Caso Jimmy

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pintada en homenaxe a Jimmy nos arredores do Estadio de Riazor, A Coruña

O caso Jimmy refírese aos sucesos relacionados co asasinato de Francisco Javier Romero Taboada «Jimmy» o 30 de novembro de 2014 en Madrid, España. Jimmy era un membro do grupo ultra Riazor Blues, seareiros do Deportivo da Coruña. Desprazárase a Madrid para asistir ao encontro contra o Club Atlético de Madrid no estadio Vicente Calderón, da 13ª xornada da Primeira División de España 2014/15. Esa mañá, os membros de Riazor Blues víronse implicados nunha pelexa multitudinaria contra membros do grupo Frente Atlético no Parque Madrid Río.

Na liorta, Jimmy foi chimpado ao río Manzanares por membros do Frente e finou por un forte traumatismo cranioencefálico.[1]

Liorta[editar | editar a fonte]

Francisco Javier Romero Taboada «Jimmy» era un coruñés de 41 anos, pai dun fillo.[2] Formaba parte desde a súa fundación dos Riazor Blues, o grupo ultra de seguidores do Real Club Deportivo da Coruña. Dentro destes, era membro da sección denominada «Los Suaves», a máis violenta e radical do grupo.[1] A súa antigüidade dentro dos Riazor Blues valéralle o alcume de «El Abuelo». Participara en numerosas liortas e tiña antecedentes penais por violencia e narcotráfico.[3]

O 30 de novembro de 2014 xogábase ás 12:00 no estadio Vicente Calderón de Madrid o encontro correspondente á 13ª xornada da Primeira División 2014-15. Membros dos Riazor Blues e do Frente Atlético citáronse contra as 8:00 dese día a través de redes sociais, para agredírense mutuamente.[2] Ambos grupos pertencen ao movemento ultra e defenden ideoloxías políticas opostas. O Frente Atlético considérase afín á ultradereita, mentres que os Riazor Blues son próximos á extrema esquerda.

A axitada liorta deixou numerosos feridos, varios deles por arma branca.[2] Neste escenario, varios membros dos Riazor Blues, entre os que se atopaba «Jimmy», foron chimpados ao río Manzanares. «Jimmy» sufriu diversos traumatismos e lesións na cabeza e o abdome. Unha esgazadura esplénica e unha hemorraxia aguda terminaron por causarlle a morte.[2]

Investigación xudicial[editar | editar a fonte]

O Frente Atlético nos chanzos do Estadio Vicente Calderón

O Xulgado de Instrución Nº 20 de Madrid arquivou en xuño de 2018 a causa relacionada co "homicidio e lesións" na que se atopaba a investigación pola morte de Jimmy e as lesións sufridas por outro ultra dos Riazor Blues, tamén chimpado ao Manzanares. O xuíz argumentou que resultaba imposíbel determinar a identidade dos autores coas probas achegadas, entre elas un vídeo da liorta.[4]

En setembro dese ano o mesmo xulgado sobreseu as actuacións contra 87 investigados no caso en relación co delito de rifa tumultuaria, xa que «non resultaba debidamente acreditada a perpetración do delito que deu lugar á causa». Mantense a causa polo delito de rifa tumultuaria contra oito investigados e contra outros dous polos delitos de atentado á autoridade e lesións.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "'Jimmy' murió a causa de un grave traumatismo craneoencefálico". Mundo Deportivo (en castelán). 1 de decembro de 2014. Consultado o 24 de xaneiro de 2016. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Sentencia menores 4 juicio caso Jimmy" (PDF). La Voz de Galicia (en castelán). 10 de febreiro de 2016. Consultado o 20 de decembro de 2016. 
  3. "Jimmy tenía antecedentes por malos tratos a su mujer y tráfico de estupefacientes". Europa Press (en castelán) (Madrid). 3 de decembro de 2014. Consultado o 24 de xaneiro de 2016. 
  4. "El ‘caso Jimmy’, cerrado sin autor conocido". El País (en castelán) (Madrid). 27 de xuño de 2018. Consultado o 17 de xuño de 2019. 
  5. Ballesteros, Roberto R. (9 de setembro de 2018). "El juez archiva el 'caso Jimmy' para 90 de los 100 imputados por la reyerta de ultras". El Confidencial (en castelán) (Titania Compañía Editorial). Consultado o 17 de xuño de 2019.