Esgonzo ibérico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Chalcides bedriagai")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Esgonzo ibérico
Chalcides bedriagai 01 by-dpc.jpg
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Reptilia
Orde: Squamata
Infraorde: Scleroglossa
Familia: Scincidae
Xénero: Chalcides
Especie: 'C. bendriagai'
Nome binomial
'Chalcides bedriagai'
Boscá, 1880[1]
Distribución de Chalcides bedriagai.

Distribución de Chalcides bedriagai.
Subespecies
  • Chalcides bedriagai bedriagai, Boscá, 1880.
  • Chalcides bedriagai cobosi , Valverde, 1998.
  • Chalcides bedriagai pistaciae , Valverde, 1966.
Sinonimia

[1]

  • Gongylus ocellatus bedriagai Boscá, 1880
  • Chalcides bedriagai albaredae Valverde, 1968
  • Chalcides bedriagai
    — Malkmus, 1982

O esgonzo ibérico ou escáncer de patas ibérico[2] (Chalcides bedriagai) é unha especie de lagarto da familia dos escíncidos endémico da península Ibérica. Está presente en zonas costeiras de Galicia, pero é moito máis escaso que o outro esgonzo galego, o esgonzo común. As poboacións galegas do esgonzo ibérico pertencen á subespecie Chalcides bedriagai pistaciae. O seu nome científico déuselle polo herpetólogo Jacques von Bedriaga.[3]

Descrición[editar | editar a fonte]

É un lagarto de pequeno tamaño, cunha cabeza pequena, triangular, alargada e con fociño arredondado. O seu corpo é curto e groso de sección arredondada ou cuadrangular, recuberto de escamas lisas e brillantes. Extremidades pequenas, pero maiores que as do esgonzo común, e teñen 5 dedos (no esgonzo común son 3 dedos). O rabo de sección circular de menor lonxitude que o corpo. A especie ten dimorfismo sexual, xa que as femias son de maior tamaño, pero polo demais son moi parecidas aos machos. A coloración pode ser de pardo-amarelada a olivácea, co ventre abrancazado ou de tons amarelos. Poden ter pequenos ocelos. A especie é ovovivípara.

Distribución[editar | editar a fonte]

É unha especie endémica da Península Ibérica e distribúese na maior parte dela, agás no extremo norte (Cordilleira Cantábrica, Asturias e País Vasco) e falta tamén en gran parte de Galicia e en moitas zonas de Portugal. En Galicia ten unha distribución limitada en zonas das Rías Baixas, na zona de Muros-Carnota e nas illas Cíes e na de Ons.[4] Existen poboacións en illas tanto no Atlántico (en Galicia as xa mencionadas das Illas Cíes, e Illa de Ons, en Portugal na illa do Pesegueiro, e no sur na Illa de Sancti Petri gaditana), coma no Mediterráneo (illas do Mar Menor e Illa de Tabarca).

Hábitat[editar | editar a fonte]

A práctica totalidade da súa área de distribución encóntrase dentro da rexión bioclimática mediterránea e nas zonas máis frescas, suroeste de Galicia, sur de Cantabria e norte de Burgos, sempre ocupa áreas moi térmicas.

Necesita unha serie de requirimentos básicos, solos (preferentemente areoso ou terroso), abundantes refuxios (pedras, raíces e follas secas) e orientación (zonas solleiras térmícas), cuxa falta ou escaseza poden limitar a súa presenza. En Galicia viven principalmente en zonas de dunas e áreas areosas próximas ás praias con vexetación herbácea e mato.

Ameazas[editar | editar a fonte]

Ao ser unha especie en xeral escasa, cunha distribución moi localizada e vinculada a determinados hábitats, calquera modificación destes provoca a desaparición de toda a poboación. As poboacións das illas e as costeiras son as que están máis ameazadas pola excesiva presenza humana e as súas consecuencias (incendios, captura ilegal, destrución do hábitat etc.) e a presión urbanística nas costas tanto mediterráneas coma atlánticas, que fan temer pola súa conservación. A IUCN clasifícaa como especie "case ameazada".[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 The Reptile Database. [1].
  2. Conde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" Arquivado 27 de agosto de 2016 en Wayback Machine. en Cadernos de Lingua, 13, páx. 85. Real Academia Galega.
  3. Beolens B, Watkins M, Grayson M. 2011. The Eponym Dictionary of Reptiles. Baltimore: Johns Hopkins University Press. xiii + 296 pp. ISBN 978-1-4214-0135-5. (Chalcides bedriagai, p. 21).
  4. Pedro Galán Regalado, Gustavo Fernández Arias. Anfibios e réptiles de Galicia. Colección Montes e Fontes. Edicións Xerais de Galicia S.A. 1993. Páxinas 356-359. ISBN 84-7507-722-6.
  5. Juan M. Pleguezuelos, Paulo Sá-Sousa, Valentin Pérez-Mellado, Rafael Marquez, Iñigo Martínez-Solano (2009). "Chalcides bedriagai". IUCN Red List of Threatened Species. Versión 2013.2. International Union for Conservation of Nature. Consultado o 6 de xaneiro de 2014.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]