Chris Penn

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Chris Penn
Nacemento Christopher Shannon Penn
10 de outubro de 1965
Os Ánxeles, California
Falecemento 24 de xaneiro de 2006
Santa Monica, California
Profesión Actor
Coñecido/a por Reservoir Dogs
Ficha na IMDb

Christopher Shannon "Chris" Penn, nado nos Ánxeles o 10 de outubro de 1965 e finado en Santa Monica (California) o 24 de xaneiro de 2006, foi un actor estadounidense. Normalmente tiña papeis de personaxes brutos, delincuentes, de clase traballadora ou cómicos. Dúas das súas actuacións máis memorables foron en Reservoir Dogs de Quentin Tarantino, no papel de Nice Guy Eddie, e en True Romance como Nicky Dimes. En 1996 gañou o premio ao mellor actor de reparto no Festival Internacional de Cine de Venecia polo filme The Funeral.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi o menor dos tres fillos do director de cine Leo Penn e a actriz Eileen Ryan, e irmán do tamén actor Sean Penn e o músico Michael Penn. Foi parella da modelo Steffiana de la Cruz entre 1993 e 1999.

Comezou a actuar aos 11 anos en Loft Studio e fixo o seu debut cinematográfico en 1979 na película Charlie and the Talking Buzzard. En 1983 participou en Rumble Fish, drama dirixido por Francis Ford Coppola, e en All the Right Moves, protagonizada por Tom Cruise, onde interpretaba o seu mellor amigo. Tamén tivo un papel no musical Footloose de 1984, no western dirixido por Clint Eastwood Pale Rider de 1985 e en All the Right Moves (1986), compartía película co seu irmán Sean Penn e súa nai.

En 1993 traballa en Short Cuts de Robert Altman, onde interpretou a un encargado da limpeza dunha piscina preocupado pola súa esposa, traballadora dunha liña erótica que atendía aos clientes desde a súa casa.

Interveu nun episodio da serie de televisión Law & Order: Criminal Intent durante a temporada 2004-2005, púxolle a voz a Eddie Pulaski no videoxogo Grand Theft Auto: San Andreas e participou en The Darwin Awards, película estreada un día despois da súa morte no Festival de Cine de Sundance.

Falecemento[editar | editar a fonte]

Chris Penn foi atopado morto na súa casa de Santa Mónica o 24 de xaneiro de 2006, con 40 anos. A pesar do seu consumo pasado de drogas, a autopsia realizada pola forense do condado dos Ánxeles revelou que a causa principal da morte foi unha cardiomiopatía non específica, provocada por unha dilatación do corazón e unha serie de medicamentos.[1] O seu irmán Sean Penn ten dito que a morte do seu irmán foi producida principalmente polo seu elevado peso.[2]

Está soterrado do cemiterio de Holy Cross de Culver City, California.

Filmografía[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]