapa de coñecemento moito máis detallado dos continentes e océanos. Cartografáronse en detalle, por exemplo, as aliñacións magnéticas no océano Atlántico, que serían de grande utilidade para a navegación intercontinental. En 1596, por exemplo, Abraham Ortelius albisca xa a hipótese da deriva continental, precursora da teoría da tectónica de placas. Antes, os exploradores españois e portugueses, acumularan un detallado coñecemento do campo magnético terrestre. O nacemento dos conceptos básicos da xeoloxía (gradualismo, superposición, etc), no século XVII e XVIII (p.e., James Hutton) ou a meteoroloxía, deu paso a unha eclosión no estudo da Terra. Hoxe, as ciencias da Terra son unha extensión máis das ciencias físicas cuantitativas baseadas no empirismo, a experimentación e a reproducibilidade das observacións.

Disciplinas

[editar | editar a fonte]
Sismógrafo, aparello que rexistra a intensidade das ondas sísmicas e a distancia desde o lugar onde se produce o sismo (epicentro).
  • Estudo da Terra sólida:
    • Xeofísica, estudo do planeta desde o punto de vista da física. Analízanse e modelan os fenómenos e anomalías xeolóxicas, co fin de lograr unha descrición matemática e xeométrica das mesmas.
    • Xeomorfoloxía, estuda as formas da superficie terrestre, relacionadas coas estruturas e litoloxía do subsolo e os procesos erosivos que moldean as superficie.
    • Xeografía, estuda a relación e interacción da superficie terrestre co home.
    • Xeoquímica, estuda a abundancia absoluta e relativa, distribución e migración dos elementos que conforman a Terra.
    • Paleontoloxía, estuda os fósiles de plantas e animais, a evolución da vida no noso planeta e a utilidade xeocronolóxica referente ás sucesións fantastícas atopadas nas rochas.
    • Ciencia do chan, estuda o chan como recurso natural.
    • Xeodesia, estuda a terra tendo en conta a súa curvatura.
  • Climatoloxía, estudo do clima terrestre actual e no pasado xeolóxico.
  • Hidroloxía, estuda a distribución, espacial e temporal, e as propiedades da auga presente na atmosfera e na codia terrestre.
  • Meteoroloxía, estudo da dinámica atmosférica e o tempo meteorolóxico.
  • Oceanografía ou oceanoloxía, estuda a dinámica oceánica como as mareas, a ondada e as correntes. Estuda a vida e o chan oceánico co fin dunha comprensión completa da formación e evolución do planeta terra (estudo de fosas, dorsais, illas e cordilleiras mergulladas).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]