Chopo branco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O chopo branco[1][2][3], álamo branco[2][4] ou chopo prateado[2] (Populus alba), é unha árbore de ribeira pertencente ás salicáceas. En Galiza non é común agás en xardinaxe.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Nome científico[editar | editar a fonte]

O nome xenérico Populus (do latín, 'popular') por ser abundante e en gran cantidade. O nome específico alba refírese á cor abrancazada do envés das follas.

Orixe e hábitat[editar | editar a fonte]

  • Europa, Asia, norte de África.
  • Medra no centro e sur de Europa, Asia central, norte de África, e en toda a Península Ibérica, sendo moi escaso en Galiza de xeito natural.

Descrición[editar | editar a fonte]

Casca do álamo branco.
Populus alba

Árbore caducifolia corpulenta de forma arredondada e rápido crecemento, que pode acadar os 30 m de altura e 1 m de diámetro, de forma larga e porte de columna, de groso toro e sistema radical forte, con numerosas raíces secundarias longas que emiten multitude de fillos. Casca lisa, abrancazada, cinsenta, fendida, máis escura no baseamento, con cicatrices negrexadas de pólas vella. A copa é larga e irregular. Poliñas e gomos tomentosos (cubertos de lanuxe). As follas son caedizas, simples, alternas, ovais ou palmadas, de bordo dentado; cubertas no envés dunha camada mesta aveludada de cor abrancazada. Follas tomentosas nas dúas faces e no pecíolo, variábeis nos gomos, con 3-5 lóbulos, brancas e vilosas de novas, as adultas coa face verde escura, glabra e envés densamente branco-tomentoso, limbo moi polimorfo. Follas maiores normalmente palmado-lobuladas, de base a xeito de corazón. Follas das poliñas arredondadas a ovadas, pouco lobuladas, con menos tomento. Candeas pénsiles. As masculinas de 3–6 cm de lonxitude, con lanuxe. As femininas máis longas e magras.
Polo outono a coloración é marrón ou amarelenta. As flores masculinas son grandes e arroibadas, en candeas ou amentos pénsiles, as femininas son de cor amarela-verdosa en pés distintos. Florea de febreiro a abril normalmente, antes de que abrochen as follas.

O froito é nunha cápsula bivalva, ovoide e sen vilosidade. As sementes comportan unha lanuxe a xeito de penacho.

Cultivo e usos[editar | editar a fonte]

Cultivo

  • Reprodución
    • Multiplícase por espeques e por gomos que agroman decote arredor do pé adulto.
  • Podas
    • Admite podas enérxicas para reducir a molesta floración para persoas alérxicas.
  • Solo
    • Medra en solos frescos, ricos (mais non ten grandes requirimentos en canto ao tipo de solo, podendo morar en solos pobres calcarios) e húmidos achegados aos regos.
    • Ademais, son capaces de medraren nun solo areento costeiro soportando eventuais enchentes por auga de mar no sistema radicular.
  • Clima
    • Atura ben o frío e as calores excesivas sempre que teña auga dispoñíbel.
    • Posúe un crecemento rápido.
    • Pola cantidade de fillos que bota, pode competir con outras especies achegadas.
    • As súas raíces son agresivas, polo que cómpre desbotar a plantación preto de instalacións ou construcións.
  • Condicións: os álamos poden aturar a polución e a influencia do mar polo que é empregado como pantalla de defensa preto do mar.
  • Pragas e enfermidades: mosca branca, oídio etc.

Usos

  • A madeira úsase en imaxinaría, tamén se usou a casca para curtir e tinxir.
  • A madeira homoxénea de densidade lixeira, porosa e de doado secado e rápido; é resistente á abrasión e elástica:
A madeira utilízase en carpintaría lixeira, pasta de celulosa, paneis, taboleiros, embalaxes, mistos pola súa combustión a modo, chans etc.
  • A var. pyramidalis Bunge (chopo boleana, Populus bolleana Carr.) posúe o toro uniformemente ramificado case dende a base e o porte é piramidal. É moi utilizada en plantacións en ringleira polo seu porte. Soporta solos pobres, arxilosos ou calcarios. É orixinaria do Turquestán.
  • Aplicacións máxicas: o álamo branco (Eadha) correspondía coa letra E no antigo alfabeto druídico Ogham:
As xemas e follas do chopo prateado levábanse no peto para atraer o diñeiro.
  • Cultívase coma árbore ornamental, mais necesitan de espazos amplos. Dan nome ao tipo de xardín urbano denominado alameda (ex. Alameda de Vigo). Plantábanse para dar sombra nas vilas e pola cor da súa casca, co contraste das súas follas e o agradábel recendo que ten.
  • Moi utilizado coma pantalla do vento e en camiños preto do mar.
  • Popularmente recoñécese o chopo prateado como unha árbore con propiedades de sandar. As chagas de hospitalización e outras feridas menos graves poden curarse utilizando a auga de cocemento das súas follas (ou da casca) para lavar as mesmas.

Árbores senlleiras en Galiza[editar | editar a fonte]

O chopo branco do balneario de Cuntis está incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Sinonimia[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chopo.
  2. 2,0 2,1 2,2 Nome vulgar galego en Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004 e Vocabulario forestal, Universidade de Santiago de Compostela/Deputación de Lugo, 2012
  3. Luís Daviña Facal (2000): Diccionario das ciencias da natureza e da saúde. Tomo 2. C. A Coruña, Deputación da Coruña, páx. 908. ISBN 84-95335-46-8
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para álamo.
  5. Sinónimos en Real Jardín Botánico

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]